Porque falalo é conservalo. E transportalo ao futuro. Fainos mellores. Fainos persoas respectuosas e atentas. Porque nós, e ti tamén, temos o poder de levar o galego dende aquí ate acolá. Galego xa!
E este lema poderoso foi o que corearon onte, martes 28 de maio, máis dun milleiro de rapaces e rapazas de todos os colexios e institutos públicos da vila no Correlingua '24, que chegou á Estrada despois de saír da Coruña o pasado día 3 e que continuará ata Burela este mércores tras pasar por diferentes vilas e cidades do país.
Coidar unha lingua é como coidar unha árbore. É síntoma de intelixencia, respecto e responsabilidade. Apreciar o galego e interesarse por el só nos conecta con cousas boas. Por iso dicimos ben alto: Dende aquí até acolá, galego xa!O alumnado de 1º e 2º da ESO do noso IES uniuse aos seus compañeiros e compañeiras dos outros centros educativos para cubrir o percorrido que partiu e chegou ao mesmo punto, a Praza do Concello.
Que a nosa lingua viva nas rúas, nas casas, en todas as cidades e vilas onde habita xente curiosa e intelixente. Que pasee sen vergoña polas radios, televisións, redes, cines, libros! Porque o galego está en todos eses lugares e non sempre somos conscientes do poderoso da súa presenza. Dende aquí até acolá, galego xa!Alí, diante da Casa do Concello, a "taberneira virtual" Leti da Taberna leu o manifesto deste ano e a Gramola Gominola fixo bailar a rapazada antes de que cada centro soltase os globos para espallar a nosa mensaxe a prol do galego.
Démoslle visibilidade á nosa lingua, transmitamos o grande que é, ensinemos os sitios onde se fala e se fai moderna, excelente, valiosa. Seguídea. Dádelle a "gústame" e facédea medrar. Por un galego de hoxe e para mañan: Dende aquí até acolá, galego xa! (Manifesto do Correlingua)