A túa opinión

Reto lector da Editorial Galaxia

header

Dende a biblioteca do centro queremos convidarte a participar no “Reto lector” da Editorial Galaxia. Trátase dunha actividade destinada a fomentar a lectura en galego entre os adolescentes e as adolescentes de entre 12 e 16 anos de idade.

Participar é doado, despois de ler dous libros da Editorial Galaxia, só deberás enviar ao correo electrónico: galaxia@editorialgalaxia.gal dous vídeos nos que fales deles: que foi o que máis che gustou e porque os recomendarías. Os vídeos non poderán exceder os dous minutos de duración.

Un xurado composto por quince nenas e nenos de entre 12 e 16 anos será o que valore todos as propostas fixándose principalmente no poder de persuasión dos participantes, na súa claridade expositiva e na creatividade da gravación.

Os gañadores recibirán un Ipad de última xeración. Ademais, haberá cinco lotes de libros coas últimas novidades da Editorial para os cinco seguintes clasificados. O prazo de entrega dos vídeos estará aberto ata o día 31 de maio, e o fallo do xurado farase público o 12 de xuño.

Fonte: Editorial Galaxia

A biblioteca recomenda... as entrevistas en Radio emBrión a personaxes históricos

logo

Radio emBrión, a emisora on line do instituto, presenta en exclusiva un espazo de entrevistas a personaxes históricos da antigüidade. O programa inicia a súa xeira cunha entrevista a Aspasa de Mileto. As alumnas Andrea Rodríguez, Sonia Mosquera e Carmela Vieitez ( 3º ESO ) recrearon, dentro da materia de Cultura Clásica, unha entrevista coa muller de Pericles na antiga Grecia.

Ligazón coa entrevista en Radio emBrión

Miguel Barbazán recoméndanos... "Serramoura"

O alumno de Bacharalato Miguel Barbazán presenta nesta sección unha nova videorecomendación. Neste ocasión vainos falar da popular serie de televisión "Serramoura", emitida na noite dos domingos pola TVG.

Miguel Barbazán recomenda: Leilía

Miguel Barbazán Lesta fainos unha recomendación con moito ritmo. Trátase do disco "Consentimento" do recoñecido grupo Leilía. Un traballo que homenaxea a "todas as mulleres que fixeron e fan realidade a creación, a conservación e a transmisión da tradición oral de Galicia (...) personificado na figura de Eva Castiñeira, unha cantadora, unha pandereteira (...) que dende case o anonimato sementaron a nosa terra de arte e cultura"

Mariña preséntanos a BD "Punto de Fuga"

Mariña Pérez Rei, profesora de Lingua galega e Literatura, presenta unha interesante banda deseñada do debuxante e guionista galego Miguel Cuba. Unha obra ambientada na veciña cidade de Compostela que nos fala dos problemas e inquedanzas dunha xeración de mozos sobradamente preparados que se enfronta á dura tarefa de atopar o seu lugar no mundo na actual coxuntura social e económica.

Ilduara Vicente recoméndanos... The Beatles

Ilduara, alumna de 2º de Bacharelato, recoméndanos o primeiro LP de The Beatles, un disco que marcou un antes e un despois na historia da música Pop. Coñece á popular banda británica, os seus inicios e a súa consegración que chegou da man de "Please, Please Me", o album que de seguido presentamos:

En Nadal, Armando recoméndache...

Despois dunha suxerencia literaria do profesor Santiago Soliño, agora o bibliotecario municipal recoméndache unha película. Porque nas bibliotecas xunto cos libros conviven outros soportes que tamén conteñen interesantes historias que non debes ignorar. Neste caso trátase da de Will Hunting, un mozo de Boston, carismático, brillante e rebelde que debe encamiñar a súa vida. Por vez primeira, e coa axuda doutros personaxes, Will toma o control dunha axistencia desaproveitada que non o conducía por bo camiño.

Pasade á sala, acomodádevos e descubride a Will Hunting, un personaxe que xa e toda unha lenda máis alá do sur de Boston. Unha película que atoparás na túa biblioteca escolar.

En novembro, Santiago Soliño recoméndache...

Comezamos con Santiago Soliño, profesor do Dep. de Filosofía, unha serie de video-recomendacións de libros e películas que a partir de agora iremos ofrecéndoche casa mes. Nesta ocasión o profesor Soliño preséntanos unha novela do autor galego Xaime Toxo, "As palabras que move o mar", unha obra que poderás atopar na túa biblioteca escolar.

"Los revolucionarios industriales" de Gavin Weightman: a creación do mundo moderno

Revolucionarios industriales

Fábrica

Máquina

  "Na Inglaterra do século XVIII había espías por todas partes. Aínda que adoptaban innumerables disfraces, compartían unha mesma ambición: descubrir os secretos do éxito industrial de Gran Bretaña. Proviñan de moitos países europeos, como Rusia, Dinamarca Suecia e Prusia, pero os máis ávidos chegaban do país que máis rivalizaba con Gran Bretaña: Francia. Moitos eran homes cultos que se facían pasar por turistas indolentes e recollían información que se presentaba como tratados puramente académicos. Outros facíanse pasar por traballadores, ca esperanza de poder acercarse a algunha maquinaria tremendamente sofisticada. Cando non conseguían entrar, víanse obrigados a albiscar polas taberna locais, á espera de poder conversar cos obreiros cualificados e convencelos de que cruzasen o Canal da Mancha a cambio dalgunha espléndida recompensa". Entre espías e traidores, así comeza o primeiro capítulo de Os revolucionarios industriais, un libro que non é un simple catálogo de máquinas, senón que narra unha historia diferente, a da extraordinaria propagación da industrialización desde mediados do século XVIII ata principios do XX.
O autor, defende que a revolución industrial foi un proceso acumulativo, onde calquera recoñecemento a unha innovación perténcelle a un sen número de individuos espallados por todo o mundo. Para expoñer este proceso fía pequenos esbozos de inventores, arquitectos, enxeñeiros e visionarios, responsables da difusión da industrialización. Entre eles inclúe a personaxes de todo tipo, desde John Holker, un espía industrial de Francia en Gran Bretaña, ata Richard Trevithick, que abandonou a sua investigación sobre as máquinas de vapor para unirse ó exército de Simón Bolívar. Estes non son nomes de brillantes inventores, xa que, para o autor, os verdadeiros revolucionarios industriais foron aqueles que conseguiron poñer en práctica as grandes ideas. Por iso destaca a Williams James, promotor do ferrocarril en Gran Bretaña, ou ós Cinco de Choshu, un grupo de samurais que axudou a levar ó seu país a era industrial.
A todas as persoas que contribuíron á revolución industrial non lles movía o altruísmo, non había ningún movemento político detrás da industrialización, todos e cada un buscaban fama e riqueza, ou ó menos ter unha vida decente. O que eles non sabían, e Adam Smith sí soubo, é que a busca do seu interese persoal, ó final, acabou converténdose en beneficio de toda a sociedade.
En definitiva, Os revolucionarios industriais é a mostra de que se pode escribir de temas tan ásperos como pode ser a revolución industrial sen faltar á definición que deu Borges ó arte de escribir: "A literatura non é máis ca un soño dirixido". Algo semellante foi a revolución industrial.


Óscar Picallo Trillo 1º bach.
2009-2010

 

El Pianista, unha película de Roman Polansky

El pianista

Tal vez sexa unha das mellores películas que tratan o tema do xenocidio xudeu por parte dos Nazis na gran pantalla xunto con "La lista de Schindler" e "La decisión de Sophie".

Dirixida por Roman Polanski, "O pianista" é a historia dun músico xudeu (interpretado por Adrien Brody) dunha familia acomodada, que vive directamente o xenocidio no gueto de Varsovia en Polonia. Durante o transcurso do filme pódese apreciar a evolución do conflito, dende marxinalos a todos no gueto ate asasinalos a sangue frío polas rúas e finalmente a decisión de mandalos ós campos de concentración e de exterminio. No transcurso do filme o protagonista vai pasando por moitas situacións das que consegue sobrevivir grazas ás súas audacias e o seu talento musical.

Pareceume unha película moi interesante historicamente e artisticamente, goza dun bo reparto, os actores bordan os papeis e conseguen meterte na película dende o primeiro momento.

A película non escatima en detalles á hora de mostrar a crueldade dos nazis coa etnia xudía, mostrando dende as máis frías execucións de mulleres e nenos sen escrúpulos. Tamén nos mostra que non todos os soldados alemáns eran uns crueis asasinos, ensínanos a outra cara da moeda de militares alemáns de carreira, como o xeneral que lle perdoa a vida ó protagonista e que morrerá nun campo de prisioneiros ruso.

É unha película que recomendo a todos os amantes do cine, da historia, e da Segunda Guerra Mundial en particular.

Xulián Sambade Vázquez
4º A

 Adrien Brody
Distribuir contido