Proxecto #SonMonte

Enviado por admin o Dom, 02/05/2021 - 11:32

 Desde a Biblioteca queremos compartir convosco "SonMonte". O monte na memoria colectiva e #SonMonte. E ti que pintas no monte?, dúas creacións audiovisuais realizadas no noso centro co alumnado de 1º ESO, que resumen un fermoso proxecto interdisciplinar, artellado a partir da valorización do monte como patrimonio cultural.

    Para levalo a cabo, os departamentos de Xeografía e Historia, Bioloxía e Xeoloxía e Educación Plástica Visual e Audiovisual, coa colaboración do equipo da Biblioteca, Dinamización Lingüística, a dirección e demais profesorado do centro, planificaron diferentes bloques de actividades que foron desenvolvidos ao longo dos dous primeiros trimestres do curso: #CantaroMonte, baseouse na procura e interpretación de cantigas populares galegas, #TocaroMonte centrouse na exploración e creación de sons da natureza, #PensaroMonte botou man de rutinas de pensamento coas que o alumnado creou lemas de concienciación social, #CoñeceroMonte focalizou as súas actividades na elaboración dun caderno de campo e en diferentes charlas científicas, #FotografaroMonte e #DebuxaroMonte procuraron o rexistro visual e a interpretación artística das formas e cores atopadas nos distintos roteiros realizados pola contorna.

     Con todo o material traballado elaboráronse as dúas creacións audiovisuais, #SonMonte. O monte na memoria colectiva, que deixa patente, fundamentalmente, o traballo feito coas fontes orais e a creación de sons da natureza e #SonMonte. E ti, que pintas no monte?, unha animación a modo de cadáver exquisito, na que se reflicte o traballo feito polo alumnado nos cadernos de campo.

     Agardamos que vos gusten!

https://youtu.be/yeDX8J1UkYI  ( PREMA NA LIGAZÓN PARA VISUALIZAR O VIDEO)

https://youtu.be/llu23UQoUnY  ( PREMA NA LIGAZÓN PARA VISUALIZAR O VIDEO)

 Para a realización deste proxecto, os departamentos implicados contaron coa colaboración de moita xente que aportou información, letras de cantigas, gravacións... A Martiño Malleiro, Teresa Domínguez Domínguez, Felicitas San León Martín, Jesús Rodríguez Rodríguez, Francisco Abollado Fernández, Ana Justo e a todos os familiares do noso alumnado, queremos agradecer a súa xenerosidade polas achegas que fixeron posible este traballo.