Skip to Content

Este Entroido 2020 celebramos a diversidade!

E chegou o Entroido! A festa onde todas as aparencias son posibles, os doces teñen forma de orellas, flores e filloas e a música e o humor o invaden todo. O noso instituto non queda á marxe desta celebración tradicional e o pasado venres 21 foi o día grande logo de tres semanas de preparativos. Pasalo ben e convivir ao longo dunha xornada atípica non era o único obxectivo. O propósito foi usar o Entroido como un pequeniño proxecto interdisciplinar impulsado dende as titorías do centro e coordinado dende a Biblioteca escolar.

O noso tema foi a macedonia... e non foi escollido de xeito casual. Quixemos usar esta ensalada de froitas como pretexto para falarmos da diversidade e da inclusión, temas de varios programas educativos que se están a desenvolver neste curso e nos que participa a Biblioteca escolar. Semana a semana o alumnado procurou informacion sobre o seu disfrace, elaborou unha pancarta explicativa con información de distintas áreas (Bioloxía, Xeografía, Historia, Linguas,...) e montou a súa actuación, que consistiu en coreografías, monólogos, cancións ou relatos teatralizados. A colaboración dos departamentos de Música, Educación física e, por suposto, dos titores e titoras, foi fundamental. O resultado foi unha explosión de colorido ao longo da mañá, que culminou este proceso de case un mes de trabalo, onde procuramos facer valer a mensaxe de que a diversidade fai que a mestura sexa máis saborosa.

Para ver o produto final do vistoso festival de Entroido, preme AQUÍ.



page | by Dr. Radut