Skip to Content

Complementarias

Obradoiros de Nadal

Como cada curso, rematamos o ano 2022 con obradoiros de Nadal. Esta vez, cunha novidade: catro dos 10 obradoiros impartidos foron propostos e dirixidos por alumnado do Centro.

Parabéns ao profesorado implicado e unha mención especial a Sabela e Uxía do 2ºcurso de ESO, a Leticia, Nerea e Nora de 3º de ESO e a Nicolás do 4ºcurso de ESO pola iniciativa, preparación e éxito dos obradoiros.

Feliz comezo de ano a todos e a todas!

Para visionar o vídeo das actividades , preme  aquí.


Iniciativa "libretas solidarias" do alumnado de valores éticos.

Péchase o curso co mellor sabor!!!

Este ano, o noso alumnado de ESO de valores éticos xunto coa súa profesora Beatriz Pérez Espiña, promotora da iniciativa, déronlle unha segunda oportunidade a unha morea de papeis e cartóns en desuso para convertilas nunhas fermosas libretas recicladas.

O labor e entusiamo durante o curso, tanto na elaboración como na venda solidaria das libretas, acadou a súa recompensa coa implicación e colaboración da gran familia do IES de Cotobade.

No día de onte, UNICEF Ucrania recibiu o noso pequeno gran de area cunha doazón de 177€.


Moitas grazas a todos e a todas pola mostra de solidariedade e compromiso.

#emergenciaucrania

Entrega de diplomas polo alcalde de Cerdedo-Cotobade ao alumnado participante na formación para mediadores e cibermentores

Para acceder á nota de prensa, prema aquí


2 de maio. Día contra o acoso escolar. Actividade CPInclúe.

Hoxe, día 2 de maio, a comunidade educativa do I.E.S. de Cotobade conmemora o día en contra do acoso escolar, protagonizando un NON fronte acoso! 

Alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos recordaron no día de hoxe a importancia da prevención, detección e tratamento do acoso escolar e defensa das vítimas. Unidos na procura dunha contorna escolar segura,  participaron no seguinte photocall : "Non ao acoso escolar" para denuncialo e visibilizalo.

EXPOSICIÓN "LECCIÓN XITANA"

 

No I.E.S de Cotobade apostamos pola diversidade e a integración. Durante uns días podemos ver a exposición "Lección Xitana" cedida pola Fundación Secretariado Gitano . Esta exposición  pretende  contribuír ao coñecemento do pobo xitano.

"Lección Xitana" é ese capítulo perdido dos libros de historia: a cultura silenciada, os nomes propios invisibilizados, as novas que non se publicaron e as anécdotas que nunca nos contaron. Con "Lección Xitana" queremos chamar a atención sobre o gran descoñecemento que a meirande parte da sociedade ten sobre a comunidade xitana. É un convite a romper a ignorancia, o prexuízo, o rexeitamento ou a indiferencia. É unha chamada a coñecer o rico patrimonio histórico e cultural do Pobo Xitano .

"Lección Xitana" presenta unha historia de persecución e dor, pero tamén a resistencia, superación e dignidade, así coma a contribución xitana ao patrimonio social e cultural común.

Esta actividade intégrase nos Contratos Programa Inclúe.

8 de abril. Día internacional do pobo xitano

O día 8 de abril celébrase o día internacional do pobo xitano. O IES de Cotobade creou un espazo na nosa biblioteca cos estoxos xitanos  nos que podemos atopar libros, cds, xogos, obxectos cotiáns, actividades manuais, receitas, fichas informativas... todo representativo da cultura xitana cedidos pola biblioteca Xosé Neira Vilas de Vigo. Esta actividade está enmarcada dentro dos Contratos-Programa Inclúe en colaboración co Secretariado Xitano.

Por que o reintegracionismo é útil para ti? Carlos Valcárcel Riveiro. Universidade de Vigo

Carlos Valcárcel Riveiro, profesor universitario da lingua francesa e da didáctica de segundas linguas, visitou o alumnado de 3 e 4 ESO o martes 29 de marzo. A través dunha charla sobre o reintegracionismo, achegoulle á rapazada unha visión diferente e necesaria sobre a situación do galego. Grazas por visitarnos un ano máis, Carlos!


Teatro: A señora de Forcadela, O Quinquilláns. Deputación de Pontevedra: O pasado por vir.

O alumnado do 4º curso de ESO do IES de Cotobade asistiu esta mañá a unha das actividades sobre a memoria histórica que a Deputación de Pontevedra, grazas ao seu programa de Memoria Histórica ‘O Pasado Por Vir’, está a levar pola provincia da man de concellos, asociacións e centros de ensino.


A representación “A señora de Forcadela” permitiu achegarnos dunha maneira diferente ás vivencias da represión e a ditadura.
‘A señora de Forcadela’ é unha historia baseada na biografía da mestra Josefa García Segret, extensiva á doutras mulleres represaliadas na Galiza a partir de xullo do 36: foi detida o 15 de agosto e na prisión de Tui salvou a vida grazas á axuda dun médico forense e dun doutor que aseguraron que estaba embarazada. Foi xulgada en Vigo por rebelión e condenada a pena de morte que se lle conmutou por cadea perpetua, e despois a 6 anos e un día.

En 1982, Josefa García Segret publicou un libro autobiográfico titulado ‘Abaixo as ditaduras’, editado por ela mesma, grazas ao que a día de hoxe se coñecen as súas vivencias. No libro explícase a vida dunha reclusa dunha maneira moi directa. Aínda que terminou a obra en 1976, a súa publicación —“polas circunstancias do momento”— tivo que agardar a 1982, catro anos antes da súa morte.

A peza teatral foi representada pola compañía teatral ‘O Quinquilláns’, contando no elenco con Tero Rodríguez e Lucho Penabade.
O noso agradecemento ao departamento de lingua e literatura galega polo impulso e organización!

Fotografía: Beatriz Pérez Espiña

  

 

 

 

 

 

 

 

 

23 de febreiro. Día de Rosalía

No I.E.S. de Cotobade quixemos renderlle a nosa singular homenaxe a Rosalía de Castro no seu día. O 23 de febreiro un grupo de alumnas e profes foron de ruada no recreo coas súas pandeiretas para disfrutarmos deste día de festa. Ademais, o alumnado recibiu un bolígrafo máxico que só escribe en galego, agárdase que non sexa necesario acudir á nosa conciencia polo seu mal funcionamento!

Texto e organización: Equipo de Dinamización da lingua galega.

Para ver o vídeo do acto, prema aquí

Distribuir contido


by Dr. Radut