El Pianista, unha película de Roman Polansky
Tal vez sexa unha das mellores películas que tratan o tema do xenocidio xudeu por parte dos Nazis na gran pantalla xunto con "La lista de Schindler" e "La decisión de Sophie". Dirixida por Roman Polanski, "O pianista" é a historia dun músico xudeu (interpretado por Adrien Brody) dunha familia acomodada, que vive directamente o xenocidio no gueto de Varsovia en Polonia. Durante o transcurso do filme pódese apreciar a evolución do conflito, dende marxinalos a todos no gueto ate asasinalos a sangue frío polas rúas e finalmente a decisión de mandalos ós campos de concentración e de exterminio. No transcurso do filme o protagonista vai pasando por moitas situacións das que consegue sobrevivir grazas ás súas audacias e o seu talento musical. Pareceume unha película moi interesante historicamente e artisticamente, goza dun bo reparto, os actores bordan os papeis e conseguen meterte na película dende o primeiro momento. A película non escatima en detalles á hora de mostrar a crueldade dos nazis coa etnia xudía, mostrando dende as máis frías execucións de mulleres e nenos sen escrúpulos. Tamén nos mostra que non todos os soldados alemáns eran uns crueis asasinos, ensínanos a outra cara da moeda de militares alemáns de carreira, como o xeneral que lle perdoa a vida ó protagonista e que morrerá nun campo de prisioneiros ruso. É unha película que recomendo a todos os amantes do cine, da historia, e da Segunda Guerra Mundial en particular. Xulián Sambade Vázquez |
|
|