Estilos de comunicación - Habilidades sociais
Durante o mes de xaneiro, na etapa da ESO tivemos unhas titorías moi especiais, impartidas polo alumnado de 2º curso do ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia.
Estes compañeiros/as, estiveron a traballar os estilos de comunicación (asertivo, agresivo e pasivo) no módulo de Destrezas Sociais, e despois de traballalo na súa aula, transmitiron os seus coñecementos e formaron á rapazada da ESO nas sesións de titoría. Para elo, deseñaron uns robots con cartón, cada un dos cales representaba un estilo de comunicación, e organizáronse en grupos de traballo. Presentaron ós seus compañeiros/as máis novos os robots e os distintos estilos de comunicación, e posteriormente cada alumno/a debía escribir unha situación e introducila no robot correspondente, segundo fora unha situación de estilo pasivo, agresivo ou asertivo. O alumnado do ciclo foi lendo cada unha das situacións e comentando cos rapaces/as da ESO o tipo de estilo empregado e o xeito adecuado de actuar en cada unha delas, transformando as situacións nas que se actuou de xeito pasivo ou agresivo, en modo asertivo.
Motivouse a aprendizaxe de habilidades sociais mediante o intercambio de ideas e a reflexión, facendo consciente ós compañeiros/as máis novos/as da importancia do diálogo e o respecto nas relacións sociais, sendo o estilo asertivo o modelo óptimo de comunicación.