blogue deanabelenfernandezporral
FP: flexibilización das prácticas (FCT) e calendario escolar
Enviado por anabelenfernand... o Ven, 27/03/2020 - 18:08O Ministerio de Educación e Formación Profesional e as administración educativas das Comunidades Autónomas acordan flexibilizar as prácticas e o calendario escolar, para que o alumnado da Formación Profesional poida superar o curso pese ás condicións excepcionais.
A duración da Formación en Centros de Traballo (FCT) limitarase de maneira excepcional ás horas mínimas recollidas na normativa básica, é dicir, 220 horas. Asemade, integrarase de forma excepcional o módulo de FCT con un módulo de Proxecto, para que se poidan abordar os obxectivos asociados ó entorno laboral. Esta medida afectará tanto á FP Básica, como á de grao medio e superior.
As probas de acceso á FP de grao medio ou superior tamén serán pospostas se é preciso.
Acceso á nota de prensa na ligazón.
Habilidades sociais para a prevención de drogodependencias
Enviado por anabelenfernand... o Xov, 26/03/2020 - 14:27Hai uns días, o alumnado de 1º e 2º curso do ciclo básico de Servizos Administrativos e o alumnado de 1º curso do ciclo medio de Soldadura e Caldeiraría, desfrutaron do obradoiro “Habilidades Sociais para a convivencia e afrontamento da presión do grupo”. O obradoiro, impartido por Ramón Molina, da empresa Arelar Xestión Socioeducativa, trata de favorecer a prevención da drogodependencia, dotando ó alumnado de habilidades sociais e estratexias para combater a presión exercida polo grupo de iguais, factor tan influente e determinante na adolescencia.
A actividade busca espertar a conciencia no alumnado mediante un enfoque activo e construtivo da aprendizaxe, empregando para elo distintas dinámicas que levan á reflexión, intercambio de ideas e adquisición de coñecementos, á par que se fornece a autoestima do alumnado, se desterran mitos sobre o consumo de certas drogas e se desenvolve a competencia social para que os máis novos sexan quen de saber dicir non ó consumo de sustancias nocivas, promovendo as relacións positivas e a convivencia.
Patios dinámicos
Enviado por anabelenfernand... o Xov, 26/03/2020 - 14:16Durante este curso, e como iniciativa para promover a convivencia no centro e a integración, leváronse a cabo xogos durante os recreos, promovidos por un grupo de alumnas voluntarias de 1º curso do ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia e un grupo de alumnado do curso de 3º da ESO.
Sen dúbida, o brilé foi o que tivo máis éxito!
Esperando voltar pronto ás clases para seguir xogando e convivindo!
Prevención do consumo de drogas e alcol - Plan Director
Enviado por anabelenfernand... o Xov, 26/03/2020 - 13:26A Garda Civil visitou o noso centro de novo, nesta ocasión para impartir a charla para prevención do consumo de drogas e alcol ó alumnado de 3º e 4º da ESO, 1º e 2º da Formación Profesional Básica e 1º do ciclo medio de Soldadura e Caldeiraría.
Na sesión informouse ó alumnado dos distintos tipos de drogas e as consecuencias do seu consumo, desmitificando incluso algún tipo de drogas das que a miúdo temos unha imaxe como menos daniñas. O certo é que calquera abuso de sustancias ten consecuencias, ben sexa a curto ou a longo prazo, pero todas elas van ter efectos na nosa saúde, tanto física como mental, aspecto que poido ser coñecido polo alumnado a través dos exemplos indicados pola axente.
Asemade, tamén se abordaron cuestións legais relativas á tenencia e tráfico de sustancias.
En calquera caso, as drogas e alcol non deben ser unha elección para o tempo de ocio, instando ó alumnado a apostar por un ocio responsable, baseado en hábitos de vida saudables.
Obradoiro Educación Afectivo-Sexual
Enviado por anabelenfernand... o Xov, 26/03/2020 - 12:34No mes de febreiro Isabel e Icía, do centro Quérote Máis, impartiron un obradoiro de Educación Afectivo-Sexual ó alumnado de 3º da ESO. Na actividade abordáronse cuestións de tipo preventivo en materia de educación afectivo-sexual pero tamén aspectos vencellados coa afectividade e as relacións de parella (orientación e identidade sexual; promoción do diálogo, asertividade e empatía nas relacións de parella; abordaxe dos límites e responsabilidade persoal nas relacións). Trátase de proporcionar información fiable que permita ó alumnado vivir a sexualidade/afectividade de maneira satisfactoria e responsable, dotando de estratexias e coñecementos neste sentido.
Acoso escolar - Plan Director
Enviado por anabelenfernand... o Xov, 26/03/2020 - 12:12No mes de febreiro, a Garda Civil volveu ó noso centro, nesta ocasión para impartir unha charla sobre o acoso escolar ó alumnado de 1º e 2º da ESO e 1º e 2º da Formación Profesional Básica.
O alumnado poido coñecer os distintos tipos de acoso, que van máis aló da violencia física, e como outras formas de maltrato como a exclusión ou calquera outro tipo de violencia psicolóxica son tan daniñas coma a primeira. Asemade, o auxe das novas tecnoloxías provoca que en moitas ocasións o acoso se leve a cabo tamén a través destes medios. Así, o ciberbullying é unha ameza ininterrompida para o acosado, pois aumenta a súa humillación pública por unha banda, e pola outra, o acoso traspasa nestes casos as fronteiras do fogar, ó ser a conexión á rede unha constante, instalándose a inseguridade na vítima de xeito permanente.
Muro da Paz - 30 de xaneiro, Día Escolar da Non Violencia e a Paz
Enviado por anabelenfernand... o Xov, 26/03/2020 - 11:33Como cada ano, o 30 de xaneiro conmemórase o Día Escolar da Non Violencia e a Paz. Declarado no 1964, a iniciativa xurdiu de forma independente por parte do profesor Llorenç Vidal, como un xeito para promover a educación na tolerancia, solidariedade, concordia, respecto ós dereitos humanos, a non violencia e a paz. O día elixido para a conmemoración coincide ademais co falecemento de Mahatma Gandhi o 30 de xaneiro de 1948.
Como exemplo de entendemento e unión, o alumnado dos distintos cursos elaboraron o Muro da Paz, decorando caixas a modo de ladrillos, nos que plasmaron palabras e frases vencelladas coa convivencia e non-violencia.
Entre todos e todas podemos construír muros de paz, só temos que poñer da nosa parte e ter en conta as cuestións que indica o noso alumnado na súa construción como elementos fundamentais para unha convivencia positiva e enriquecedora: amabilidade, amor, amizade, unión, sorriso, ledicia, empatía, igualdade, respecto, mesmos dereitos...
Estilos de comunicación - Habilidades sociais
Enviado por anabelenfernand... o Xov, 26/03/2020 - 08:15Durante o mes de xaneiro, na etapa da ESO tivemos unhas titorías moi especiais, impartidas polo alumnado de 2º curso do ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia.
Estes compañeiros/as, estiveron a traballar os estilos de comunicación (asertivo, agresivo e pasivo) no módulo de Destrezas Sociais, e despois de traballalo na súa aula, transmitiron os seus coñecementos e formaron á rapazada da ESO nas sesións de titoría. Para elo, deseñaron uns robots con cartón, cada un dos cales representaba un estilo de comunicación, e organizáronse en grupos de traballo. Presentaron ós seus compañeiros/as máis novos os robots e os distintos estilos de comunicación, e posteriormente cada alumno/a debía escribir unha situación e introducila no robot correspondente, segundo fora unha situación de estilo pasivo, agresivo ou asertivo. O alumnado do ciclo foi lendo cada unha das situacións e comentando cos rapaces/as da ESO o tipo de estilo empregado e o xeito adecuado de actuar en cada unha delas, transformando as situacións nas que se actuou de xeito pasivo ou agresivo, en modo asertivo.
Motivouse a aprendizaxe de habilidades sociais mediante o intercambio de ideas e a reflexión, facendo consciente ós compañeiros/as máis novos/as da importancia do diálogo e o respecto nas relacións sociais, sendo o estilo asertivo o modelo óptimo de comunicación.
Novas Tecnoloxías - Plan Director
Enviado por anabelenfernand... o Xov, 26/03/2020 - 07:36Comezamos o ano coa visita do cabo Ramón Fdez., da Garda Civil, que falou ós rapaces e rapazas da Formación Profesional Básica e de 2º e 3º da ESO, da importancia de facer un uso responsable das novas tecnoloxías e redes sociais.
Sen dúbida, os xeitos e formas de relación van mudando, e as novas tecnoloxías xogan un papel central en todo este cambio, pero tamén é certo que entrañan riscos dos cales moitas veces os máis novos non son conscientes. Ciberbullying, grooming, sexting, sextorsión....son algúns dos perigos nos que a rapazada se poden ver envoltos se non son prudentes na utilización destes medios. Nalgúns casos, o comportamento que teñamos na rede, mesmo pode ser constitutivo dun delito sen sabelo. Así, faise primordial facilitar información a modo de prevención e co fin de garantir un uso responsable e crítico das novas tecnoloxías.
Obradoiro: Encantado de coñecerme
Enviado por anabelenfernand... o Mér, 25/03/2020 - 19:29No mes de decembro, o centro ACODE impartiu un obradoiro práctico de varias sesións de duración ó alumnado de 1º e 2º do ciclo básico de Servizos Administrativos.
O obradoiro, que leva por nome “Encantado de coñecerme”, trata de favorecer a motivación do alumnado, traballando cuestións como o autocoñecemento, autoestima, cohesión grupal, resolución de conflitos, habilidades sociais e estilos de comunicación.
O programa, especialmente pensado para alumnado de ciclos básicos da formación profesional, potencia a conciencia das capacidades propias no alumnado, partindo do enfoque de intelixencias múltiples e mediante o emprego de dinámicas grupais que favorecen unha aprendizaxe activa e construtiva.
Sen dúbida, unha boa iniciativa de empoderamento, válida para que o alumnado aprenda a valorarse e detectar as súas fortalezas, máis aló do meramente académico, dotándoo á vez de estratexias para enfrontarse ás adversidades, ó tempo que se favorecen as relacións interpersoais positivas baseadas no respecto e comunicación.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 23
- 24
- 25
- 26
- 27
- 28
- 29
- 30
- 31
- seguinte ›
- última »