8M DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
O 8-M, Día Internacional da Muller, o departamento de Debuxo desenvolveu unha serie de actividades destinadas a reivindicar o día. En Plástica da E.S.O. elaborouse unha cadea humana de pequenas figuras femininas que se colocou nos paneis do Centro, representando a mulleres senlleiras e anónimas. Realizouse durante o mes de marzo un obradoiro de retratos tipo Face Less con cartolinas de cores cos cursos de Debuxo Artístico de 1º e 2º de Bacharelato. Proxectouse en bacharelato a longametraxe Sufragistas, sobre a loita de mulleres en Reino Unido no primeiro tercio do século XX para conseguir o voto feminino.
SEMINARIO DE IGUALDADE "IGUALA-T
As actividades realizadas pretenden achegar a realidade da diversidade afectivo-sexual que impera na sociedade ao noso alumnado e profesorado e previr a LGBTI fobia para acadar o desenvolvemento integral das rapazas e rapaces e evitar calquera tipo de discriminación que altere a convivencia no centro e limite as liberdades dos membros da nosa comunidade educativa.
O noso centro promove un modelo educativo baseado na inclusión e na igualdade, sen ningún tipo de discriminación polo que consideramos necesario realizar actividades que promovan no centro unha convivencia pacífica e unha sociedade plural que garante o respeto e a inclusión de toda a comunidade educativa.
DÍA DA POESÍA
Con motivo do día internacional da poesía (21 de marzo), o luns 22 de marzo, o club de lectura propón a seguinte actividade: “DOCE É POESÍA”.
Durante a semana previa a esta actividade, os alumnos recibiron por diversos medios (carteis nas clases, avisos dos profesores que forman parte do equipo da biblioteca, instagram, blog...) información da clave que lles permitiría recoller na biblioteca un agasallo con motivo do día da poesía: un bombón e un poema marcapáxinas. Esta parte da actividade desenvolveuse no primeiro recreo do devandito luns 22 de marzo.
Ademais, os alumnos tiveron a oportunidade de recitar os seus textos e participar así no sorteo dalgúns libros de poesía. Esta parte da actividade tivo lugar no segundo recreo do mesmo día no salón de actos. Os alumnos recolleron os seus agasallos o martes 23 de marzo na biblioteca.
ENCONTROS VIRTUAIS NA ZONA DA USC. DIRIXIDOS AO ESTUDANTADO DO ENSINO MEDIO.23,24 E 25 DE MARZO
Os días 23, 24 e 25 de marzo os estudantes podedes entrar a través da URL https://www.usc.gal/gl/encontros-virtuais
A través desa páxina podedes informarvos, a través de videoconferencias cos responsables e alumnado das titulacións da USC, da oferta de graos para o curso 2021-22.
Ás 12:00h terá lugar o Acto de Inauguración coa conferencia do catedrático de Medicina Legal de la USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica(SERGAS) e do Centro Nacional de Genotipado, Angel Carracedo que falará dos seus Proxectos e ilusións.
Nas páxinas dos centros da USC (Facultades e Escolas) figuran os horarios e os enlaces para que o estudantado poida conectarse por videoconferencia cos responsables das titulacións para resolver as súas dúbidas sobre a oferta de titulacións da Universidade de Santiago de Compostela.
DÍA DA ILUSTRACIÓN
O día 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao, a Xunta de Galicia celebra o día da Ilustración. Para celebralo, traballarase durante as sesións de clase na creación dunha ou varias ilustracións por parte de cada alumno, aplicando nela os contidos específicos de cada nivel. Analizarase tamén a función da ilustración e o seu papel na actualidade.
Todas as ilustración realizadas exhibiranse en conxunto, ben nas aulas ou ben nun espazo común, segundo a dispoñibilidade deste. Xunto cos traballos incluiranse códigos QR que proporcionarán información á comunidade educativa sobre diversos ilustradores ou sitios online relacionados coa ilustración.
PROGRAMA DE EDUCACIÓN EMOCIONAL
O programa de educación emocional pretende promover o benestar emocional do noso alumnado axudándolle a identificar de xeito positivo os pensamentos e as emocións que determinan o noso comportamento. Acadar o benestar emocional capacítanos para facer frente ao estrés e aos problemas que forman parte da vida, a ter confianza en nós mesmos establecendo relacións saudables coas persoas que nos rodean.
A situación social que estamos a vivir fai necesario atender ao coidado e benestar emocional da comunidade educativa para poder afrontar de xeito positivo as dificultades sociosanitarias nas que nos atopamos.
QUINCENA DA FROITA
Ao longo do mes de febreiro estase a realizar a campaña de froita que a Xunta de Galicia desenvolve naqueles centros que así o solicitaron. Con esta campaña pretendese poñer en coñecemento do alumnado a importancia que ten a froita na dieta alimenticia e fomentar hábitos de vida saudables.
DÍA INTERNACIONAL DA PAZ (30-1-2021)
Para celebrar o "Día Internacional da Paz" realizáronse unha serie de actividades na biblioteca do centro. A modo de exemplo mostrámosvos a seguinte.
A actividade persegue pór en práctica actuacións concretas para que cada alumn@ participante entenda que a paz empeza cun mesm@ e no día a día no noso xeito de falar cos compañeir@s, na forma de relacionarnos persoalmente e a través das redes sociais, nos nosos comportamentos cotiás, etc.
Reproducimos diálogos a través de viñetas nas que se amosaban condutas pouco axeitadas para posteriormente propoñer alternativas máis a acordes cunha convivencia pacífica.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 20
- 21
- 22
- 23
- 24
- 25
- 26
- 27
- 28
- seguinte ›
- última »