Ás portas do bicentenario do aniversario de Avelina Valladares

Onte, sábado 19 de outubro, deu comezo un ano máis a colaboración dos centros escolares co "Recuncho da Lingua", a sección que Pilar Bernárdez dirixe no programa As mañás do sábado de Radio Estrada. E que mellor que estrear a tempada cunha homenaxe a Avelina Valladares, a poeta, música, articulista e muller avanzada ao seu tempo que lle dá nome ao noso instituto dende este curso. No vindeiro ano 2025 cúmprense 200 anos do nacemento da Cantora da Ulla e o estudo, a atención e a reinvindicación da que foi obxecto en forma de xornadas, roteiros, publicacións, etc. merecen a celebración desta efeméride, reclamada tamén, como en tantas ocasións, dende este Recuncho da Lingua no que participaron os CEIP Pérez Viondi, o CEIP do Foxo e o CEIP Cabada Vázquez, xunto co noso centro.

As pezas musicais "Soidade", interpretada por Isabel Rei Samartim, e o "Vals de Avelina", interpretada por Abe Rabade, Cribrán Seixo e Rubén Servide, enmarcaron a intervención de Celia e Iago, alumnos de 1º ESO que, xunto coa nosa directora, Beatriz Quintela, abriron este monográfico. O recitado do poema "A miña terra", unha composición de Manuel García Barros que homenaxea os Irmáns Valladares, serviu de prólogo para explicar como foi o proceso participativo do cambio de denominación do noso instituto e os valores que atesoura Avelina Valladares para merecer un "bautismo" que vén rachar coa anomalía que supuña que ningún centro educativo da Estrada tivese nome de muller. Ademais, dende o estudo de Radio Estrada partiu un agarimoso e agradecido saúdo para Carme Ferreirós, depositaria da herdanza material e inmaterial dos Valladares.