Paseo Sonoro - 2016

O pasado 21 de outubro de 2016 o alumnado de 4º ESO A-B do IES Chapela realizou un paseo sonoro pola parroquia. En dita actividade percorremos Chapela andando durante 45 minutos e expondo os nosos oídos a todos os sons que nos rodeaban. Este tipo de exercicio auditivo persegue a finalidade de establecer unha relación consciente co contorno para conseguir captar as variacións e a riqueza acústica que posúe.

Chapela, á que estes días ligamos con sons desagradables de altos decibelios polas obras da autoestrada, tamén ten sons fermosos que o alumnado valorou. Destacaron o das ondas do mar chegando ao porto, os do río, e o dos paxaros sempre presentes no percorrido, aínda que ás veces os seus chíos fosen sepultados por sonoridades de natureza máis urbana. Os sons máis rexeitados foron o da autoestrada, banda sonora desde hai décadas das parroquias de Chapela e de Teis, que campa ás súas anchas sen ningunha defensa para a veciñanza da zona, e por suposto as obras próximas ao instituto.

O alumnado tamén distinguiu distintas paisaxes sonoras no percorrido. A zona de Chapela de arriba próxima a autoestrada, onde o ruído é constante e forte co paso incesante de coches, superando os 80 dB. A zona máis illada acusticamente do Camiño Igrexa, na que o son dos automóbiles case que non se percibe e sobresaen ruídos de ríos, paxaros e animais, ofrecéndonos un contorno acústico de carácter máis rural. As medicións do noso sonómetro baixaron ben dos 60 dB. Ao chegar á estrada da Avenida de Vigo, máis do mesmo, contaminación acústica. Botamos de menos aquí o ruído do sinal acústico que debían ter os semáforos para que fosen útiles para os invidentes, unha reivindicación feita polo alumnado de Chapela ao Alcalde Javier Bas en novembro de 2013 e que o Concello de Redondela segue sen atender. Finalmente e xunto ao mar, no paseo do porto e en Penedos, outra vez un ambiente acústico máis agradable marcado polo mar, o vento, as follas secas das árbores que pisabamos, e os motores ao lonxe dalgúns barcos traballando. O nivel de volume situábase en torno aos 55-60 dB.

A experiencia foi cualificada de positiva polo alumnado, que recordou e reivindicou de novo a necesidade de protección acústica contra o ruído da autoestrada e contra o alto volume que proxectan sobre o Centro as obras de ampliación da AP9 impedindo o normal desenvolvemento das clases.