Skip to Content

Semana da prensa

Comeza a semana da prensa, coincidindo co aniversario da máquina de escribir, así que a nosa Biblioteca engalánase para celebrarmos tales acontecementos cunha exposición de máquinas de escribir antigas e de coñecidos personaxes de cómic relacionados co xornalismo. O alumnado de 1 ESO foi repartindo polo centro exemplares da “BiblioProval”; ademais, todxs os que o desexen poden darnos a súa data de nacemento para podermos consultar na nosa hemeroteca cal foi a efeméride que aconteceu un día coma ese. Non o perdades, haivos moitas sorpresas agochadas en cada andel!

 

 

Axudas para a formación en linguas estranxeiras

Publicación no DOG do 26 de febreiro da Orde do 10 de febreiro de 2020, pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2020, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva. O prazo de presentación remata o 26 de marzo. Para máis información sobre este programa, así como para atopar a aplicación "en liña" que se menciona na convocatoria prema no enlace. Véxase, ademais, o cartel informativo adxunto da dita convocatoria.

 

"Eu tamén necesito amar"

No marco das actividades vinculadas ao “mes da muller”, este próximo luns visitaranos o realizador gondomareño Antonio Caeiro, quen nos vén presentar “Eu tamén necesito amar”. Este documental amósanos en primeira persoa a historia íntima de dezasete mulleres da nosa contorna nunha sociedade que, coas feridas aínda abertas da Guerra Civil, estrea unha ditadura que duraría máis de corenta anos.

Trátase, xa que logo, da memoria oral do amor e a represión -política, relixiosa e social- vividos, e sufridos, en tempos de guerra e miseria, de pensamentos e vivencias testemuños dunha época escura, non tan afastada, que cómpre visibilizarmos porque, como reivindica o director “a historia deste país está chea de mulleres, invisibles na maioría das veces, que levantan a súa casa sen precisar de home á sua beira”. Fermosa e necesaria homenaxe á afouteza, afectividade e á liberdade das nosas mulleres! 

Día Internacional da Muller

Marzo é o “mes da MULLER” e son moitas as actividades que nestes días promovemos -desde o Equipo de Igualdade, Biblioteca e departamentos didácticos- para honrar a súa figura. Continuamos, deste xeito, a xeira emprendida co “Día contra a violencia de xénero” ou coa celebración do “Día da muller e a nena na Ciencia”, encamiñada a sensibilizar e visibilizar a valía feminina na sociedade, lembrando a necesidade e seguir loitando pola igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes.

Asistiremos á protección de documentais, pezas teatrais, presentación de libros, obradoiros de creación audiovisual, charlas, lecturas, regueifas, exposicións... que nos permitirán coñecer, por exemplo, a evolución na visión da muller na arte, as problemáticas que teñen sufrido e sofren, como se vivía a afectividade en tempos de guerra... porque, malia que aínda queda moito por andar, é tarefa de todxs peneirar o camiño, e tentaremos que, polo menos dentro da nosa comunidade educativa, as mulleres deixen de ser “invisibles”...

 

 

Olimpíada de Física

Este venres celebrouse na Facultade de Ciencias do Mar de Vigo a fase local da Olimpíada Internacional de Física, e a ela acudiu o noso alumno de 2º de bacharelato Pedro Martínez Rajoy. Aínda que teremos que agardar uns días para saber se consegue ser un dos dous alumnos seleccionados pola Universidade de Vigo para competir na fase nacional -previa á internacional e iberoamericana-, sentímonos moi orgullos@s del, pois chegar aquí xa é todo un triunfo de talento e esforzo. Parabéns a Pedro e ao seu profesor César Rodríguez!

 

Syndicate content


by Dr. Radut