O ALUMNADO DE 2º DA ESO PROTAGONIZA A CELEBRACIÓN DO "DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA 2021" NO IES DE BECERREÁ.

 

O día 11 de febreiro conmemorouse o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, unha data establecida en 2015 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas para promover a participación plena e equitativa das mulleres, adolescentes e nenas na ciencia.

 

Durante séculos moitas mulleres científicas foron privadas de estudos, discriminadas, invisibilizadas e, incluso, sufriron a negación das súas aportacións e descubrimentos, dándolle a autoría dos mesmos aos seus compañeiros de investigación, ou a outros homes que fixeron os mesmos descubrimentos posteriormente. Esta discriminación denomínase Efecto Matilda, en referencia á activista en pro dos dereitos das mulleres Matilda Joslyn Gage.

 

Un reflexo desta falta de visibilidade é que só aparecen mulleres nun 7.5% dos libros de texto de calquera materia de educación secundaria, o que se traduce nunha falta de referentes femininos das nenas e adolescentes impactando nas súas aspiracións profesionais e facendo que teñan unha menor presenza nas carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, e Matemáticas). Segundo estatísticas do Ministerio de Educación, en 2019 a porcentaxe de mulleres matriculadas en carreiras científicas en España foi do 28.5%.

 

No IES de Becerreá queremos homenaxear ás Matildas esquecidas pola historia, elaborando unha exposición onde facemos un pequeno percorrido pola súa biografía centrándonos nos seus descubrimentos e na discriminación que sufriron. O alumnado de 2º de ESO de Física e Química foi o encargado de deseñar e elaborar os carteis de presentación de cada científica, finalizando a xornada con unha pequena exposición na aula na que todas e todos puideron coñecer estes exemplos de perseveranza e vocación científica.

AQUÍ podes descargar o documento no que se recolle o traballo desenvolto polo alumado de 2º da ESO para esta celebración. E AQUÍ podes ver as imaxes dalgunhas das exposicións desenvoltas na aula.