Coa fin do curso chega un novo programa de Dinamiza TV, a serie de informativos que nace da colaboración da Área de Cultura do Concello e DinamizaEstrada, o colectivo que agrupa os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino.
A súa finalidade é fomentar o uso do idioma no audiovisual e na mocidade. O galego é a ferramenta transversal a todo un proxecto formativo no que os mozos e as mozas tiveron a aoportunidade de mergullarse de forma práctica no ámbito da comunicación e o audiovisual. Así, foron camarógrafos, directores/as, sonidistas, iluministas, xornalistas, críticas literarias... nun grande plató de rodaxe no que se converteu o instituto durante uns días. Pero antes, e despois, houbo un grande traballo de planificación, supervisión e edición que foi posible grazas a Lucas Terceiro e Paula Cereixo no apartado técnico e a Mónica Mato, responsable do nosos EDLG, fundamental na coordinación do alumnado e do profesorado participantes.
Sen máis, deixámosvos con Uxue e Carla, as presentadoras que tan ben foron fiando un programa no que hai humor, entrevistas, recomendacións lectoras, crónicas... En fin, uns petiscos do que é a vida dun centro de ensino ao longo dun curso.
Na prensa:
Xornalistas por un día, no Xornal da Estrada (20-06-24).
O IES Nº 1 convértese nun grande plató de televisión, no Faro de Vigo (28-04-24).
O Nº 1 prepara novo programa televisivo, na Voz de Galicia (29-04-24).