Estrea de "Sinfonía Graffiti", do grupo de teatro Xanela

O grupo de teatro inclusivo Xanela estrea o próximo 7 de xuño a súa terceira peza, “Sinfonía Graffiti”, ás 19:30 horas no Multiúsos do Piñeiral do Crego (Chapela). Esta obra é o resultado dun proxecto de teatro comunitario de creación colectiva desenvolvido entre a Asociación Xaruma, a Escola de Arte Dramática de Galicia e o IES de Chapela.

A iniciativa conta coa participación de máis de trinta persoas das tres entidades implicadas e coa colaboración do Concello de Redondela, tendo como obxectivo principal lograr a inclusión e fomentar o sentimento de pertenza. “Sinfonía Graffiti”, dirixida polo director teatral e dramaturgo Roi Vidal, retrata en si mesma a unión desde a diversidade, presentándonos escenas cotiás dun barrio calquera onde unha serie de personaxes recoñecibles para o público han conformar entre todas a súa particular harmonía colectiva.

A entrada será de balde ata completar aforo. Non perdas a oportunidade de ser parte desta sinfonía.