Caricias de León - Santiago García-Clairac

A lectura é unha das formas máis amenas e máis eficaces de ser conscientes. Ás veces os libros que lemos vólvense significativos porque nos fan reflexionar sobre algo que tal vez antes nunca se nos ocorrera pensar, ou porque o seu contido ten unha forte  vinculación co mundo real que nos rodea. Ler é recordar, non só a experiencia allea contada polo autor ou autora sobre "actos ocorridos hai moito tempo" ou "actos recentes dos nosos días", senón tamén a nosa experiencia inconfesada. Caricias de León serviunos para abordar o tema da igualdade home-muller tratando de desenvolver o pensamento crítico en torno ao tema da violencia doméstica. O libro consta de dúas partes.

Primeira parte, novela: Diana podería ser máis tolerante e paciente con León. Pero non quere. Non ten por que aguantar. Non está disposta a deixar que o seu suposto noivo lle dea pequenos azotes, por moi cariñosos que sexan. Se a nai de León reaccionase a tempo, agora as cousas serían moi pero moi diferentes...

Segunda parte, análise: Santiago Luque, psicólogo e especialista en psicoloxía clínica e da saúde, aborda o tema da violencia doméstica desde todos os puntos de vista posibles para que os lectores e as lectoras reflexionen, saquen as súas propias conclusións e poidan decidir. Unha análise fonda da violencia de xénero e os malos tratos.

Curso 2008-09. Lecturas Titoría 3º ESO.