Co inicio do curso os taboleiros e as pezas do xadrez volveron tomar as mesas da biblioteca da man de Roberto Patiño, o profesor dunha actividade que xa podemos considerar clásica dentro do programa de extraescolares do noso centro xunto co teatro e os clubs de lectura. Esta mañá puidéronse ver caras veteranas xunto con outras caras máis noviñas que fan a súa primeira incursión no xadrez ou que xa a coñecen e acoden nos recreos a practicar as súas xogadas máis arriscadas.
Ademais de fomentar as habilidades e as capacidades necesarias para propiciar tanto o desenvolvemento académico como social no alumnado, esta iniciativa foi merecedora no curso 2022-2023 dun premio concedido polo Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados (Ingada) e a Fundación María José Jove ao mellor proxecto educativo vinculado ao alumnado que padece trastorno por déficit de atención e hiperactividade.
Así que xa sabedes, se aínda non vos animastes a participar, o xadrez agarda por todos e todas vós na Biblioteca!