Skip to Content

Escolares

CHEGA O NADAL

Co Nadal a voltas

Felicitación


     E chegou, coma quen non quere a cousa, o 22 de decembro! Abofé que poucos crían hai dous meses que chegaríamos enteiros con todo o que está a caer! Pero chegamos. E agora que comezan as xornadas do Nadal, toca despedir o ano e darlle a benvida ao 2021.

     Precisamente nestas datas, os docentes e o alumnado do IES Elviña adoitabamos celebrar o festival de Nadal, coas actuacións dos cursos, as obras de teatro, os recitais... Boa xornada de festa era!  Pero... chegou o Covid e, xa sabemos, acabou o conto e a festa tornou cousa seria...

     Contodo, a comunidade docente do instituto de Elviña non quixo (e non quere) tampouco este ano deixar pasar esta data sinalada sen pór algo de alegría entre tantas tristuras, así que creou un vídeo (o vídeo) cangado de humor para despedir este malfadado 2020 e para darlle a benvida ao 2021. Para que co vacinado aninovo poidamos deixar cedo atrás as máscaras e as miserias da enfermidade. Con ese desexo no espírito, todos os participantes da filmación deste ano fixeron o seu mellor esforzo e puxeron o maxín a producir. Velaquí o resultado de tantos desvelos. Compartímolo, como sempre, con toda a comunidade de Elviña cos nosos mellores desexos para o vindeiro ano.

Por un 2021 que nos devolva á vella normalidade!

Todo o persoal do IES Plurilingüe Elviña
deséxalles un feliz Nadal e un próspero ano

 *      *     *

DÍA INTERNACIONAL DA POESÍA

EN TEMPOS DO CORONAVIRUS:
XORNADA INTERNACIONAL DA POESÍA NO IES PLURILINGÜE ELVIÑA

Portada de Cantares Gallegos 1863     O día 21 de marzo foi declarado pola UNESCO en 1999 Día mundial da poesía, xornada internacional adicada á palabra humana universal. Como é tradición no IES Elviña celebrar esta xornada, non quixemos desaproveitar a ocasión, aínda nas tristes circunstancias desta longa noite de Coronavirus. Así que, desde os seus fogares, varios membros do claustro do IES prepararon un vídeo a partir da recitación de Eu ben vin estar ó moucho, poema pertencente aos Cantares gallegos de Rosalía de Castro.

     Velaí vai...Adorno

 Para os curiosos lectores, que os hai, e son moitos aínda, o texto na primeira edición (1863).

 

Eu ben vin estar ó moucho
enriba d'aquel penedo:
¡non che teño medo moucho,
moucho non che teño medo!


I
Un-ha noite, noite negra,
Com' os pesares qu' eu teño,
Noite filla das sombrisas
Alas que estenden os medos;
Hora en que cantan os galos,
Hora en que xemen os ventos,
En qu' as meigas bailan, bailan,
Xuntas có demo pirmeiro,
Arrincando verdes robres,
Portas e tellas fendendo,
Todas de branco vestidas
Tendidolos brancos pelos
Contra quen os cans oubean
Agoirando triste enterro;
Cando relumbrar se miran
Antr' os toxales espesos,
Cal encendidas candeas
Ollos de lobo famento,
E os ramallaxes dos montes
Antre sí murmuxan quedos,
E as follas secas qu' espallan
Os aires da noite inquietos,

En remuiños se xuntan
Con longo estremecemento;
Indo camiño da Igrexa,
Soya cós meus pensamentos
Cabo da fonte da Virxe
Pretiño dó cimeterio,
Dempois de sentir un sopro
Que me deixou sin alento,
Eu ben vin estar ó moucho
Enriba d' aquel penedo.

II.
Arrepuïñadas todas
As carnes se me puñeron
E os cabelos no curuto
Fórons' erguendo direitos:
Gotas de sudor corrian
Afio pó lo meu peito,
E trembaba como tremban
As auguas cando fay vento,
Ná pia da fonte nova
Que sempre está revertendo.
Aquel moucho ali fincado,
Cal si fose ó mesmo demo,
Fito á fito me miraba
Có seus ollos rapiñeiros,
Que coidei que me roubaban
Non mais que de lonxe velos,
De lume me paresian

E que me queimaron penso,
Penso qu' eran tizós roxos
Da fogueira dos infernos
Que pó las niñas me entraron
Hastr' ó corazon direitos
En el remorsos habia
D' amoriños pecadentos...
¡Ay! quen ten d' eses amores
Non pod' achar bon sosiego!

Chovia, si Dios ten augua,
Ventaba en tódolos ventos,
E ensarrapicada toda
A camiñar non m' atrevo
Qu' ó moucho fita que fita
M' aspera na quel penedo.
Mais acordeime da Virxe
Que sempre conmigo levo,
Resoll' un Ave-Maria
E cobrando novo alento,
Com' os páxaros do mare,
Nadando, paso ó regueiro,
Corro á enriba dó valado,
Brinco en baixo dó portelo,
E den' ali, berro estonces
Con cantas forzas eu teño:
Non che teño medo moucho,
Moucho non che teño medo.

CHARLAS NO SALÓN DE ACTOS

ALCOHÓLICOS ANÓNIMOS
    
O pasado xoves 13 de febreiro visitou o noso centro unha representación de Alcohólicos anónimos para dar unha pequena charla ao alumnado de 4º ESO e 1º de Bacharelato sobre os perigos do consumo inmoderado de bebidas alcohólicas. O alumnado escoitou con atención o testemuño de primeira man  sobre as consecuencias nefastas deste hábito. Agardemos que lles sirva aos nosos rapaces.

Imaxe01

MULLER E CIENCIA
     Aproveitando que o día 11 de febreiro celébrase a vindicación das rapazas e das mulleres na ciencia a través do seu Día internacional, a Doutora en Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da Universidade da Coruña Susana Ladra veu dar unha charla ao alumnado da ESO sobre genómica. Ao fío da súa intervención aproveitou para animar a todas as nosas alumnas a adentrarse con entusiasmo e imaxinación no mundo das ciencias puras, de certo ben necesitadas do talento feminino. Se cadra dentro dalgúns anos, sexa algunha rapaza do público a que lles dea unha charla de ciencia ao alumnado do futuro IES Elviña... Ogallá!

Susana LadraSusana LadraSusana Ladra

TEATRO EN INGLÉS E BATALLAS RAPERAS

ACTIVIDADES NO MES DE XANEIRO

E xa estamos a rematar xaneiro... Quen o diría? Hai nada estabamos na festa de Nadal e agora enfilamos cara as Carnestolendas! Pois mentras agardamos as xornadas do disfraz falaz, da grelada e do touciño, aproveitamos para levar ao alumnado dos distintos grupos de paseo por esta nosa Coruña dos desvelos... Uns foron á Fundación María José Jove (os 2º de ESO), outros ao Ágora (3º ESO), outros aos Ludi compostellani en Santiago (4º ESO), outros irán á branca neve "jaquense" para rematar o mes (3º ESO), e etc. etc. Coma non é cousa de contalo todo, deixamos aquí reseña só de dúas saídas bonitiñas, como a Margarita do poema.



ABANCA "VAMPIRES"

A fundación social de ABANCA (Afundación, valla a redundancia) ofreceu aos centros de ensino da nosa cidade a oportunidade de asistir a unha obra de teatro didáctico en inglés no seu auditorio. A obra Class of Vampires, coma se soe dicir, fixo as delicias do público asistente, entre eles o alumnado do noso centro, e Fran, Lucía e Janna, os docentes que acompañaron aos rapaces. A loable intención da obra: traballar valores de integración e respecto. Ben está.

010205


A BATALLAS DE RAP, CAMPO DE NOTAS
 

Os concertos didácticos do Consorcio para a promoción da música son unha fermosa tradición da nosa cidade, xurdida ao abeiro da Orquestra Sinfónica de Galicia, que compre xa décadas. Dure moitos anos o seu labor en prol da cultura e da música nos moitos niveis aos que traballa. Neste curso, toucoulle turno á Batalla, non porque houbese liorta entre o alumnado por asistir, senon que así se titulaba o concerto: unha "batalla de gallos" entre Tazz Yeah e Zerpa, dúas figuras da improvisación micrófono en man. A simpar loita tivo lugar na Sala de Cámara do Palacio da Ópera, onde estiveron os nosos alumnos na boa compaña de Gemma. Yeah e Zerpa fotografáronse con eles, como amosa algunha das seguintes probas do delito, digo, do evento.

Batalla 2Batalla7Batalla 8

O espírito maker esténdese sobre Elviña

Os alumnos e alumnas de 1º da ESO sacaron o seu carácter máis emprendedor e estiveron a fabricar xabóns durante os recreos do mes de xaneiro. Fixérono no laboratorio do departamento de Ciencias Naturais, que foi gustosamente cedido por Luís mentres non chega a dotación para o espazo Maker. Os rapaces e rapazas non só decidiron as formas e os cheiros, senón que tamén realizaron toda a elaboración dos xabóns, mostrando unha gran autonomía e moitísimas ganas de aprender facendo. Realizaron un magnífico traballo en equipo e pasaron un tempo de lecer moi entretido e divertido. Seguide así!

 

Distribuir contido


by Dr. Radut