Skip to Content

Guías Prácticas Fontexería
Curso de Galego
Bolsa de Emprego Fontexería

 

Servidor Abalar do centro

Recursos Didácticos

Atención a pendentes

 

III. A loita polo ciclo completo de marítimo-pesqueira

III. A LOITA POLO CICLO COMPLETO DE MARÍTIMO-PESQUEIRA.


Dende os primeiros anos tratouse de conseguir que os estudos de formación profesional que se impartían no centro, continuaran ata o seu remate co 3º curso do 2º ciclo, ou FP2, que habilitaba ao alumnado para obter unha titulación profesional recoñecida. Sendo importantes e interesantes os de Administrativo, non cabe dúbida que nunha comarca mariñeira como a de Muros a opción da rama Marítimo Pesqueira significaba dispor duns estudos profesionais moi demandados e necesarios nunha bisbarra de tradición fondamente vinculada ao mar. De feito estes estudos somentes se podían cursar en seis centros en toda Galiza, tres na provincia de Pontevedra (A Guarda, Vigo e Marín) e outros tres na da Coruña (Ribeira, Muros e A Coruña). Ter o ciclo de estudos completo na localidade era unha avantaxe porque atraía alumnado doutras localidades e impedía que o alumnado do entorno tivera que marchar lonxe para proseguir os seus estudos e acadar finalmente as titulacións de mecánico naval e mais de patrón. Desgraciadamente o que con toda normalidade sucedeu na rama de Administrativo, é dicir que a cada ano académico se ampliaran os estudos: partindo dos cursos 1º e 2º cursos do nivel FP1, se continuaba a matrícula o terceiro ano académico co alumnado do 1º curso dos tres que conformaban o nivel de FP2, ata implantar os cinco cursos totais e rematar coa obtención da titulación superior; non sucedía así coa rama de marítimo-pesqueira, da que o nivel FP2 non se impartía en Muros porque a Administración non o admitía e así nunca se capacitaba ao alumnado do instituto para proseguir e rematar en Muros as ensinanzas especializadas correspondentes aos citados estudos. Iso implicaba que debían trasladarse a outras localidades distantes (Vigo ou A Coruña) durante alomenos tres cursos académicos para obter a titulación profesional. Diante das reiteradas peticións para ampliar e completar os estudos de FP da rama de Marítimo-pesqueira a comunidade educativa decidiu mobilizarse contra a actitude da Administración.



Presentamos unha breve cronoloxía dalgunhas das decisións e actividades máis sobranceiras nesta reivindicación.


29/1/1988. Celébrase un Pleno do Concello de Muros onde se solicita se amplíen as ramas no centro de Formación Profesional: Ponte e Máquinas..”en primeiro e segundo grado”.


25/4/1988. O Consello Escolar do IFP de Muros acorda unanimemente solicitar para o instituto as ensinanzas do 2º grao da rama Marítimo-Pesqueira, e manifesta o seu apoio ó Concello de Muros na solicitude de ampliación de ramas, o que se ratifica o 25/1/89.


28/11/1989. Os representantes de corporacións locais, confrarías, asociacións de pais, partidos políticos e outras asociacións representativas do pobo desta comarca, apoian explícitamente o obxectivo da ampliación da oferta educativa respeito do 2º grao de FP Marítimo-pesqueira.
A finais do mes de novembro de1989 comezaran as xestións para conseguir unha decisión favorable da Consellería de Educación; buscouse o máis amplo apoio social ás demandas presentadas, e solicitouse de todos os colectivos implicados a súa colaboración: APAS, concellos, asociacións de veciños, centros escolares, asociacións culturais, deportivas, partidos políticos, etc que quixeran sumarse. O día 30 dese mes presentouse un Informe sobre a situación dos estudos de Marítimo-Pesqueira no Instituto de Muros no que se expoñía claramente a situación na que quedaba o alumnado do centro por non poder continuar os estudos iniciados; debido a unha decisión, considerada totalmente arbitraria, da Administración e concretamente pola presión exercida polos centros dependentes da Consellería de Pesca ( especialmente o centro situado en Vigo, que mantiña o práctico monopolio dos estudos de FP2) estes non terían que “competir” con outros centros, coma o de Muros, que eran os “viveiros” para os centros de A Coruña e Vigo. Consecuente con esta actitude da Consellería de Pesca manifestábase un enfrontamento, político e administrativo, entre as dúas Consellerías implicadas; de feito uns anos antes (1987) a Consellería de Educación entendera que era desexable completar os estudos de Marítimo-Pesqueira nos centros de Muros e Ribeira pero non se atrevía a levalo a cabo pola oposición da Consellería de Pesca, quen, dicindo ser a única facultada para para expedir os títulos profesionais, pouco ou nulo interés tiña en amplialos ao instituto de Muros. Deste xeito, unha petición (ampliar os estudos de FP1) foi contestada pola Administración cunha inconcreta promesa de levalo a cabo que non se formalizaba nunca, co conseguinte e acumulado prexuizo para o alumnado muradán e da bisbarra.
A constitución dunha Plataforma para a ampliación da especialidade da Marítimo-Pesqueira foi a resposta da comunidade educativa e da sociedade civil para defender unha reivindicación razoable.


4/12/1989. Nace a Plataforma para a Ampliación de especialidades no Instituto de Muros a petición dos pais dos alumnos da Rama Marítimo-Pesqueira. Por outra banda os partidos políticos con presencia no concello (PP, PSOE, BNG, PSG-EG, PNG-PG, FPG e CDS) comprometéronse a apoiar a ampliación xa para o curso 90/91.


12/12/89. Comunicado da Plataforma solicitando ós partidos envíen o escrito de compromiso, e que as asociacións de pais, consellos escolares, concellos, confrarías e institucións sociais se manifesten a favor da ampliación.


29/12/1989. A Corporación de Carnota acordou solidarizarse coa Plataforma para a ampliación da especialidade no IESP de Muros, solicitando a implantación do 2º grado da Rama Marítimo-Pesqueira para o curso 1990/1991.


15/5/1990. Paro total no centro escolar coma protesta pola ausencia de respostas ás demandas plantexadas diante da Administración.



1/8/1990. Diante da absoluta falla de información por parte da Consellería, a Plataforma informa que levará adiante actos de protesta e reivindicativos en defensa das súas propostas.


1/9/1990. Declaración da Plataforma anunciando que convocará folga xeral na bisbarra para o vindeiro día 10 de outubro.



2/10/1990. A Plataforma comunica ao gobernador civil a convocatoria dunha manifestación para o día 8 de outubro entre as 17 e as 19 horas “(...)a fin de apoiar as mesmas reivindicacións que nos levan ó Paro Xeral nesta comarca- concellos de Muros, Carnota e Outes- para o mesmo día.(...) Partirá ás 17 horas da explanada do devandito Instituto e percorrerá as rúas de Agra de Baño, a Tremenda, Avda. Buenos Aires, Avda. Da Mariña, recheo da Dársena, Avda. Rosalía de Castro e rematará no Curro da Praza- Praza do Concello- onde se lerá un comunicado final. Estimamos unha asistencia aproximada de cinco mil veciños, para o que dispoñemos un servicio de orde de cincocentas persoas, número que consideramos suficiente para garantir a orde debida. As consignas que se corearán durante a manifestación, así como as que irán impresas nas pancartas, serán as seguintes: Máis especialidades de F.P. no instituto de Muros, 2º Grao de Máquinas xa, Pola mellora do ensino na comarca."
O paro e a manifestación do día 8 de outubro constituiron un éxito completo do que se fixo eco a prensa. O Concello, coma máxima representación dos cidadáns, publicou un Bando respaldando e apoiando a folga xeral convocada pola Plataforma e sumándose á protesta.


18/12/1990. Organízase unha viaxe a Santiago para apoiar unha proposición non de lei que se debate ese mesmo día no Parlamento, para a ampliación de especialidades no Instituto.
Nembargantes toda esta mobilización cidadá e o apoio de numerosas forzas políticas e sociais, xa se tomara unha decisión política no mes de setembro de 1990. Segundo informaba o correspondente do xornal La Voz de Galicia no número do día 16 dese mes “La entrevista mantenida por el alcalde muradano y el presidente de la Xunta se ha saldado sin acuerdo positivo en lo que a la consecución del segundo grado de FP marítima-pesquera se refiere. Manuel Fraga, después (de) consultar con las consellerías de Pesca y Educación, dijo que no parecía oportuna la ampliación de estudios en la villa, pues no está justificada por la matrícula existente.” E fronte a esta determinación adoptada polo máximo responsable do Goberno Galego, practicamente nada quedaba xa por facer; de feito a comezos do ano 1991 anunciouse a creación da Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira, punto elixido para rematar coa inexistencia dunha alternativa aos centros de Ferrol e Vigo. O instituto de Muros e a súa área de influencia, quedaron afastados unha vez máis de acadar unhas perspectivas de futuro.




Iniciar sesión: Acceso
book | by Dr. Radut