Acuarela na que Rosa de Cabanas dá rostro a Avelina en “Mulleres imaxinadas” / Fonte: Faro de Vigo.
Neste pasado curso escolar levouse a cabo un proceso participativo no que se implicou a toda a comunidade educativa e que conduciu ao cambio de denominación do noso centro educativo.
Así, o antigo IES Nº1 pasou a ser IES Avelina Valladares, logo de ser aprobado polo Consello escolar e ratificado pola Consellaría de Educación no DOG publicado o 2 de agosto de 2024.
Esta denominación vén completar o recoñecemento que os centros educativos da Estrada dan aos seus persoeiros ilustres: Manuel García Barros, Antón Losada Diéguez e, agora, o IES Avelina Valladares, que constitúe o único centro educativo da contorna con nome de muller.
Avelina Valladares naceu en Vilancosta, unha pequena aldea da parroquia de Berres, o 23 de outubro de 1825; e morreu o 17 de marzo de 1902, na casa natal familiar onde pasara practicamente toda a súa vida. A súa familia, de orixe fidalga, permitiulle ter unha educación superior á da maioría das mulleres do seu tempo. Dotada de talento e enxeño para as artes, cultivou a escrita, compuxo e interpretou pezas musicais e realizou debuxos con grande mestría.
No tocante á escrita, compuxo poemas amorosos, relixiosos, paisaxísticos, costumistas e sociais que tratan temas habituais no Romanticismo, polo que se compara con Rosalía de Castro.
Así mesmo, está considerada unha pioneira do xornalismo, xa que escribiu artigos de opinión en diversos xornais da época que abordan cuestións prácticas como os cultivos, que fan denuncia social ou que se dirixen ás autoridades eclesiásticas para facer peticións de interese xeral.
Avelina foi, en definitiva, unha muller do seu tempo que participou do movemento literario denominado Rexurdimento e que contribuíu a recuperar os nosos sinais de identidade: a nosa cultura, as nosas tradicións e, nomeadamente, a nosa lingua.
Nesta ligazón pódese ler un artigo da xornalista Laura Filloy, que describe a súa traxectoria vital e salienta o seu talento literario e a súa valentía como muller. Deste xeito, a nosa comunidade educativa contribúe ao rexurdimento de Avelina Valladares.