O pasado xoves día 24 de febreiro conmemorouse o día da nosa poeta máis internacional Rosalía de Castro. Como todos os anos, no IES Elviña os departementos de Biblioteca, dinamización e lingua galega colaboraron para celebrar esta xornada con exposicións, lecturas, disfraces (pois estamos no entroido) e vídeos.
FUSIÓN EDUCATIVA: "TANXUGUEIRAS" NAS AULAS DE GALEGO
Este sábado moitos acordaron coa noticia educativa do finde nos xornais: un xoven profesor de lingua galega do IES Elviña espertaba a admiración dos docentes da comunidade galega pola súa unidade didáctica "veñen para quedar" sobre as Tanxugueiras, coa que está a traballar desde hai uns días co noso entusiasta alumnado cousas tan peregrinas coma a fonética da lingua galega, a gramática, a sociolingüística e demais asuntos de lingua.
O xoven profesor, de prácticas no noso centro (fermoso presente e futuro venturoso), escritor de novelas nos ratos libres (de seguro non moitos), leva por nome Cándido Paniagua, e xunta talento, discreción, compromiso co traballo e xenerosidade a partes iguais. É de xustiza ese aplauso colectivo que recibe Cándido estes días. Entre as cousas que merecen eloxio, non semella a menor o traballo ben feito, o desexo de educar aos xóvenes na lingua galega e o amor pola propria cultura.
A cousa está, pois, en que a Cándido deulle por acercar a reflexión sobre a lingua galega co orixinal método de recurrir ás novas tecnoloxías e á música das Tanxugueiras, das que moito se fala nestes días por esta súa Terra, canción coa que loitan na Benidorm Fest por representar a España na Eurovisión. E do mesmo xeito que estas tres potentes rapazas levan o son electrónico da música máis moderna á poderosa tradición das cantareiras e das pandereteiras, así o noso Cándido fai bandeira da fusión de música e gramática nas aulas. Disque os rapaces e rapazas están encantados co intento, e que os alalás das Tanxugueiras lles encenderon o aquel da curiosidade pola cultura galega. Diso se trataba. Ben feito!
Por todos os esforzos semellantes que de cote hai nas aulas de Galiza, cómpre tamén un aplauso. Desta vez tocoulle a Cándido, que ben o merece. Sorte para nós, a comunidade do IES Elviña, que podemos contar con el. Grazas, Cándido!
XORNALISMO NO IES PLURILINGÜE ELVIÑA: PRIMEIRO NÚMERO DO "DISQUE"
O Dpto. de lingua galega, que, como xa é ben coñecido de todos, non acouga, promoveu desde o inicio de curso a realización dun xornal electrónico escrito e preparado polo alumnado de 2º de ESO co familiar nome de DISQUE. A proposta, liderada pola ousada docente Ana García, chegou a porto co esforzo denodado dun nutrido equipo de redactores e redactoras, que descubriron a bo seguro os sufrimentos e sinsabores da rigorosa composición da "primeira plana". Sexa como fór, os sufrimentos e esforzos deron froito (e abofé que semella fermoso froito!). Xa poden os curiosos lectores mergullarse no negro sobre blanco das novas elviñenses. Que lles aproveite!
(DISQUE se ten éxito este primeiro número, virán outros...)
Aproveitando que estamos nas datas das comilonas e dos atracóns, o alumnado de 1º de ESO, por sabia e suculenta iniciativa da súa profesora Patricia Varela, preparou un receitario de gulosas delicias para larpeiros e larpeiras.
O traballo está publicado no blogue de galego e no portal web de Calameo, onde se pode consultar. A máis dun pode darlle ideas para estas xornadas de saudables dietas invernais...
Pois nada, a xantar, que son dous días (ou dúas semanas)!
Confinados ou non, hoxe domingo é o Día das Letras Galegas, adicado nesta ocasión a Ricardo Carvalho Calero. O Departamento de Lingua Galega, atento á circunstancia, concitou a colaboración de alumnado e profesorado do centro para preparar un mural de Bookfaces. Velaí os tedes, para alegría de todos (e todas).
As imaxes e vídeos contidos nesta páxina web corresponden ás actividades desenvolvidas dentro da Programación anual de actividades do noso centro polo noso alumnado. Todas as familias e responsables legais do alumnado que aparece nelas asinaron coa matrícula un permiso específico para permitir a difusión destas imaxes a través da web do instituto ou a través das contas en espazos web e en redes sociais que son de titularidade do IES Plurilingüe Elviña. Asimesmo, familias e responsables están tamén informados do seu dereito de revogar esa autorización de uso de imaxe. Lémbrase que a descarga destes materiais visuais e o seu uso por terceiros fóra do estrito marco dos espazos e funcións permitidos pola autorización citada (isto é, a difusión meramente informativa das nosas actividades complementarias e extraescolares a través da páxina web oficial do centro e a través das contas das que o centro é titular) son ilegais, poden e deben ser denunciados. O IES Plurilingüe Elviña non se fai responsable do uso que se poida facer destas imaxes por terceiros fóra do ámbito dos espazos web que son da súa titularidade.