Esta tarde botou a andar o Club de Lectura do alumnado de 1º e 2º da ESO, que se suma neste curso ao grupo de rapazas e rapaces lectores de 3º e 4º ESO e á estrea dun novidoso Club de lectura de persoas adultas que xa coñece o primeiro título da súa andaina: Coa man esquerda, de Xabier Quiroga.
A primeira sesión mantida hoxe na Biblioteca tiña como obxectivo poñérmonos cara, intercambiarmos as nosas inquedanzas lectoras e as expectativas ante esta actividade, así como coñecer as primeiras impresións sobre o título escollido, Aleida. Cidade sen alma, de Víctor Boullón, que nos trae una historia de intriga e aventura ambientada na Compostela medieval. Este cómic editado por Demo Editorial, está orientado para lectores e lectoras novos, pero é tamén unha obra de interese para o público adulto que xa ten unha segunda entrega, Aleida II. Cruzada.
A sesión estivo coordinada polos profesores Aleixo (coordinador dos clubs) e Beatriz, que presentaron os obxectivos e as actividades do club, que se reunirá os martes despois do xantar e antes do comezo da xornada lectiva da tarde.
Benvidos/as e avante con esa viaxe da Estrada á Compostela medieval!