Saída a Pontevedra cos alumnos de 2º ESO O martes día 24 de abril, os alumnos de 2º ESO realizaron unha saída didáctica a Pontevedra para percorrer o seu casco histórico que é un dos mellores conservados de Galicia. Partimos desde o Concello, onde se situaba unha das portas da muralla e dende alí xa puidemos observar as ruínas do convento de San Domingos e a magnífica alameda que foi a horta do mesmo. De seguido, visitamos a igrexa da Peregrina e dende aí, dirixímonos á praza da Ferrería onde puidemos observar as “tres prazas” que forman parte do conxunto arquitectónico, para logo visitar a igrexa de San Francisco, exemplo do primeiro gótico. Iso fixo que “repasaramos” o tema de arte medieval, fixándonos nas magníficas vidreiras, arcos apuntados, sepulcros, cubertas,….que conforman o gótico mendicante. Logo percorremos as diferentes prazas: a Leña, a Verdura, Méndez Núñez, Teucro,… e as diferentes rúas que fixeron da Pontevedra do século XVI a cidade máis importante de Galicia. E todo iso, tomando boa nota dos impresionantes escudos que adornan as súas casas nobres. Como o noso obxectivo era identificar os diferentes estilos artísticos da cidade , non deixamos de visitar a basílica de Santa María, coa súa impresionante fachada de estilo plateresco, custeada polo Gremio de Mareantes. E como remate final, a igrexa da Compañía , exemplo do Barroco e de igrexa xesuítica. Como as nosas forzas xa estaban esgotadas, paramos media horiña para comer algo e poder ir con máis ganas ó Sexto Edificio do Museo e coñecer as novas salas dedicadas á arqueoloxía. Gustounos moito o seu emprazamento, no antigo colexio da Compañía, co seu espléndido claustro. Vinte minutos máis parar repoñer forzas e volta de novo a Dena. As vacacións están á porta.