...rinchan as bestas ceibes nos outeiros de lonxe...
O pasado martes o alumnado e o profesorado do IES Nº 1 seguiron a ruta que fan as greas das bestas de Sabucedo dende que son reunidas no Chan das Lamas (Montillón) ata o curro da aldea pasando polo Peón e O Castelo.
Homes e sombras que regresan corren as greas contra o circuíto final das certidumesIbán, voluntario da Asociación Rapa das Bestas, guiounos na ruta e axudounos a interpretar o hábitat da maior poboación de cabalos que viven en liberdade de toda Europa, así como a reflexionar e comprender que a protección deste ecosistema é fundamental para manter viva unha tradición milenaria que a día de hoxe, sorprendentemente, aínda non foi recoñecida como Ben de Interese Cultural (BIC).
Ademais de cruzármonos con varias greas e co gando vacún e de admirar a biodiversidade destes montes, que ten na besta un gran aliado, coñecemos a escavación arqueolóxica de mámoas que se leva a cabo nesta ruta.
Finalmente, xa no curro do Campo do Medio, admiramos as bestas de preto e alí, outro membro da Asociación, Iván Sanmartín, explicounos o perigo que supoñen os proxectos de instalación de ata 4 parques eólicos na contorna de Sabucedo, que ameazan este patrimonio que é de todas e de todos.
Será cecais o curro todo o que desa Patria sobreviva no mundo?Para que este augurio do escritor Xosé Luís Méndez Ferrín non se faga realidade, o vindeiro 29 de abril terá lugar en Sabucedo un intenso programa de actividades festivas e reinvindicativas no Encontro Burla Verde, que apoian máis de 50 colectivos de todo o país.