Skip to Content

Guías Prácticas Fontexería
Curso de Galego
Bolsa de Emprego Fontexería

 

Servidor Abalar do centro

Recursos Didácticos

Atención a pendentes

 

II. Primeiros anos e prmeiras dificultades

II. PRIMEIROS ANOS E PRIMEIRAS DIFICULTADES.


A acta de nacemento do IES Fontexería data do ano 1983 tras dunha forte campaña por acadar un centro de estudos medios e profesionais; porque inicialmente o que a Administración creou foi un instituto de Formación Profesional no que se desenvolverían estudos da Rama Marítimo-Pesqueira e a de Administrativo.



A batalla para lograr o centro comezou verdadeiramente nos anos 1976 e 1977 no seo da propia sociedade muradá, sensibilizada polo feito, que comentamos anteriormente, de que os seus fillos e fillas tiveran que marchar lonxe da casa para proseguir os seus estudos. Pero a Administración non parecía mostrarse moi receptiva diante da idea de gastar os cartos nesta bisbarra e facía oídos xordos ás reiteradas peticións que se lle enviaban; comenta Santiago Lado Rey (Santiago da Reina) que naquel momento o Delegado Provincial de Educación tivo que tragar cos primeiros asubíos e mostras de protesta nunha visita ao colexio de Valdexería. A necesidade fíxose clamor e loxicamente os partidos políticos aproveitaron o proceso electoral municipal no ano 1979 (as primeiras eleccións democráticas nos concellos) para prometer o cumprimento de tan desexada aspiración. E a Corporación resultante topouse con numerosos problemas, especialmente económicos, para levar a cabo o prometido posto que o daquela responsable da educación, o Ministerio de Educación y Ciencia, esixía do Concello “poñer a súa disposición 12,000 metros cadrados nunha zona con accesos, auga, electricidade e todos os servizos necesarios para un edificio deste tipo”; iso impoñía unhas condicións moi difíciles para unha administración local con moi escasos recursos; pero a Corporación decidiu constituir unha Comisión para enfrontar e resolver os atrancos e esta puxo mans á obra: para conseguir os terreos podía optarse pola expropiación ou pola compra; o primeiro mecanismo era demasiado longo e o tempo apremiaba así que se optou polo segundo, o que supuxo negociacións cos propietarios que se resolveron en seis meses; pero foron dous membros desa Comisión os que adiantaron os seus cartos persoais para facer fronte aos pagamentos dos terreos; o Concello en Pleno acordou destinar partidas para liberalos da hipoteca contraída.
Posta xa a parcela en mans de Educación comezou outra loita, esta para apurar ao Ministerio e que o centro se construira dunha vez por todas e non quedara no limbo das boas intencións.


Foi sorte que daquela se celebraran eleccións autonómicas (outubro de 1981), o que propiciou que a Corporación, e a sociedade muradá en xeral, poidera presionar ás forzas políticas no poder para obter decisións, e xa non promesas. E así, nun xantar-mitin ofrecido ao máximo responsable provincial do partido que aspiraba a gañar as eleccións “foi tanta a insistencia por parte dos membros da Comisión e da Corporación municipal que ó Sr. Meilán non lle quedou máis remedio que usar o teléfono do propio restaurante...e lograr aquelo polo que todos levaban tanto tempo loitando...todos os presentes romperon nunha longa ovación”, lembra un dos participantes naquel decisivo xantar. A decisión foi, posteriormente, ratificada pola Administración e apareceu no BOE.


A edificación demorouse de máis por problemas coa empresa constructora e non entrou en funcionamento ata comezos do curso 1983/84. Tanta era a premura que nin inauguración oficial houbo.



O centro ía dispor dun edificio para o desenvolvemento das correspondentes ensinanzas: aulas, obradoiros exentos do edificio principal e un ximnasio (actual salón de actos). O centro de Formación Profesional naceu nun edificio con capacidade para 420 prazas. Sabemos pola ficha do centro que a parcela tiña unha superficie de 11. 140 m2 dos que a correspondían á edificación, (incluido o ximnasio, actual salón de actos) 2. 703 metros cadrados e deles os 100,69 do xa citado antigo ximnasio). Pola súa banda os obradoiros ocupaban unha superficie de 425 metros cadrados. Obviamente a parcela non foi edificada na súa totalidade de xeito que quedou moito espazo para ornamentación do entorno; pero o traballo de eliminar os refugallos da obra de edificación, aportar terra para prantar árbores e axardinar, conseguir as mesmas árbores, prantalas e atendelas ata que comezaron a medrar e a constituir un entorno agradable foi un labor prolongado, desinteresado e calado que se desenvolveu en grande parte grazas ao traballo de Angel Lago Tajes conserxe durante moitos anos e recentemente falecido.


Pero a administración, aparentemente, non contemplou a posibilidade de impartir estudos de ensinanzas medias (bacharelato) cando decidiu aumentar a oferta educativa na bisbarra. A presión popular foi quen de obrigar á Administración pública a ter en conta esta esixencia de sentido común e decidiuse a instauración dos estudos de bacharelato tamén no mesmo centro. Deste xeito o edificio, proxectado en principio para as ensinanzas de formación profesional, tivo que acoller, nun espacio non deseñado en principio para iso, as dúas ensinanzas.



Cando se engadiu o centro de bacharelato a dispoñibilidade espacial diminuiu rapidamente e comezaron as carencias e estreiteces; a isto se engadía a duplicidade de espazos derivado da existencia de dúas unidades administrativas cos seus correspondentes dous despachos para os respectivos directores, xefaturas de estudos e salas de profesores. Ista duplicidade forzada obrigaría a unha convivencia estreita entre dous centros formalmente autónomos: un instituto de formación profesional (o IFP de Muros), e un instituto de bacharelato (o IB de Muros). Cada unha das unidades ocuparía os espazos do primeiro e segundo andar; ou sexa que se estableceu unha disposición por niveis: bacharelato na pranta segunda e FP no primeiro andar.
A primeira persoa destinada ao novo centro foi Gloria Bouzas Formoso quen leva traballando nel ininterrumpidamente dende o primeiro minuto da súa creación ata hoxe mesmo.


Despois chegaron os primeiros directores dos centros, o do IFP, Manuel Vázquez Leborán e o do IB, Mª Teresa Otero Suárez, para poñer en funcionamento cadanseu centro xunto aos respectivos equipos directivos.
As nais e pais do alumnado do centro conformaron tamén as súas propias asociacións; a primeira presidenta da APA do IFP foi María Lago, daquela funcionaria do concello de Muros e da de bacharelato Santiago Lado Rey.



Dende o primeiro momento a matrícula medrou rapidamente, especialmente no bacharelato; se no primeiro ano escolar (1983/1984) houbo neste segmento unha matrícula de 142 alumnos, o curso seguinte o incremento foi do 43% (204 alumnos), e os grupos eran ben completos (30/31 alumnos nos grupos de 1º de BUP e 35 no grupo de 3º), o que se traducía nunha masificación das aulas verdadeiramente importante en detrimento da calidade do ensino. Os responsables do instituto de bacharelato sinalaban á administración nese ano 1984 algunhas das previsións a respeito da matrícula para cursos sucesivos: 300 novos alumnos e alumnas para o ano académico 1985/86, cantidade que se prevía medrara no seguinte ata os 400 e acadara a importante cifra de 500 para o curso 1986/87. A todas luces as instalacións precisaban dunha ampliación inmediata.


Doutra banda, se ben é certo que as previsións eran algo “inflacionistas” ao respeito da matrícula real máis valía curarse en saude posto que o certo era que o alumnado medraba de xeito importante e a administración era, e segue a ser, moi lenta á hora de enfrontar calquera previsión de futuro; así no curso 1994/95 chegaríase a unha impresionante cifra de matrículas: 945, a máxima que tivo o centro na súa historia, precedidas o curso anterior por outra cantidade considerable: 889, e seguida no curso 1995/96 por unhas 926.


Como se viña anunciando o novo edificio manifestou de xeito acelerado as carencias espaciais que conlevaba a decisión de situar no mesmo edificio dous centros chamados a ampliar rapidamente o seu alumnado, provocando moitas dificultades. Á altura do curso 1985/1986 os directores de ámbolos institutos insistían novamente diante das autoridades educativas desas insuficiencias que obrigaban a adicar o espacio dispoñible (laboratorios, departamentos didácticos e despachos) para aulas; e iso a pesares das promesas da ampliación do edificio. A comezos do seguinte curso (1986/1987) informábaselle á Delegación provincial da Consellería da necesidade de dispor dalgunhas aulas do Colexio de EXB por carencia evidentísima de espazo no instituto; tamén se ofrecía a posibilidade de adaptar un lugar no propio centro que proporcionaría un local de 12 metros cadrados, previa autorización. A demanda remataba cun urxente. “É indispensable”.


As obras de ampliación das instalacións estaban en marcha esperabase que estiveran entregadas o día 6 de maio de 1987 de xeito que se podera acomodar debidamente a todo o alumnado (mesmo espallado ata no centro de EXB) e deixando de impartir a docencia en aulas inaxeitadas. A inadecuación das instalacións ás necesidades e a falla de comunicación da Administración fixeron deses cursos tempos moi complicados e dificiles, tanto para o alumnado como para o profesorado, quenes tiveron que recibir e impartir docencia nunhas condicións absolutamente inapropiadas. Para acabar de complicar as cousas, as obras tiveron un brusco parón ó cesar nas súas actividades a empresa encargada de realizalas, en suspensión de pagos.


A loita pola consecución do funcionamento óptimo das instalacións compartidas foi sempre unha acción que os dous centros levaron a cabo de xeito conxunto se ben hai que sinalar que non sempre foi doado convivir cos problemas derivados dunhas obras non moi ben realizadas (houbo dificultades de subministración de auga ó centro, por exemplo) e mesmo da xestión compartida dunhas mesmas instalacións comúns por parte de dúas unidades administrativas formalmente diferentes pero que ocupaban un mesmo edificio. Afortunadamente as situacións potencialmente conflictivas desaparecerían cando nacera a IESP.


As reformas educativas, tanto dende o punto de vista organizativo dos centros coma dende a perspectiva pedagóxica, sacudiron rápidamente ao centro recén creado. No ano 1988 a Administración educativa galega decidiu refundir os centros de bacharelato e FP existentes en moitas localidades e crear un novo tipo de centro, os IESP (Institutos de Ensinanza Secundaria e Profesional). Como en tantas ocasións a Administración tiña os seus propios plans, e sen contar coas comunidades educativas, simplemente impoñía as modificacións que consideraba oportunas sen consultar ou mesmo comunicar previamente aos afectados. Os IESP semellaban ser un adianto da Reforma educativa que se ía implantar a partires dos anos 90 coa Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e que clausuraba á súa vez a Lei ou Plan educativo de 1970 que dera lugar á Formación Profesional e ao BUP (Bacharelato Unificado Polivalente) no Ensino Medio e á EXB (Educación Xeral Básica) no Ensino Primario. Así que preparando a nova Reforma, para experimentar, créanse os IESP. E unha das localidades onde se decidiu actuar neste senso foi Muros. Os centros afectados, certamente non o viron como o vía a Consellería e menos polo xeito en que esta actuou, utilizando a técnica dos feitos consumados e sen consultar cos colectivos profesionais afectados pola modificación. E igualmente que noutras ocasións, as peticións de paralización do proceso xa posto en marcha pola Administración non foron escoitadas e a partires do curso 1989/1990 comezou a funcionar un centro administrativo unificado, desaparecendo os dous institutos como unidades independentes que, de xeito anómalo, ocupaban o mesmo edificio. A Era da Obligatoria Duplicidade Compartida tiña rematado.


De seguido adxuntamos un breve documento onde se pode observar, non só unha reflexión sobre as dificultades que a creación dun centro único supuxo para o profesorado senón tamén atá que punto a Comunidade educativa do novo centro tiña que lembrarlle á administración algunhas das situación que ela mesma creaba coa reforma posta en marcha e que afectaban ao alumnado, concretamente a solicitude da gratuidade do transporte escolar para os estudiantes de BUP.


“La Consellería de Educación decidió unificar a los antiguos Institutos de BUP y FP de Muros, creando el actual IESP con efectos 1/7/89. De esta forma, los profesores se ven unidos en un Claustro y en los mismos Seminarios, los órganos directivos se ven igualmente unificados, creándose una situación en la que todos los estamentos educativos han terminado por verse afectados. En este proceso nos hemos encontrado con multitud de problemas causados por la diferente procedencia de los miembros de nuestra actual Comunidad educativa, y cada sector con sus peculiaridades de origen. Por ello, todos hemos tenido que hacer un gran esfuerzo para ir encontrando un lugar común en el que hacer realidad una unidad, que en principio solo existía en las páginas del D.O.G. (...) Este Consello Escolar opina que todos estos alumnos, por el hecho de estar integrados en una única Institución educativa, debieran tener los mismos derechos y obligaciones, y en este sentido está actuando. Por ello rogamos a la Consellería de Educación que actúe de la misma forma, otorgando el derecho al transporte gratuito a todos los alumnos de esos cursos, independientemente del nivel que estudien. Creemos que ello sería coherente con el espíritu de la Reforma educativa que establece el derecho a la educación obligatoria y gratuita hasta los 16 años, como con la propia medida tomada por la propia Consellería al nombrarnos IESP, adelantándose así a la obligatoriedad del Nuevo ordenamiento educativo. En este sentido, el Consello Escolar del IESP de Muros, en su reunión del 22/11/89, acuerda solicitar a la Consellería de Educación, el transporte escolar gratuito para los alumnos de 1º y 2º BUP. Equiparándolos así a sus compañeros del primer grado de F.P., Muros 15 de Diciembre de 1989.”


Independentemente das dificultades que experimentaron os dous institutos para cumplir eficazmente as súas funcións académicas e convivir cos atrancos que se presentaban, houbo unha cuestión curiosa, anque non relevante: ningún dos centros tiña nome propio. Ambos eran meramente o IB-Muros e o IFP-Muros; certamente que esa denominación meramente topografico-administrativa non presentaba problema algún pero tamén é certo que hai unha tendencia a dotarse cun nome identificativo que singularice o centro. Pero no caso dos centros de Muros, tratábase de dúas unidades administrativas diferentes que compartían a mesma parcela e o mesmo edificio, situación creo que practicamente única. Polo que parece a posibilidade de darlle un nome propio ao centro partiú do instituto de bacharelato; probablemente pretendía denominarse a sí mesmo máis que “bautizar” aos dous centros cun nome común. En calquera caso presentáronse varias propostas; os nomes indicados eran os seguintes: Raúl Boullosa (nome dun profesor morto nos labores de auxilio aos alumnos vigueses accidentados no río Órbigo no ano 1979), Manuel Antonio, mariñeiro e poeta; Antón Vilar Ponte, home político galeguista; Diego de Muros, clérigo e humanista, e Fontexería e Agra de Baño, topónimos nos que localizaban os dous centros. Non prosperou daquela a idea así que a proposta sería retomada máis adiante, unha vez constituido o novo centro unificado, o IESP. Desta volta resultaría elixido o nome de Fontexería co que foi denominado o centro educativo dende ese momento (curso 1992/93).



Iniciar sesión: Acceso
book | by Dr. Radut