SUBCAMPIÓNS NA FASE FINAL DO PARLAMENTO XOVEN 2020 (CATEGORÍA ESO)

O luns 29 de xuño un equipo do IES de Becerreá, de novo, accedeu á final da deste torneo galego de debate escolar, na categoría da ESO, proclamándose subcampión despois de desenvolver os debates da fase final por videoconferencia desde as instalacións do noso centro.

O equipo, composto por Alba, Ainhoa e Anne de 4º, Nerea de 3º e coordinado por Jesús, tivo que gañar dous debates para acadar a final. No primeiro enfrontouse ao IES A Xunqueira II (Pontevedra), accedendo tras a súa vitoria ás semifinais, onde se impuxo ao equipo do Colexio SEK Atlántico, de Poio (Pontevedra). Despois dun moi axustado debate na final, proclamouse campión o Colexio Sagrada Familia, de Vilagarcía de Arousa.

Para as nosas catro alumnas esta era a súa primeira experiencia nesta competición de oratoria, na que debutaron na primeira fin de semana do mes de marzo, clasificándose para a fase final (non puido realizarse a fase clasificatoria paro o Bacharelato). Posteriormente os organizadores decidiron, co visto bo dos 8 centros clasificados para  fase final, desenvolver os debates de forma telemática. Para isto, as nosas alumnas e o profesor coordinador dedicaron, despois de finalizado o curso,  varias xornadas no centro á preparación dos encontros dialécticos, que xiraban sobre o tema: "Deberían incrementarse as sancións para as persoas que non respecten o medio ambiente?" Parabéns para as nosas alumnas e o seu coordinador que, debutando e en circunstancias tan distintas ás habituais, foron capaces de acadar tan brillante resultado como finalistas. Virán tempos mellores e tamén debates igual de bos!

Así se reflicte o logro do noso equipo na prensa galega: DIARIO DE PONTEVEDRA.

SUBCAMPIÓNS NA FASE FINAL DO PARLAMENTO XOVEN 2020 (CATEGORÍA ESO)