Skip to Content

Terceiro Trimestre 2023-2024

4/04/2024  CHARLA COLOQUIO TRIBUNAL DE CUENTAS EUROPEO

Neste día tivemos a sorte de poder contar con Juan Vázquez Rivera, Auditor Sénior do Tribunal de Contas Europeo (TCE) con sede en Luxemburgo que impartiu ao alumnado de 4°ESO unha charla-coloquio baixo o título Back to School, na que puidemos coñecer que é a Unión Europea, por que xorde e como foi evolucionando co paso dos anos, como funciona, os distintos órganos de goberno, como inviste na nosa vila, como inflúe nas nosas vidas e por último tamén nos falou das mobilidades Erasmus.

Unha interesante charla coa que nos acercou a unha institución moi presente no noso día a día e sen embargo moi descoñecida.

5/04/2024 OBRA DE TEATRO EN GALEGO

Crónicas da fala

O pasado venres o noso alumando de 3º e 4º de ESO,  asistiu á obra de teatro Crónicas da falada compañía Vicus Teatro proposta polos departamentos de lingua galega e dinamización lingüística.

Vicus teatro está a desenvolver un proxecto didáctico centrado na realidade galega e, máis concretamente, nas Irmandades da Fala, e neste espectáculo teatral os actores Pablo Carrera e Sergio Alfonso emularon as conversas sobre o teatro de dous intelectuais galegos nos comezos do século XX.

Procurando a interacción co público e sen renunciar a certos trazos humorísticos, a peza dramatizou a historia das Irmandades da Fala: as súas orixes, da man de Aurelio Ribalta e Antón Villar Ponte; a constitución das diversas agrupacións locais e da sección feminina; a celebración das asembleas nacionalistas, a primeira das cales tivo lugar en Lugo en 1918 etc..

Moi divertida!!!!

8/04/2024 FALADOIRO COA ESCRITORA ÁNXELA GRACIÁN

Neste día visitounos Ánxela Gracián para falar do seu libro Donas de Nós. Asistiu entusiasmado o alumnado de 2º, 3º, e 4º de ESO que forman o noso Club de Lectura "Argallantes das Letras"

Intercambiamos impresións sobre a novela e fixémoslle moitas preguntas sobre o que supón ser escritora e todo o labor asociado. Quedamos marabillados coas súas verbas e as súas reflexións. Finalmente, puidemos achegarnos a ela de xeito máis individualizado para que nos asinara e adicara a súa obra.

10/04/2024 VISITA AO CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA MINA DAS PONTES

Neste día o alumnado de 4º ESO achegouse ao Centro de interpretación da mina da nosa vila para aprender sobre o seu pasado industrial.

Da man de Marisol, a nosa guía, aprendemos sobre a extracción do lignito na que foi a mina a ceo aberto máis grande de España. Mediante fotografías e vídeos da exposición, explicounos como funcionaban as retroexcavadoras; como km de cintas transportadoras levaban os estériles cara á escombreira e o combustible á central; a xeración de electricidade...

Tamén nos falou da restauración da entulleira e a creación do lago para rehabilitar o espazo.

A visita complementouse có uso de gafas de realidade virtual, coas que os nenos e nenas experimentaron a sensación de entrar na sala de control e turbinas da central, así como a de voar sobre o parque de carbón ou as chemineas.

Damos as grazas ao concello das Pontes por poñer á nosa disposición este recurso sobre a nosa historia máis recente.e a Marisol pola seu tempo e a súa dedicación.

12/04/2024 VI OLIMPIADA NACIONAL DE ENXAÑERÍA DE CAMINOS, CANALES E PORTOS

Neste día, o alumnado de 2º ESO participou na VI Olimpíada Nacional de Enxeñaría de Camiños, Canales e Portos na Universidade da Coruña. A xornada constaba de varias probas como: ensamblar a ponte Da Vinci, facer un arco de dovelas de medio punto, unha proba de loxística ou montar unha presa con arxila, area e grava.

Enfrontarse a este reto foi toda unha experiencia e unha oportunidade para traballar en grupo.

12/04/2024  INTERCAMBIO CLUB DE LECTURA IES NOSA SRA. DOS OLLOS GRANDES

Tivemos un día xenial para o alumnado pertencente ó noso club de lectura “Argallantes das letras” en 3º de ESO, xa que puidemos gozar da presenza na nosa vila e o noso centro do alumnado do club de lectura do IES Nosa Sra. Dos Ollos Grandes.

Cando chegaron fixeron un xogo de pistas na nosa biblio inspirado no libro de lectura que lemos en conxunto “Tres Catorce Dezaséis” de Rocío Leira. Logo, compartimos unha merenda para coller folgos e dirixirnos a un roteiro pola vila das Pontes.

A parada principal fixémola no lago xa que tiñamos que aproveitar o sol e as boas temperaturas. Alí compartimos uns momentos moi agradables intercambiando tamén información sobre puntos de referencia da nosa vila como o propio lago, a central, o Cine Alovi, etc.

Que pracer foi compartir este día con vós!! Quédanos pendente a nosa visita.

16/04/2024 VISITA Á XANELA

Esta semana o alumnado de 4º de ESO visitou A XANELA, asociación de discapacitados activos das Pontes cuxa misión é mellorar a calidade de vida e fomentar a integración social das persoas con diversidade funcional e as súas familias, a través de actividades terapéuticas, de ocio e tempo libre.

Alí as educadoras e terapeutas explicáronnos que esta organización sen ánimo de lucro está inmersa no programa  #AsPontesContigo,  a través do cal pretende crear una rede de axuda comunitaria para as persoas maiores,as que requiren coidados paliativos, ou posúen diversidade funcional,  e incluso as que viven en soiade, coordinándose cos servizos sociais do concello das Pontes e o centro de saúde.

Gustounos moitísimo coñecer de primeira man a gran labor que desempeña esta asociación e os profesionais que alí traballan.

Queremos agradecer enormemente a atención recibida dalgunhas das persoas que alí traballan como é o caso de Aliana, Carlos, Javier, Marcos, María e Rocío.  

18/04/2024 VISITA AO MUSEO DE ANFACO DA INDUSTRIA CONSERVERA

Nunha aposta polo emprendemento, e no marco do programa Edu Tec Emprende, o noso alumnado e profesorado dos Ciclos de Soldadura e Administración e Finanzas visitou o Museo da Conserva. Contén unha colección visitable, ubicada na sede de ANFACO-CECOPESCA. A súa  misión é conservar, investigar, exhibir e divulgar a historia do patrimonio industrial conservero.

A colección organízase en función dos acontecementos que  marcaron os inicios e  o desenvolvemento  dos alimentos conservados por esterilización e o seus fitos tecnolóxicos, científicos e sociais en torno aos procesos produtivos dunha fábrica de conservas. Fai fincapé na organización laboral das fábricas, nas relaciones laborais e humanas e no importante papel desempeñado pola muller na industria do mar.

A través da colección, faise un percorrido polas marcas comerciais e os documentos que mostran a actividade que forma parte do Patrimonio Industrial de Galicia. Forman parte da exposición os relatos históricos sobre as sagas empresariais, e aspectos comunicativos desta industria como a publicidade, o deseño de envases, etiquetas, caixas, abrelatas, etc.

19/04/2024 XORNADA DE EMPRENDEMENTO- ATRÉVETE

Neste día, visitounos o alumnado e profesorado de 5º de Primaria do CEIP Plurilinüe A FRAGA das Pontes e 5º e 6º do CEIP O MARBÁN das Somozas, para participar na primeira xornada de emprendemento dentro do Programa Eduemprende-Atrévete 2024 da Xunta de Galicia.

Tras a recepción, o director do centro, José Antonio López, doulles a benvida, e asistiron a unha interesante charla a cargo de José Castro, que explicou que é a Asociación de Empresarios Seara da cal é Presidente.

Ademais, coñeceron a experiencia empresarial da empresa Invenergy Services  da man de  Mónica Carballeira, Vicepresidenta da mesma.

Despois dun pequeno descanso e almorzo realizaron un percorrido polas instalacións do centro e realizaron actividades sinxelas nalgúns talleres dos ciclos como Automoción, Informática,  Soldadura e no Polo Creativo.

SEMANA DEL 21 AO 27 DE ABRIL- SPRING WEEK 

Na semana do 21 ao 27 de abril, o noso alumnado de 3º de ESO  asistiu á Spring WeeK; trátase dunha experiencia de inmersión lingüística que ten lugar no complexo do Cemar situado en Mondariz.

A rapazada, estivo a desenvolver actividades teóricas relacionadas ca elaboración dun proxecto sobre sostibilidade e outras de tipo máis práctico e lúdicas que tiveron lugar nun fermoso entorno natural  que constaban de tiro con arco, hípica, horto, tirolinas, praia fluvial, etc. 

Destacamos:

- A visita ó castelo de Sobroso para coñecer esta edificación histórica que tanta importancia tivo na idade media para os reinos de Galicia, Portugal e Castela. 

-Unha gymkhana pola vila de Mondariz-Balneario, coñecendo a súa historia como vila termal, visitando a fonte de Gándara e descubrindo as peculiaridade do concello máis pequeno de Galicia.

- E as veladas musicais nocturnas con karaoke, "Furor" e disco. 

O último día, antes de marchar, tivemos a visita de Román Rodríguez, conselleiro de educación,  para compartir co alumnado unhas palabras sobre a importancia do inglés para o seu futuro.

23/04/2024 PARTICIPACIÓN XORNADA LANZAMENTO CANSAT

O noso alumnado de 4° de ESO tivo a oportunidade de amosar a súas dotes tecnolóxicas participando no aeródromo das Gaivotas  en Cerceda, na fase rexional de lanzamento de satélites CanSat 2024 da Axencia Espacial Europea. 

Un CanSat é unha simulación satélite integrada dentro dunha lata de refrescos. O desafío para o alumnado consiste en introducir nun espazo reducido os principais elementos dun satélite real, como a alimentación eléctrica, os sensores e o sistema de comunicacións. A continuación, lánzase o CanSat a unha altura aproximada de 100 metros e déixase caer desde unha plataforma mediante un dron. O experimento científico consiste en lograr unha aterraxe sen danos e a análise dos datos durante o descenso. 

Recuperamos o Cansat sano e salvo, agora temos que analizar os datos enviados de temperatura, presión atmosférica e humidade e o vindeiro venres toca enfrentarse ao xurado na  “Sesión de defensa dos proxectos"

Grazas Elena García e Marcos Cobas por coordinar este innovador proxecto do club de ciencias.

 

24/04/2024 FP INNOVA 2024

Entre os días 24 e 26 de abril, tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, a VI EDICIÓN DO CONGRESO DE INNOVACIÓN NA FORMACIÓN PROFESIONAL, FP INNOVA GALICIA 2024.

O Castro da Uz, estivo representado polo Director do centro e o Dinamizador da relación con empresas na FP nunha xornada na que empresas, institucións e a comunidade educativa fixeron unha reflexión sobre a necesidade de adaptación aos cambiantes requirimentos do mundo produtivo e a influencia das tecnoloxías dixitais e da automatización nos novos perfís profesionais. O Congreso abordou temas de interese como a IA, as tecnoloxías inmersivas, a automatización o a robótica.

Ademais, o alumnado de 2º de ESO, Ciclos Formativos de Automoción e Informática,  FP Básica e ESA visitou o propio congreso para ver os proxectos expostos polos diferentes centros.

Alí puideron experimentar en primeira persoa as novas tecnoloxías, coa participación nos obradoiros sobre hidróxeno verde, ciberseguridade, biotecnoloxía, robótica aplicada, creación de videoxogos, realidade virtual e aumentada, aplicacións móbiles ou impresión dixital, entre outros.

Unha magnifica ocasión para coñecer as posibilidades que ofrece a formación profesional!!

26/04/2024 XORNADA DEFENSA PROXECTOS CANSAT

Parabéns a nosa rapazada de 4° de ESO que co seu equipo CanSat Uzespace, realizou unha impecable defensa do seu proxecto onte en Santiago!!!

Foi unha experiencia moi enriquecedora e agardamos pola vindeira edición no 2025!!! 

26/04/2024 XORNADA DE EMPRENDEMENTO- ATRÉVETE

Neste día visitounos o alumnado e profesorado de 6º de Primaria do CEIP Plurilinüe A MAGDALENA para participar na segunda xornada de emprendemento dentro do Programa Eduemprende-Atrévete 2024 da Xunta de Galicia.

Tras a recepción, o director do centro, José Antonio López, doulles a benvida, e asistiron a unha interesante e orixinal charla da emprendedora Noelia Cabarcos, deseñadora e organizadora de eventos da asociación seara. Coñeceron tamén  a experiencia e traxectoria empresarial de José Castro, que explicou que é a Asociación de Empresarios Seara da cal é Presidente.

Despois dun pequeno descanso e almorzo realizaron un percorrido polas instalacións do centro e realizaron actividades sinxelas nalgúns talleres dos ciclos como Automoción, Informática,  Soldadura e no Polo Creativo.

 

30/04/2024 VISITA AO MUSEO DE ESTRELLA GALICIA

Esta semana,  alumnado e profesorado dos Ciclos Formativos Administración e Finanzas e Mecatrónica Industrial, fixeron un percorrido museográfico por máis de 110 anos de tradición cervexeira familiar. Visitaron as catro plantas do Museo da Estrella Galicia onde descubriron a historia da cervexa, os estilos cervexeiros que hai no mundo, e coñeceron as materias primas e os procesos de elaboración que emprega Hijos de Rivera SAU nas súas receitas.

Adentráronse na sala de caldeiras, na fábrica en tempo real; coñeceron a evolución dos envases e das campañas publicitarias.

Viviron desde dentro un concerto de SON Estrella Galicia, rodaron con  pilotos de GP, aprenderon a catar cos mestres de Cultura de Cervexa nos Talleres Cervexeiros, e por suposto probaron e brindaron con algunhas variedades na zona de degustación. 

30/04/2024 EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA- VIOLENCIA DE XÉNERO

Á Violencia de Xénero... Dille Non!

Nestes días tivemos no noso centro, no marco do Plan Proxecta “Por 365 días de respecto e igualdade”, unha exposición gráfica ilustrada dirixida a axudar á mocidade a recoñecer, identificar e rexeitar condutas sexistas e nocivas como o control, a manipulación, o abuso, a chantaxe emocional e outras formas de maltrato nas súas relacións.

Once paneis de 70 x 100 cm, amosan a través dunha selección de fotografías,  unha realidade social que só pode ser freada a través do rexeitamento colectivo. Nos carteis reflíctense formas de exercer a violencia que case sempre pasa desapercibida a quen a sofre, e nalgúns casos, tamén a quen a exerce por tratarse dun modelo normalizado pola cultura e a sociedade que cala con forza na adolescencia.

3/05/2024 VISITA Á CASA DE MANUEL MARÍA

O venres 3 de maio o alumnado de 4° ESO desprazouse ata Outeiro de Rei para visitar a Casa-Museo de Manuel María, un dos autores clave da literatura galega. 

Alí agardábaos tamén unha xornada de xogos literarios e un roteiro pola área que viu medrar ao Manuel María poeta e á que precisamente lle dedicou grande parte da súa produción. Afortunadamente, o tempo acompañou!

6/05/2024 SEMANA AZUL

Dende Baiona, o corazón das Rías Baixas, o alumnado de 2° e 3° de ESO tivo o pracer de gozar duns días de actividades físicas nun entorno privilexiado.

Tivemos a oportunidade de practicar Surf, Vela, realizar Gymkanas para coñecer mellor a vila de Baiona, visita guiada as Illas CÍes, e como o tempo nos acompañou, aínda puidemos gozar da praia. 

Agredecemos o traballo e organización de pradotours galicia, en especial do noso monitor  de tempo libre @casiiitas.

 

 

8/05/2024 CORRELINGUA NA MURALLA DE LUGO

Na xornada do mércores o alumnado de 1° e parte de 3° ESO achegouse á cidade de Lugo para realizar varias visitas. Comezaron a mañá na Sala de Exposicións Porta Miñá e no Centro de Interpretación da Muralla, onde coñeceron de preto a vida romana e a formación de Lucus Augusti.

Na Praza de Santa María agardábaos o Correlingua, que os reuniu con alumnado de toda a provincia para reivindicar o uso do galego en todos os ámbitos. Realizaron unha camiñata pola muralla, exhibindo as súas pancartas, e asistiron á posterior celebración con música en galego, de volta ao punto de partida. Tamén recolleron un diploma acreditativo da súa asistencia ás festas deste ano!

Estamos agardando xa a edición 2025!

10/05/2024 PRESENTACIÓN EDUCACIÓN EN FEMININO: UN PASEO POLA HISTORIA

A pasada semana o alumnado de 2º e 4º de ESO tivo a sorte de asistir á charla de Laura Ventura e Laura Carballeira, alumnas de 1º curso da Facultade de Formación de Profesorado do campus de Lugo-USC. Falaron sobre o proceso de creación da exposición de póster que temos no centro dende o día 8 de maio centrándose principalmente na figura de catro educadoras galegas. Logo fixeron una xogo de pistas recadando información dos 36 póster que conforman a mostra.

Cada póster dedícase integramente a unha educadora (ou a un colectivo de educadoras) do pasado ou do presente. Os póster foron elaborados por alumnado que acababa de comezar a súa andaina na Universidade.

A mostra continuará nos nosos corredores ata finais de mes co fin de reivindicar a figura feminina vinculada co ensino.

 

27/05/2024 ROTEIRO FRAGAS DO EUME

Este luns 27 de maio, o alumnado de 1ESO do noso IES foi de excursión pola comarca.

A primeira parada foi na Escola da Capela, musealizada para dar a coñecer como sería un centro de ensino rural nos anos 40 do pasado século. Da man de Secundino, antigo director do actual CEIP Mosteiro de Caaveiro na Capela , aprenderon que pizarras e pizarríns, pluma e tinteiro ou o cabás, figurarían entre o material que usaban os  bisavós e bisavoas do alumnado, se é que foron á escola, nunha época na que o analfabetismo aínda era moi alto.

Despois fomos andando ata o museo etnográfico do Pazo, onde viron unha casa tradicional con todo o necesario para ser, no posible, autosuficiente: o procesado dos alimentos, a obtención de tecidos, a ferrería,..

Por último, na compaña de Roberto Hermida, biólogo e experto en morcegos, baixamos ao Mosteiro de Caaveiro, observando a riqueza do medio natural que fai das Fragas o mellor bosque atlántico de Europa, e que temos que axudar a conservar para podelo seguir desfrutando.

30/05/2024 VISITA ASOCIACIÓN SEARA E Á EMPRESA PROMETAL

O noso alumnado de 1º de ESO participou nunha Xornada do Programa Atrévete de fomento do emprendemento.

En primeiro lugar tiveron unha charla na sede da Asociación de Empresarios SEARA impartida polo seu presidente, Xosé Castro, e pola emprendedora Noelia Cabarcos. Nela os nenos e nenas coñeceron un pouco mellor o sector empresarial que lles rodea, a importancia de fomentar a cultura emprendedora desde pequenos, e  algúns exemplos reais de proxectos que se converteron en referentes empresariais.

Despois, no Polígono de Penapurreira, visitaron as novas instalacións da empresa PROMETAL Tecnoloxía e Innovación, dedicada á produción de estruturas metálicas.

Agradecemos a Daniel Filgueiras a súa implicación e amabilidade coas que nos ensinou as diferentes  estruturas e recunchos da empresa.

Bonita xornada, pasárono moi ben!!!

 

31/05/2024 VISITA Á CASA DE ROSALÍA DE CASTRO

O venres 31 de maio o alumnado de 3° ESO achegouse ata Padrón para coñecer máis de preto a vida de Rosalía de Castro, unha das autoras da literatura galega que están a estudar. Alí recibiunos o tamén escritor Manuel Lorenzo Baleirón, quen se encargou de guialos polos lugares máis importantes para a poetisa: a estatua que lle dedicaron os emigrados a Uruguai, a Igrexa de Santa María de Iria e o cemiterio onde estivo enterrada primeiramente, as casas nas que viviu... Finalmente, chegaron á Casa da Matanza, onde finaría a autora, hoxe convertida nun museo non só de Rosalía, senón da historia dos galegos e galegas.

8/06/2024 I CARREIRA GREEN POWER

IES Plurilingüe Castro da Uz xunto con outros centros de formación profesional de Galicia e a Escola Politéctina de Enxeñaria de Ferrol, embarcámonos nun proxecto de enerxia verde dentro das directrices de Green Power España.

Cada centro montou un Kart 100% eléctrico co que competirá. Este sabado día 8 de xuño terá lugar a primeira carreira en Galicia,que se celebrará no circuito de karting das Pontes.  O equipo gañador será aquel que consiga percorrer máis quilómetros sen que se lle esgote a batería. Deste xeito, non gaña o equipo máis rápido, senón aquel que conduce do xeito máis eficiente e sustentable posible. Así, os 10 equipos participantes na I Carreira Greenpower de Galicia terán que superar dúas probas de resistencia de 60 minutos de duración.

Colaboran nesta iniciativa, a Deputación da Coruña, o Concello de Ferrol, o Concello das Pontes, o grupo Intaf, o concesionario Renault Caetano Fórmula Galicia, o IES Plurilingüe Castro da Uz, Imprenta Lujo e a Carpintería Madesa das Pontes xunto con Supermercados Gadis.

 

10/06/2024 ROTEIRO MATEMÁTICO

O luns 10 de xuño,  o alumnado de 3ºESO gozou dunha mañá especial, na que as clases saíron de paseo.

Os departamentos de Matemáticas, Educación Física e Bioloxía xuntáronse para deseñar unha actividade na que se mesturaron todas as materias.

O roteiro, duns 7 quilómetros, comezou coa saída do instituto ata a famosa Ponte de García Rodríguez (ou dos Ferros).  Alí comezou o traballo matemático, no que a rapazada, armada de móbiles e cinta métrica, tivo que calcular a superficie empedrada na ponte ou o peso dos bancos de pedra da praza da igrexa.

A ruta seguiu despois a carón do Muíño de Alende ata a Fraga de dona Rita e a estatua de Rivera Corral, coñecendo datos curiosos da vila.

Logo fixeron un paseo relaxante ata o encoro da Ribeira,  e despois de cruzar á outra beira do río comezou a observación do medio natural.

E, mentres camiñaban, examinaban a contorna para completar un divertido bingo na Canle IV no que debían usar os seus sentidos para buscar plantas aromáticas, animais predadores e moito máis...

13/06/2024 VISITA AO MUSEO DE AUTOMOCIÓN E HISTORIA

14/06/2024 VISITA AO LUGO ROMANO

O venres 14 de xuño o alumnado de Latín introduciuse no mundo romano de Lucus Augusti para vivir de preto a invasión do Imperio ao poboado castrexo 

Pola mañá visitaron centros de interpretación das construcións máis emblemáticas da cidade, como as cloacas, a muralla ou a Domus Oceanis.

Tamén houbo tempo para unha camiñata pola muralla romana antes de xantar. Finalmente, adentráronse na época da conquista de Lucus   coa celebración do Arde Lucus, na que coñeceron campamentos romanos, talleres e recreacións da vida na urbe. Un bo peche a todo o traballo e coñecemento deste curso!

 

18/06/2024 ACTO ENTREGA DE PREMIO Ó COOPERATIVISMO

Neste día, tivemos o acto de entrega do Premio ao Cooperativismo no Ensino, outorgado pola Consellería de Emprego ao noso alumnado de Economía de 4° de ESO, debido a creación dunha cooperativa educativa. 

Dita cooperativa chamada RecreaT naceu co obxectivo de fomentar a actividade física e a cohesión da rapazada nos tempos de lecer e mediante a realización de torneos deportivos. Isto foi posible grazas ao proxecto para o fomento do emprendemento PROEM promovido e dirixido por Carolina García, Directora da Asociación de Empresarios Seara por una banda, e por Sabela Montero profesora da materia de Economía do noso centro pola outra. 

No certame, organizado polo director do centro José Antonio López Castro quen destacou o gran traballo realizado polo alumnado, participaron Juan José Couce Prego, Director territorial da consellería de Emprego na provincia de A Coruña e  Ana Pena Purriños, Concelleira-delegada da Área de Industria e Emprego do concello de As Pontes

Tamén estiveron presentes mostrándonos o seu apoio José Castro Presidente da Asociación de Empresarios Seara e María Dopico concelleira do PP de As Pontes.

Para rematar, o trío de música Folk integrado por Claudia, Marina e Antón,  deleitounos con melodías tradicionais galegas e  do resto da península. 

  

21/06/2024  ACTO DE GRADUACIÓN 4º ESO

ParaDespedimos unha nova promoción de 4° de ESO. Foi un acto moi divertido e ao mesmo tempo motivo no que quedou patente a tristura polo remate dun ciclo importante nas súas vidas, mais tamén esperanzador, ao saber que están preparados para comezar unha nova etapa con ilusión.

O espazo do acto estivo preparado pola ANPA e agradecemos especialmente a Belén e Vanessa a súa implicación, imaxinación e bo gusto na organización do evento. Tamén a Pili e Ángel polo cariño co que elaboraron unha boa merenda, acondicionando o espazo para a mesma. Por último a Ana Belén Puente titora do grupo, e a Diego Cebreiro, que conseguironque o alumnado se implicase e confeccionase unha gala na que nos remontamos aos temposgalos de Astérix e Obélix, e que dificilmente esqueceremos. O resultado, como podedes supoñer, foi un auténtico éxito!!!

Grazas ao noso prezado ex-alumno e DJ Álex Romero e ao estupendo reporteiro audiovisual Roberto Rego, que non se despegou do centro dende a preparacion do evento ata o último segundo. 

Desexámosvos moitísima sorte!!!

 



page | by Dr. Radut