O meu paso polo instituo. Por Noelia Otero Padín
O primeiro día que cheguei ao instituto sentía vergoña, medo… pero por outra parte estaba chea de ledicia xa que acababa de comezar unha nova etapa da miña vida moi diferente da anterior. Entrei no instituto con 12 anos, é dicir, no ano 2007; con esa idade sentes que vas comer o mundo. Pero no meu caso non foi así, tívenme que esforzar para sacar o 1º curso, que ninguén pense que con estudar para o exame xa basta, hai que participar nas clases, realizar os exercicios,… No 1º ano tiven á profe Lucía Vilches, a cal nos quitou o costume de facer un exame tema por tema. No 2º ano foime moito mellor; saquei o curso con esforzo e poñéndolle ganas. Pero ao chegar ao 3º curso custoume un pouco máis quitalo, a materia complicábase, ademais tiñamos dúas materias novas: bioloxía, a cal se me dá moi ben, e FQ, que xa non se me dá tan ben. Pero por sorte e coa suor da miña fronte, pasei de curso. E agora que me atopo en 4º curso a punto de rematar e conseguir o meu graduado, miro cara a atrás e doume conta de que o tempo pasoume correndo, e pensar que cando cheguei ao IES non me daba pasado o tempo. Esta etapa da miña vida estase a cerrar para dar paso a outra como é a do bacharelato. Cada vez que penso e reflexiono doume conta que a medida que fun madurando foron mellorando as miñas notas; grazas ao entusiasmo e ás ganas de saber novas cousas. En definitiva, este período foi un dos máis bonitos da miña vida ata agora; xa que me ensinou a ver as cousas con máis valor e dende outra perspectiva. Finalmente neste momento da miña existencia só teño un obxectivo claro, conseguir aprobar o bacharelato de ciencias e logo presentarme á selectividade.