Skip to Content

Proxecto Voz Natura -curso 2010-2011

PROXECTO VOZ NATURA CURSO 2010-2011 AUGA BENDITA

 Neste curso, estamos a seguir desenvolvendo os proxectos iniciados en cursos anteriores e ademais incorporamos un novo proxecto para poñer en valor a auga e intentar que se utilice de xeito responsable por toda a comunidade educativa. Para desenvolver este obxectivo realizamos diversas actividades :

Actividade 1 Aproveitando que este ano 2011 se celebra o 50 aniversario da 1º viaxe ao espazo exterior protagonizada polo astronauta ruso Yuri Gagarin, e que polo tanto, foi o 1º ser humano en observar a Terra desde o espazo, realizamos cos alumnos de 1º ESO unhas actividades baseadas na pregunta que se fixo o cosmonauta ao seu regreso: ”Por que se chama planeta Terra, cando debería chamarse planeta “Auga”?

Actividade 2 O poeta xaponés Bashó creou unha estrutura poética chamada HAIKÚ, formada por tres versos que non teñen título nin rima, é unha forma de expresión sinxela que trata de transmitir sensacións cun claro predominio dos temas da natureza. O alumnado creou haikús alusivos ao tema da auga e fixeron un debuxo en consonancia co mesmo.

Actividade 3 Por grupos buscaron información sobre a auga: Grupo 1: A molécula de auga: propiedades fisico-químicas Grupo 2: Distribución da auga na Terra Grupo 3: O ciclo da auga Grupo 4: Importancia da auga para a vida Grupo 5: Efectos sobre a civilización Grupo 6: Problemas no mundo para atopar auga potable Grupo 7: Contaminación Grupo 8 : Usos da auga Despois fixeron unha exposición na aula diante dos compañeiros e fixemos unha pequena proba con cuestións sobre estas exposicións. A intención era de novo que foran conscientes da importancia da auga como recurso, e a responsabilidade que temos tod@s de conservala. Para que todo o alumnado fose partícipe desa idea realizaron carteis con lemas alusivos ao aforro da auga e colocáronse en todos os baños do centro.

 Actividade 4 Medimos o caudal das billas do baño, pasamos ás unidades correspondentes e fixemos unha media (0,9L/16 s ) e con ela unha estimación do gasto de auga no centro considerando só un lavado de mans por alumno no instituto. Chegaron ao convencemento de que se pode reducir o consumo tanto no centro coma nas súas casas. Para colaborar na consecución deste obxectivo mercamos, grazas a VOZ NATURA, uns reloxos de area de 5 minutos e en colaboración co Departamento de Tecnoloxía fixémoslles un soporte para os reloxos, onde aparece o anagrama de Voz Natura, e coa axuda dunha ventosa colocáronse nas duchas do ximnasio. Deste xeito o alumnado non deberá sobrepasar os 5 min. cando se duche.

ACTIVIDADE 5 Experimento para non esquecerse de lavar as mans Partindo dun panel explicativo titulado “Lavar as mans”, co cal o alumno pode informarse acerca de: Por que? Cando? Como? hai que lavar as mans, pasaron a comprobar experimentalmente a necesidade de lavalas correctamente. • A cada alumno proporcionóuselle dúas placas petri cun medio de cultivo xeral que permite que se desenvolvan as bacterias. • Nunha delas poñen a palabra “sucio” e noutra “limpo”, cada alumno escribe o seu nome en cadansúa placa para despois identificala. • Despois de pasar as mans por unha superficie sucia (mesa, cadeira, solo) refregaron as xemas dos seus dedos pola placa que dicía sucia. Lavaron ben as mans, (como se lles dicía no panel) e pasáronas pola outra placa. • Puxeron as placas petri cerca dun foco de calor (radiador) unhas 48 horas, ao cabo das cales se puideron observar notables diferenzas entre unha placa e outra: - O crecemento de colonias de bacterias na 1ª placa é asombroso. - Na 2ª placa o crecemento é imperceptible, ou moito menor, dependendo do ben ou regular que lavaran as mans.

Este sinxelo experimento fixérono tódolos alumnos do Centro. O domingo 30 de xaneiro saíu publicado na Voz de Galicia. No Centro substituímos todos os produtos de limpeza tradicionais por outros ecolóxicos, para conseguir dous obxectivos: por un lado contaminar menos as augas e, por outro, concienciar aos alumnos e animalos a que tamén usen nos seus fogares produtos menos agresivos para o medio ambiente co que iso supón de aforro económico propiamente dito e custo ambiental. Para intentar acadar ese obxectivo realizouse unha actividade en grupos de traballo que consistiu en analizar o etiquetado de diferentes produtos de limpeza que os alumnos trouxeron das súas casas e aprenderon a recoñecer os diferentes pictogramas que aparecían nas etiquetas. Buscaron información acerca de posibles limpadores ecolóxicos substitutos dos que habitualmente se utilizan.

VALORACIÓN Estamos bastante satisfeitos co desenvolvemento dos proxectos pois os alumnos van interiorizando comportamentos axeitados ata convertelos pouco a pouco en hábitos que redundan en beneficio de todos. Pretendemos que os alumnos valoren o traballo en grupo, aprendan a respectar o traballo dos demais, colaboren na conservación e mellora da Natureza e que a súa actitude sexa sempre respectuosa co medio ambiente. O EQUIPO VOZ NATURA



story | by Dr. Radut