XORNADA ROSALIANA EN SANTIAGO DE COMPOSTELA
Padrón. 15 de xullo de 1885. Rosalía de Castro agoniza rodeada polos seus. Alejandra, a súa filla, a carón do leito, terma da man da poeta, que delira, a mente xa no limiar doutras terras. Pronuncia as súas derradeiras, misteriosas, fermosas palabras: "abride a fiestra, que quero ver o mar".
O día 20 de marzo pasado Patricia Varela e Alfonso Salgado, os nosos estupendos profesores do Departamento de galego, levaron ao alumnado de 3º de ESO a Padrón e a Santiago de Compostela, terras rosalianas, dentro das actividades didácticas coas que se lembra a figura literaria da grande poeta romántica galega.
En Padrón, os rapaces visitaron a casa-museo da autora, esa onde Rosalía deu o seu último alento caendo no mar infindo da morte. Despois, a visita do alumnado rematou na capital galega cunha serie de actividades lúdicas e didácticas destinadas a traballar diversos aspectos da vida e da obra da autora. Foi unha xornada para aprender desfrutando!
Patricia e Alfonso, sempre ao pé da poesía!
Outros detrás, n'a eternidá caendo
cal cai o grau n'a moedora pedra,
sin que o porvir velado ôs mortais ollos
rompa as pesadas brétemas.
Que triste é a noite i-o relox que triste,
s'inquieto o corpo i-a conciencia velan!
Follas novas (1880)