Skip to Content

PROBAS PARA MAIORES DE 18 ANOS PARA A OBTENCIÓN DO TÍTULO DA ESO

Pruebas Libres para la Obtención del Título de Graduado en ESO

 Ven de ser publicada a  RESOLUCIÓN do 3 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convocan as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de dezaoito anos nas convocatorias de abril e xuño, e se ditan instrucións para a súa realización (código de procedemento ED540A).

Requisitos das persoas aspirantes:

  1. Ser maior de 18 anos ou facer esa idade no ano 2024
  2. Non estar en posesión do título de graduado en educación secundaria ou de calquera outro título declarado equivalente para os efectos académicos
  3. Non estar nin ter estado a cursar ensinanzas de educación secundaria obrigatoria ordinaria nin de formación profesional básica no curso 2023/24, agás as persoas matriculadas durante o curso 2023/24 na educación secundaria para persoas adultas, que poderán inscribirse nas probas se previamente solicitan a baixa nas ensinanzas do segundo cuadrimestre  e renuncian á avaliación extraordinaria dos ámbitos que poidan ter pendentes do primeiro cuadrimestre.

 

Os prazos de presentación de solicitudes de inscrición nas probas serán:

Para a primeira convocatoria: do 5 ao 21 de febreiro de 2024, ambos os dous incluídos. A proba celebrarase o día 12 de abril.  As persoas matriculadas para a primeira convocatoria que non superen a totalidade dos ámbitos da proba consideraranse matriculadas para a segunda convocatoria sen que teñan que presentar nova documentación

Para a segunda convocatoriado 8 ao 19 de abril de 2024, ambos os dous incluídos. a proba celebrarase o día 7 de xuño.

Poderanse presentar solicitudes de inscrición nos seguintes centros educativos:

a) A Coruña: EPAPU Eduardo Pondal, rúa da Educación, nº 3, 2º andar, 15011 A Coruña.

b) Ferrol: EPAPU Santa María de Caranza, rúa Luis de Requeséns, s/n, 15406 Ferrol.

c) Santiago de Compostela: IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, 15705 Santiago de Compostela.

d) Lugo: EPAPU Albeiros, parque da Milagrosa, s/n, 27003 Lugo.

e) Ourense: EPAPU de Ourense, rúa Álvarez de Sotomayor, nº 4, 32002 Ourense.

f) Pontevedra: EPAPU Río Lérez, avenida de Buenos Aires, nº 26, 36002 Pontevedra.

g) Vigo: EPAPU Berbés, rúa Marqués de Valterra, nº 8, 1º andar, 36202 Vigo. 

 

Estrutura da proba

A proba organizarase en tres sesións, correspondentes a cada un dos seguintes ámbitos de coñecemento:

  1. Ámbito Científico-Tecnolóxico, no cal se integran os aspectos básicos do currículo referidos ás materias de Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química, Matemáticas, Tecnoloxía, Tecnoloxías da Información e da Comunicación e os aspectos relacionados coa saúde e co medio natural da materia de Educación Física.
  2. Ámbito Social, no cal se integran os aspectos básicos do currículo referidos ás materias de Xeografía e Historia, Economía, Iniciación á Actividade Emprendedora e Empresarial e os aspectos preceptivos correspondentes ás materias de Educación Plástica, Visual e Audiovisual e Música.
  3. Ámbito de Comunicación, no cal se integran os aspectos básicos do currículo referidos ás materias de Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura e Primeira Lingua Estranxeira

 

Posibles exencións de partes da proba:

As persoas aspirantes poderán solicitar a exención da realización da proba dos ámbitos correspondentes cando acrediten ter superado:

a) Algún ámbito nas probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de dezaoito anos en convocatorias anteriores.

b) Algún módulo catro dos ámbitos de educación secundaria de persoas adultas.

c) Algún módulo voluntario dos programas de cualificación profesional inicial.

d) Algún ámbito dos programas de diversificación curricular de cuarto curso.

Así mesmo, as persoas aspirantes poderán solicitar a exención da realización da proba dos ámbitos correspondentes cando acrediten ter superado:

a) As materias correspondentes do cuarto curso de educación secundaria obrigatoria especificadas no anexo III.

b) As materias correspondentes de segundo curso de bacharelato unificado polivalente especificadas no anexo III.

 

Exención da realización da proba de Lingua Galega e Literatura:

As persoas aspirantes procedentes doutra comunidade autónoma ou dun país estranxeiro poderán solicitar a exención da realización da proba de Lingua Galega e Literatura.



page | by Dr. Radut