Coñecendo o Teatro Clásico

 

O martes 20 de febreiro o alumnado de 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato que cursa as materias de Latín, Grego e Filosofía acudiu, xunto coas profesoras de Filosofía e de Latín, ao Teatro Municipal de Tui para asistir a unha función teatral: Antígona de Sófocles, obra que forma parte do Festival de Teatro Grecolatino, organizado pola SEEC-Galicia, e representada polo Grupo Corzos Reunidos, casa de Castilla la Mancha (A Coruña).

En Antígona desenvólvese un gran combate de ideas entre as leis divinas, santas e inviolables, e as leis civís, útiles e oportunas; dunha parte, unha moza, Antígona, doutra, un rei poderoso e autoritario, Creonte. Moitas son as interpretacións ás que deu pé unha obra tan maxistral e complexa. O que si queda de manifesto é que a oposición entre ambos se considera como a pugna entre dúas esferas de poder igualmente válidas, a divina e a humana, a da familia e a do Estado, a do mundo dos vivos e o dos mortos e, por último, o enfrontamento entre unha muller e o poder dos homes.

Esta actividade permitiu ao noso alumnado gozar dun espectáculo que mantén os ingredientes do teatro clásico, teatro do que somos herdeiros, e entrar en contacto cos numerosos mozos e mozas de diversos centros educativos que alí acudiron e que son, como así manifestaron os organizadores, os que fan posible a presenza e continuidade na escena do mundo clásico.