Skip to Content

Gañador 2º Ciclo

Plumas brancas

 

Por Cristóbal Currás Maza (3º C)

 

 

Non podía crelo, non debía... Un calafrío recorreu o meu corpo, desde aquel maldito momento... Todo fora por culpa dela!

Partiramos para o Gran Sol pola mañá, de alí a unhas horas, mar a dentro, vin algo que me chamou a atención. Era unha moza que pedía socorro.

       Patrón! –berrei– Olle para aquela illa.

O patrón encamiñou o barco cara a illa. Cando subimos a bordo do barco á rapaza, da súa boca non saíron palabras de agradecemento, só preguntou:

       Cantos sodes?

       Catro –respondeu o patrón– O maquinista, o cociñeiro, un mariñeiro e eu.

Acto seguido preguntou por un camarote. Tivo sorte de que o ocupante estaba enfermo. Conducímola ao camarote e de alí non saíu en todo o día.

Era unha moza de gran beleza. Levaba un vestido longo de mangas anchas. Tiña unha pel branca, incriblemente branca, a cal facía xogo cos seus claros ollos azuis. Os seus finos labios eran dunha suave cor rosa e o seu pelo lucía unha estraña cor azul.

Pola noite, na cea, ela non probou bocado. Cando lle preguntamos por que non comía nada, ela respondeu:

       Xa comerei.

Cando rematamos de comer, o patrón preguntoulle:

       Desculpe, como se chama?

       Casandra –dixo ela.

E, sen dar tempo a máis preguntas, comezou a cantar. Era unha canción moi triste, falaba dun mariñeiro que abandonara á súa moza nunha illa ao descubrir que era unha serea, e como esta prometía vinganza.

Ao rematar, todos agás eu, quedaron como drogados. Casandra levantouse e todos nos erguemos canda ela. Eu fun directo á miña habitación, pero os demais seguiron a Casandra ata o seu camarote.. Cando me deitaba, escoitei como rifaba o patrón cos outros homes, dicíndolles que o deixasen a soas coa moza.

Á mañá seguinte, o capitán non aparecía, nin tampouco o maquinista.

Eu ía levarlle o almorzo a Casandra e, ao entrar no seu camarote, a bandexa caeume das mans. A habitación estaba chea de sangue! Nunha esquina atopábanse os corpos do capitán e do maquinista. Fun correndo ata eles. Estaban mortos! E entre as súas mans agochaban unhas plumas brancas. Daquela decateime de que Casandra non estaba alí e lembrei a canción que cantara na cea.

Non sería ela a serea abandonada polo mariñeiro?

Un arreguizo percorreume as costas. Tiña que saír de alí.

Corrín pola cuberta en busca do bote salvavidas. Non valía a pena ir buscar ao cociñeiro porque xa imaxinaba que estaría facendo e onde estaría a serea.

O bote non estaba e o mar era bravo de máis como para tentar fuxir a nado. Oíuse unha queixa e un berro vitorioso como o que bota un ave de rapina ao conseguir unha nova presa. O cociñeiro estaba morto! Só quedaba eu!

De súpeto, ocorréuseme unha gran idea. Pero necesitaría algunhas cousas...

De alí a cinco minutos xa estaba preparado.. Saín na procura da serea. Non dei nin dous pasos en dar con ela. Polo visto ela tamén me buscaba. O seu corpo estaba cheo de plumas e o seu rostro transformárase no dun ave. Nada máis vela botei a correr cara a adega do xeo. Ela seguiume.

Pero eu, cun rápido movemento, fun quen de esquivala e metela na bodega do xeo. Pechei a porta e botei a correr cara ao regulador. Púxeno ao máximo. Ela comezou a cantar, pero eu tiña algodón nos oídos.

Subín á cabina e pedín socorro pola radio. Esperei a que chegase un barco e, cando vin que estaba próximo, prendinlle lume ao noso barco dándome tempo a saltar pola borda.

O barco de rescate colleume da auga, case conxelado polas baixas temperaturas.

Nunca se atoparon os corpos dos meus compañeiros, pero teño escoitado a outros mariñeiros que, cando pasan por esa zona de pesca, teñen que arredarse pois sempre hai unha nube de fume, que non se sabe de onde vén xa que aparece da nada, e logo séntese unha canción que os envelena ata perder o sentido.

 

Cando vaiades de pesca escapade da néboa pois non sabedes os segredos que nela se agochan.

 

 



story | by Dr. Radut