Skip to Content

Guías Prácticas Fontexería
Curso de Galego
Bolsa de Emprego Fontexería

 

Servidor Abalar do centro

Recursos Didácticos

Atención a pendentes

 

IV. A implantación da LOXSE

IV. A IMPLANTACIÓN DA LOXSE


Rematado o conflicto pola consecución do ciclo completo de Marítimo-Pesqueiro comezaron outros desafíos para o centro traídos pola reforma educativa coa entrada en vigor da LOXSE,o que supoñía novos retos derivados tanto dos aspectos pedagóxicos como tamén da incorporación de novo alumnado, profesorado, novas materias, diminución da ratio alumnado/aula, máis instalacións específicas (aulas especializadas para idiomas, laboratorios e obradoiros, educación física, informática, etc), e todo partindo duns recursos materiais precarios e explotados ao máximo das súas posibilidades, o que facía moi difícil ofertar un ensino de calidade nas condicións nas que se encontraba o centro.


Unha vez máis a administración trazou os seus plans sen contar previamente coa información e as necesidades que poideran plantexar as comunidades educativas; unha vez máis estas tiveron que pelexar por conseguir as melloras que a lei impoñía pero que a Consellería de Educación eludía cumprir, exprimindo os centros ata que a situación non daba para máis, iniciábanse as protestas e entón se parcheaba o que se tiña que ter realizado dende un principio.


A introducción da ESO presupoñía a existencia dunha rede de centros onde se impartiría a etapa educativa obligatoria, pero tamén a post-obrigatoria. Especialmente importante era o tipo de estudos que se ían impartir, tanto no ensino secundario como na formación profesional, daquela organizada en módulos (a penas un par de cursos) e despois en ciclos formativos. A cuestión, desta volta, xiraba arredor do abano de titulacións, especialidades ou tipos de bacharelatos e ciclos formativos que o centro podería impartir. Cantas máis especialidades de bacharelato postobrigatorio impartira o instituto máis alumnado podería cursar estudos nel e mellor oferta educativa proporía para a súa área de influencia; respeito dos ciclos formativos nas ensinanzas profesionais entendíase que se deberían de impartir aqueles que máis se demandaban na zona e que polo tanto podían ter futuro. Diante da indefinición administrativa respecto dunha oferta educativa para a comarca creouse de novo dende o centro unha comisión, denominada Plataforma pola defensa do ensino na comarca de Muros e Carnota, formada polos diversos sectores da comunidade educativa, para que avaliara, propuxera e defendera dende o coñecemento obxectivo das necesidades educativas reais unha opción alternativa fronte ao que se temía como un novo despropósito da Administración. Dende o centro tentouse acadar o máximo número de especialidades: no bacharelato alomenos as tres que se consideraban básicas: Humanidades, Ciencias e Tecnolóxico posto que o de Artes considerábase practicamente imposible de atinxir. Hai que sinalar que, en principio a administración desbotou a idea de ofertar o bacharelato Tecnológico o que obrigou a fortes presións da comunidade educativa e da sociedade civil do concello para que a consellería de Educación admitira as peticións efectuadas. Polo que fai aos estudos profesionais baralláronse alternativas ao sempiterno ciclo de Administrativo e que poideran ter unha demanda de futuro, como a hostalería e a restauración, turismo ou servizos relacionados coa construcción; neste senso hai que sinalar o nivel de implicación nas reivindicacións a este respeito das asociacións empresariais do concello.


Para desenvolver correctamente os obxectivos da LOXSE e achegar os centros escolares de ensino secundario obrigatorio ó alumnado, creáronse tres novos centros escolares na área de influencia do instituto de Muros: un no concello de Carnota (IES Lamas de Castelo), outro no concello de Serra de Outes (IES Poeta Añón) e outro no propio concello de Muros nunha parcela moi próxima á que ocupa o IES Fontexería. (IES As Insuas) Antes de tomar a determinación de construir un centro novo en Muros, a Consellería pensou noutras posibilidades como as de manter a secundaria obrigatoria nos centros de primaria, outra era a de trasladar toda a secundaria a un centro novo e outra construir unha extensión na parcela que ocupaba o centro existente. Pero as complicacións administrativas que se podían derivar da dependencia do alumnado e do profesorado de centros distintos levou a unha decisión final pola cal se creaban os mencionados centros de secundaria obrigatoria e en concreto no novo instituto que se levantaría en Muros iría destinado para o alumnado procedente dos centros de primaria de Esteiro e Louro mentres que o de Muros que cursaba no colexio de Valdexería continuaría os seus estudos de secundaria obrigatoria no IES Fontexería. Pola súa banda neste último centro se impartiría o ensino secundario post-obrigatorio (as tres modalidades de Bacharelato agás o de Artes) para toda a zona e ademáis o instituto ofertaría un ciclo superior de administración e finanzas, dous ciclos medios: de equipos e instalacións electrotécnicas e de comercio, educación permanente de adultos e programas de garantía social. A inadecuación do centro ás esixencias da LOXSE fixo que a introducción da ESO se demorara dous anos respeito á súa entrada en vigor inicialmente prevista; efectivamente o alumnado do primeiro ciclo da ESO (1º e 2º cursos) realizou os seus estudos índa nos centros de EXB de Muros (CP Ramón de Artaza), Esteiro (CP Médico Ricardo Tobío) e Louro (CP de Louro) durante os cursos 1996-97 (1º de ESO) e 1997-98 (2º de ESO), incorporándose o primeiro alumnado no curso 1998-99, iniciando así a nova etapa educativa no instituto co 1º curso do segundo ciclo (3º da ESO).


Ao longo do tempo conviviron no centro os vellos estudos procedentes da Lei Xeral de Educación de 1970 e que foron desaparecendo paulatinamente e os recén incorporados da LOXSE que os ían sustituindo.


O curso 1998/99 viú o derradeiro alumnado que cursaba estudos de Marítimo-Pesqueira, se ben mirou para os primeiros da ESO (3º curso) e os primeiros tamén do ciclo superior de administración e finanzas. O curso seguinte foi o derradeiro para o alumnado de 3º de BUP. No curso 2000/01 tocoulle desaparecer ó de COU mentres se incorporaban adultos, equipos, comercio e 1º do novo bacharelato. No 2001/02 chegan os programas de garantía social pero marcha o alumnado de 3º de FP Administrativo, convivindo ese mesmo curso administrativo, o ciclo superior e o ciclo medio de comercio, ¡ toda unha inflación!. 2002/03 virá o derradeiro alumnado pendente de BUP e COU e de administración e finanzas ao que se lles une tres anos máis tarde (curso 2005/06) o de 1º curso de ciclo medio de comercio.


No presente curso 2007/08 a oferta educativa inclue os catro anos de ensino obrigatorio, os dous do bacharelato (secundaria postobrigatoria), 1º e 2º curso do ciclo medio de equipos, curso de educación permanente de adultos e programas de garantía social.


Tamén hai que dicir que dende o curso 2002/03 impartíronse estudos complementarios de inglés por profesorado do instituto baixo a cobertura da Escola Oficial de Idiomas de Santiago e de xeito aberto tanto para o profesorado como para o alumnado; na actualidade (dende o curso 2006/07) a modalidade destes estudos foi substituida polo programa That´s English.


Doutra banda a necesidade de dispor de instalacións adecuadas ás esixencias da LOXSE impulsou á Consellería a construir un novo e máis amplo pavillón para as clases de educación física no centro o que permitiú transformar o antigo ximnasio nun moi útil e necesario salón de actos. Igualmente consignar que as antigas instalacións de talleres de FP foron reconvertidas para acoller o ciclo de equipos e instalacións electrotécnicas, anque sen amplialas. Sinalar para rematar que o curso pasado a dotación da biblioteca do centro recibiú unha cuantiosa doazón de fondos de Médicos sen Fronteiras que sen dúbida farán do IES Fontexería un importante recurso bibliográfico escolar na bisbarra.




Iniciar sesión: Acceso
book | by Dr. Radut