Skip to Content

Guías Prácticas Fontexería
Curso de Galego
Bolsa de Emprego Fontexería

 

Servidor Abalar do centro

Recursos Didácticos

Atención a pendentes

 

I. Introdución

INTRODUCIÓN.


Este traballo pretende ser unha aportación máis ás celebracións do XXV aniversario da creación do centro de ensino secundario de Muros, coñecido no día de hoxe como IES Fontexería.



É intención do seu autor lembrar os momentos que considera máis importantes dende o punto de vista dos feitos para un suxeito colectivo: a comunidade educativa, formada por profesorado, alumnado, PAS, pais e nais de alumnos, asociacións cívicas e poderes públicos xa que todos eles tiveron que ver de xeito relevante no nacemento, desenvolvemento e estado actual desa mesma comunidade educativa que ten como plasmación o propio centro.


Loxicamente despois de vintecinco anos sucederon moitas cousas, houbo numerosos feitos destacables e os nomes propios das persoas que tiveron relación co centro conforman unha lista enorme. Así que facer un relatorio exhaustivo resulta verdadeiramente imposible e ademáis non tería sentido porque sempre algo e alguén quedarían fóra do relato.


Consecuentemente optouse por un criterio menos lesivo e tamén menos aburrido para as amables persoas que lean estas liñas; tentar ofrecer unha visión destes vintecinco anos utilizando tres eixes: o nacemento do centro; a frustrada loita pola ampliación dos estudos de marítimo-pesqueiro e por último o proceso derivado da introducción da reforma educativa impulsada pola LOXSE que é o momento onde o centro se atopa neste momento. Despois dun cuarto de século pódese dicir que o instituto medrou estructuralmente anque ten menos alumnado que nos seus primeiros tempos; iso pódese considerar unha mellora para as promocións de estudantes de secundaria que utilizan as instalacións; non hai masificación, hai máis recursos, é certo pero tamén creo que se pode palpar menos dinamismo; as perspectivas de futuro na bisbarra e zona de afluencia de alumnado ao centro semellan estar algo ralentizadas. Esperamos que se trate dunha conxuntura e que nun futuro que desexamos o máis inmediato, as esperanzas volvan a renacer e que o alumnado que se forma no centro impulse o desenvolvemento e aporte a súa actividade nos lugares que os viron nacer e educarse como persoas.


Polo demais esta aportación procura obviar a maior cantidade de nomes propios, agás aqueles que deben figurar por motivos moi sinalados. Todos os nomes son absolutamente respectables e todas as aportacións dignas de aprezo, pero as personas nomeadas sonno porque tiveron unha característica que os demais non posuímos: seren os primeiros ou manter unha traxectoria especialmente dilatada no tempo.


O actual IES Fontexería é o sucesor dunha secuencia de centros de ensino secundario que se foron desenvolvendo na parroquia muradán de Serres, concretamente no seu barrio ou lugar de Baño, dende o curso 1983-84 sobre unha mesma localización espacial inicial.


Este curso conmemoramos que o centro leva funcionando 25 anos; 25 sempre foi unha cifra bastante redonda porque é a cuarta parte de 100 e para os organismos tan vitais coma un centro educativo 25 anos é unha idade moza. Por iso queremos desexarlle e desexarnos moitos aniversarios máis. Pero non só debemos pensar en termos de anos de historia do centro.


Un centro de ensino é algo máis ca un edificio ocupado por un colectivo de alumnado, profesorado e PAS que desenvolven funcións de ensino- aprendizaxe. En certa forma un centro de ensino é coma un ser vivo (e por certo que en poucos espazos humanos haberá máis vida ca neles!) e coma seres vivos tamén nacen e se desenvolven ao longo do tempo, se ben superan á vitalidade dos seres humanos: viven máis anos, son moito máis grandes e máis complexos. Poderiamos dicir que se asemellan a certos animais lonxevos, vivaces e complexos, coma as baleas, tal vez. Os centros escolares teñen unha grande prole, ainda que non teñen uns pais concretos; os pais dos centros son a sociedade, que é quen os crea; todos os demáis, os pais e nais dos alumnos e alumnas, estes, as persoas que cumpren funcións de administración e servizos e o profesorado somos todos fillos do centro de ensino. Verdadeiramente o centro non é máis que a plasmación dunha comunidade educativa e é a comunidade educativa que pasou polo centro quen está de festa. E debe festexar que despois de moitos anos, por fin unha comunidade humana situada lonxe (ás veces semella que demasiado lonxe) dos grandes núcleos urbanos do noso País, e que abranguía unha superficie considerable, ía poder dispor do acceso ás ensinanzas, daquela chamadas Formación Profesional e Medias, sen ter que abandonar as súas casas por un longo tempo. Ata ese ano os rapaces e rapazas dos Concellos da bisbarra tiñan que trasladarse ata Noia, Cee ou Santiago, coma localidades máis cercanas, se querían acceder ao ensino tanto de formación técnica aplicada coma do bacharelato. E deberiamos tamén lembrar as condicións das estradas e dos medios de transporte daquela para entender das dificultades das que estamos a falar cando pensamos naqueles tempos. Así que dispor dun centro no que cursar estudos profesionais e de ensinanzas medias sen ter que facer grandes desprazamentos foi un auténtico éxito, pero tamén un acto de verdadeira xustiza. Todas as persoas deben ter a oportunidade de estudiar preto de onde viven, alomenos nos estudos básicos.




Iniciar sesión: Acceso
book | by Dr. Radut