Ciencias Sociais

Información do departamento

Profesorado Materia Cargo LOMLOE
Sonia Barreiro

Xeografía e Historia, 3º ESO

Xeografía e Historia, 4º ESO

Historia da Arte, 2º Bac

 

 

1º ESO 

2º ESO

3º ESO

4º ESO

4º ESO Ámbito sociolingüístico

1º Bac HMC

2º Bac Historia

2º Bac Historia da Arte

2º Bac Xeografía 

Sabela Cobas

Titoría venres 12:50-13:40          

Xeografía e Historia, 1º ESO

Xeografía e Historia, 3º ESO

Xeografía e Historia, 4º ESO

Xefatura de departamento

Equipo de biblioteca

Mª José Costa

Xeografía e Historia, 2º ESO

Historia Mundo Contemporáneo, 1º Bac                    

Historia de España, 2º Bac

 

Miguel Fernández

Ámbito sociolingüístico, 3º ESO

Xeografía e Historia, 4º ESO E

Ámbito sociolingüístico, FP Básica 1

 
Santiago Fernández

Xeografía e Historia, 1º ESO

Xeografía e Historia, 2º ESO

 
Loli Suárez Historia de España, 2º Bac

Vicedirección

Coordinadora de biblioteca

Isabel Pereira

Xeografía e Historia, 1º ESO

 

Elisa Pedreira

Xeografía e Historia, 1º ESO

 

Investigando a Prehistoria e a Historia Antiga de Ames

Os alumnos e alumnas de 1º ESO, da materia de Xeografía e Historia, investigaron sobre distintas civilizacións da Prehistoria e a Historia antiga e a súa relación con Galicia e Ames. Esta investigación realizouse como parte do proxecto de Educación patrimonial do Plan Proxecta e de Polos creativos.

O alumnado comezou a investigación cunha introdución á Arqueoloxía e a lectura do cómic Triana y la arqueología. Días de prospección, de Leticia Tobalina-Pulido y Setefilla Jiménez Velasco. Os rapaces e rapazas realizaron tamén unha lectura teatralizada do cómic a cargo de Marina Aurora Garzón, alumna do Mestrado en Formación do Profesorado da USC que estaba realizando as súas prácticas no centro.

Podedes ver os resultados da investigación na exposición situada no espazo Maruxa Mallo en fronte da biblioteca. 

A exposición inclúe unha selección de murais e lapbooks realizados polo alumnado. Moitos parabéns polo traballo!!
 
Tamén inclúe información sobre o traballo arqueolóxico, réplicas e obxectos arqueolóxicos cedidos temporalmente por Leticia Tobalina-Pulido, arqueóloga do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), CSIC, a quen damos as grazas; e bibliografía sobre eses perídos da Prehistoria e a Historia.
 
 
 

 

Ademais, o alumnado realizou unha investigación sobre a vida cotiá e as festas en época romana a través de fontes secundarias. Nesta investigación fixáronse en aspectos como a vestimenta e accesorios, comida e bebida, música e baile. Reinterpretando roupa e accesorios que tiñan por casa fixeron as súas propias recreacións da vestimenta e recrearon posibles bailes de época romana.

 

 
 
Co resultados das súas investigacións o grupo recreou o 14 de xuñou n convivium romano con comida, decoración, vestimenta, música e baile da época, contribuíndo a manter vivo o patrimonio material e inmaterial de época romana no século XXI. A chuvia impediunos facer a celebración no xardín do eido, mais pasámolo igual de ben na aula!
 



 



Moitos parabéns polo traballo!!

Día mundial das abellas

O 20 de maio celébrase o Día mundial das abellas. Unha conmemoración que xurdiu para concienciar á poboación da importancia das abellas para o equilibrio ambiental, pero que evoluíu para incluír toda a diversidade de polinizadores e o seu papel vital para o mantemento dos ecosistemas.

Tendo como referencia esa celebración, o alumnado de 1º ESO, participante no proxecto Patio con(vida), dentro do Proxecto Terra do Plan Proxecta, plantou ao longo do curso diferentes plantas aromáticas e tamén plantas de flor que sirvan como refuxio para os polinizadores e sexan pouco consumidoras de auga (erigeron, euryops, eristemon e diosma).

Moi bo traballo, rapazada!! Esperemos que sobrevivan todas elas!

 

Traballos de mantemento e observación da charca

Os alumnos e alumnas de 1º de ESO A da materia de Xeografía e Historia estiveron traballando no mantemento da charca deste curso.

As chuvias deixaron ao descuberto parte da lona polo que o alumnado botou nova terra sobre ela e plantou herba para axudar a fixar a terra. 

No curso pasado alguén botou dentro da charca case todas as pedras que a rodeaban, e que nalgúns casos están suxeitando a lona. O alumnado retirou un bloque de cemento que tamén fóra guindado dentro da charca, mais decidiu deixar o resto das pedras por temor a que se rompese a lona ao intentar sacalas e para impactar o menos posible no ecosistema que se foi creando.

Moitas grazas polo traballo!

 

 

 
 
Durante este curso tamén continuamos coa observación do ecosistema que se está a desenvolver na charca. 
 
O alumnado de Xeografía e do Club de Ciencia documentou dúas especies novas mediante observación directa: un anfibio, a píntega (Salamandra salamandra), e un réptil, o escáncer (Anguis fragilis). Polo que fai á flora, documentaron o crecemento de Juncus e de Lythrum Junceum
 
O alumnado de Bioloxía e do Club de Ciencia analizou ao microscopio a microflora e microfauna identificando diferentes protozoos e algas. Os alumnos e alumnas de Física e Química analizaron as propiedades físico-química da auga e documentaron que está estabilizada cun bo ph e bo nivel de oxíxeno.
 
O alumnado do Club de Ciencia analizou observou a charca á procura de evidencia da presencia do mosquito tigre (Aedes albopictus), mais no atoparon ningunha. As augas estancadas son un lugar propicio para a presencia deste insecto, mais, en contra do que se cre, as charcas ben naturalizadas e cun ecosistema equilibrado non son lugares que lle guste ao mosquito tigre. É importante ter isto en conta para evitar que por desinformación e medo sexan destruídos estes ecosistemas tan valiosos para o equilibrio ambiental.


 
 
Os alumnos e alumnas de infantil do CEIP A Maía, realizaron unha visita didáctica á fraga NW para ver a caixa-niño onde crían os ferreiros abelleiros (Parus major) e a vida da charca.
 

Naturelixo 2024

Os alumnos e alumnas de 1º ESO de Matemáticas e Xeografía e Historia, 3º ESO do ámbito tecnolóxico-científico e FP Básica 2 de Informática e ámbito tecnolóxico-científico participaron nunha campaña de recollida de lixo no eido do instituto entre o 16 e o 18 de abril. 

No instituto seguimos promovendo a xestión sostible do lixo e continuamos participando no programa de Basuraleza/Naturelixo de Aulas Libera e SEO/Birdlife. Para poder mellorar a xestión do lixo no noso centro tamén se elaborou un protocolo de xestión do lixo que esperamos que poida poñerse en práctica o vindeiro curso.

Este curso participamos no programa eLitter que consiste en recoller, clasificar e pesar o lixo nunha franxa de terreo de 100m x 6m e subir os resultados á plataforma eLitter. Deste xeito, ademais de contribuír á limpeza do eido, participamos tamén no programa de ciencia cidadá para poder coñecer mellor os hábitos sociais relacionados coa xestión do lixo e identificar solucións para a produción de residuos sólidos urbanos e as súas consecuencias.

O grupo participou recollendo e documentando o lixo en tres franxas. Os alumnos e alumnas de 1º ESO recolleu lixo nunha franxa creada no xardín Norte (desde a fraga NW ata o límite Leste do eido). O alumnado de 3º ESO ocupouse dunha franxa marcada no Leste do eido (desde os camelios ata a arquitectura viva). Os rapaces e rapazas de FP Básica encargáronse da franxa na zona central do eido (desde o xardín de rododendros ata o límite Sur do eido).

Estas imaxes corresponden ao momento de clasificación do lixo do xardín Norte:

 
 
A seguir podedes ver unha captura de pantalla da aplicación eLitter coa información correspondente á franxa do centro do eido:


 

E nestas fotos podedes ver o limpo e agradable que quedaron as diferentes zonas despois de rematar a campaña de limpeza:

 

 

 
Moitas grazas, equipo, polo excelente traballo! Animámosvos a todos e todas a seguir o seu exemplo e a colaborar na conservación sostible do eido do centro e do planeta.

 

Pasando a remuda da memoria democrática 2024

Os alumnos e alumnas de 4º ESO A e B da materia de Xeografía e Historia e 2º Bacharelato da materia de Xeografía participaron na cuarta edición do proxecto Pasando a remuda da memoria democrática. Trátase dunha actividade realizada ao abeiro do proxecto Educación patrimonial do Plan Proxecta, e do PFPP Redes de cooperación para a memoria democrática e os dereitos humanos. Esta actividade foi realizada tamén no marco dos Polos creativos.

A actividade consiste en que o alumnado recolla testemuñas na súa propia familia sobre as súas experiencias durante a Guerra Civil española, a Ditadura franquista ou a Transición democrática. Para esas recollas de información o alumnado utiliza a metodoloxía de Historia oral e posteriormente analiza a información ofrecida polas testemuñas en relación á información histórica existente. Desta forma, o alumnado contribúe activamente ao coñecemento da historia máis cercana e a encadrala na historia global, toma a remuda da memoria familiar e participa na creación dunha memoria democrática colectiva e a gobernanza deste patrimonio controvertido.

Podedes coñecer as diferentes historias a través de textos e audios dispoñibles no Museo Virtual KaleidoScapes.

Agradecemos o excelente traballo do alumnado e a axuda xenerosa das familias e a súa contribución un ano máis para conservar entre todos a memoria democrática. Moitas grazas e moitos parabéns!

 

Imos facer un guateque!

Os alumnos e alumnas de 4º ESO A da materia de Xeografía e Historia investigaron sobre a vida cotiá e as festas nos anos 60 e 70 como parte do proxecto de Educación patrimonial do Plan Proxecta e de Polos creativos.

O alumnado realizou unha investigación a través da metodoloxía de historia oral nas familias e da consulta de fontes secundarias sobre vestimenta e accesorios, comida e bebida, música e baile. Reinterpretando roupa e accesorios que tiñan por casa fixeron as súas propias recreacións da vestimenta e prepararon distintas coreografías ao son da música da época. O twist e o disco foron os estilos de música e baile que máis triunfaron.

O 28 de maio, co resultados das súas investigacións, o grupo recreará un guateque con comida, decoración, vestimenta, música e baile da época, contribuíndo así a manter vivo o patrimonio material e inmaterial dese período.

 
 

 

 
A rapazada xa está preparando as súas coreografías para o guateque. Neste vídeo podedes ver unha combinación de twist e disco:
 

 
Unha vez feita a investigación, o alumnado realizou unha festa ambientada nos anos 60 e 70 na fraga NW do eido do centro.
 

O alumnado de 4º ESO viaxa a Londres

Os alumnos e alumnas de 4º ESO realizaron unha viaxe didáctica a Londres entre o 2 e o 7 de maio. Esta viaxe foi organizada conxuntamente Departamento de Inglés e o Departamento de Xeografía e Historia.

O frío e a chuvia non impediu ao grupo pasalo en grande e percorrer  os lugares máis representativos da cidade. Un bo xeito de tomar forza para a derradeira etapa do curso!

 

Prospectando no eido do IESP de Ames

O alumnado de 1º de ESO A da materia de Xeografía e Historia participou nun obradoiro de Arqueoloxía desenvolvido pola arqueóloga Leticia Tobalina Pulido, do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit, CSIC).

Con este obradoiro, Leticia pretende achegar os alumnos e alumnas ao coñecemento da Arqueoloxía como ciencia e á prospección como metodoloxía arqueolóxica. Esta actividade desenvolveuse ao abeiro do proxecto Educación patrimonial, do Plan Proxecta.

O obradoiro dividiuse en cinco sesións. A primeira consistiu nunha introdución á arqueoloxía. 

Na levouse a cabo a simulación dunha prospección arqueolóxica: Nela, o alumnado peiteou a superficie dunha zona do eido na procura de elementos arqueolóxicos e xeolocalizou os seus achados. 

Na terceira sesión os alumnos e alumnas clasificaron o material arqueolóxico recollido e descartaron aqueles elementos apañados por confusión. 

A quinta sesión comprendeu o estudo pormenorizado do material documentado e, finalmente, na sexta sesión o alumnado realizou cartografía en liña, elaborou as conclusións e valorou o aprendido nas sesións anteriores. 

Os alumnos e alumnas gozaron da actividade e do tempo ao aire libre. Moitas grazas, Leticia, pola marabillosa experiencia. Esperamos que volvas o vindeiro curso!!

 
Leticia dando instrucións ao alumnado antes de comezar a prospección.

Dous momentos da prospección. Na primeira fotografía, os alumnos e alumnas están realizando a prospección formando unha ringleira. Na segunda fotografía, os rapaces e rapazas, organizados en grupo, outorgan un código de rexistro ás pezas atopadas.



 
Durante a terceira sesión, desenvolvida na aula exterior da fraga do NW, o alumnado clasificou o material rexistrado e descartou as pezas non arqueolóxicas.
 

 

 

 
Os alumnos e alumnas clasificaron o material documentado durante a prospección en diferentes categorias, seguindo as indicacións de Leticia e guiándose polas reconstrucións que a arqueóloga lles facilitou.
 
Os alumnos e alumnas traballaron na cartografía en liña, debateron e redactaron as conclusións finais do traballo nun storymaps, e reflexionaron sobre a súa aprendizaxe ao longo do obradoiro.

Re-creando a arte contemporánea

Os alumnos e alumnas de 4º ESO A e B da materia de Xeografía e Historia seleccionaron e recrearon obras de arte de época contemporánea como parte do proxecto Educación patrimonial do Plan Proxecta, e Polos creativos.

Os alumnos e alumnas investigaron sobre o patrimonio artístico e recrearon de xeito sostible eses cadros, utilizando elementos de vestimenta e obxectos que tiveran en casa. Deste xeito achegáronse ás técnicas pictóricas da pintura contemporánea e tamén foron quen de comprender mellor o significado das obras.

Recoñecedes os seguintes cadros? Dámosvos os nomes, a ver se vós sabedes identificar a que cadro recreado se corresponde: As espigadoras, de Jean- François Millet (1857), Dúas rapazas, de Pierre-Auguste Renoir (1890-1892), A familia do pintor, de Matisse (1911), Escena de costume andaluza, de Luis López Galindo (1999), Prisioneiros da fronte, de Winslow Homer (1866).

 

 

 

 

Distribuir contido