Paseo sonoro - 2017

O pasado 26 de outubro de 2017 o alumnado de Música de 4º ESO A-B do IES Chapela realizou un paseo sonoro pola parroquia. En dita actividade percorremos Chapela andando durante 45 minutos e expondo os nosos oídos a todos os sons que nos rodeaban. Este tipo de exercicio auditivo persegue a finalidade de establecer unha relación consciente co contorno para conseguir captar as variacións e a riqueza acústica que posúe.

Chapela, á que acotío ligamos con sons desagradables de altos decibelios provenientes da circulación na autoestrada, tamén ten sons fermosos que o alumnado valorou. Destacaron o das ondas do mar chegando ao porto, os do río, e o dos paxaros sempre presentes no percorrido, aínda que ás veces os seus chíos fosen sepultados por sonoridades de natureza máis urbana. Os sons máis rexeitados foron o da autoestrada, banda sonora desde hai décadas das parroquias de Chapela e de Teis, que campa ás súas anchas sen ningunha defensa para a veciñanza da zona, e o das obras que se están levando a cabo na Avenida de Vigo para ampliar as beirarrúas.

O alumnado tamén distinguiu distintas paisaxes sonoras no percorrido. A zona de Chapela de arriba próxima a autoestrada, onde o ruído é constante e forte co paso incesante de coches, superando os 80 dB. A zona máis illada acusticamente do Camiño Igrexa, na que o son dos automóbiles case que non se percibe e sobresaen ruídos de ríos, paxaros e animais, ofrecéndonos un contorno acústico de carácter máis rural. As medicións do noso sonómetro baixaron ben dos 60 dB. Ao chegar á estrada da Avenida de Vigo, máis do mesmo, contaminación acústica. Botamos de menos aquí o ruído do sinal acústico que debían ter os semáforos para que fosen útiles para os invidentes, unha reivindicación feita polo alumnado de Chapela ao Concello en novembro de 2013 e que o consistorio de Redondela segue sen atender. Finalmente e xunto ao mar, no paseo do porto e en Penedos, outra vez un ambiente acústico máis agradable marcado polo mar, o vento, as follas secas das árbores que pisabamos, e os motores ao lonxe dalgúns barcos traballando. O nivel de volume situábase en torno aos 55-60 dB. A experiencia foi cualificada de positiva polo alumnado, que recordou e reivindicou de novo a necesidade de protección acústica contra o ruído da autoestrada e contra o alto volume que proxectan sobre o noso Centro educativo.