Ciencias Sociais

A danza, patrimonio inmaterial

O 29 de abril celébrase o Día Internacional da danza, unha conmemoración do valor patrimonial e artístico da danza, que ten lugar no aniversario do nacemento de Jean-George Noverre, bailarín e profesor de danza, considerado o creador do ballet moderno.

Este curso adiantamos en lugar de realizar todos os obradoiros de danza na semana máis achegada á conmemoración inicial, decidimos espaciar os obradoiros ao longo do curso, para disfrutar más demoradamente do pracer da danza. Ao abeiro do proxecto Educación patrimonial, do Plan Proxecta, desenvolvimos as seguintes actividades relacionadas coa danza:

Regueifando: O alumnado de 2º ESO de Música achegouse á orixe, proceso de creación e valor patrimonial, identitario e tamén global das regueifas e fixo as súas propias composicións. O alumnado tamén foi quen de establecer relacións entre as regueifas tradicionais e o rap actual. 

Os alumnos e alumnas tamén se achegaron ao baile tradicional galego como unha manifestación do patrimonio inmaterial.

Ritmos africanos: Os alumnos e alumnas de 4º de ESO de Xeografía e Historia participaron nun obradoiro de danza africana, impartido por Tania Veiga, no contexto de estudo do Imperialismo do século XIX e XX.

Esta actividade serviu para facer consciente ao alumnado do pasado colonial de España e de Galicia e da influencia da cultura africana na actualidade. 

Do salón ao palco: Os alumnos e alumnas de 4º de ESO de Xeografía e Historia investigaron sobre os inicios do século XX e o nacemento da danza contemporánea como danza escénica e realizaron un obradoiro de danza contemporánea da man de Loli Fojón, da Academia LoDanzas.

Let’s swing: Os alumnos e alumnas de 4º de ESO de Xeografía e Historia investigaron en grupos sobre o período dos anos 20 aos anos 40, e o jazz na música e no baile no seu contexto histórico.

O alumnado investigou sobre a vestimenta, o peiteado, accesorios, calzado e comportamentos da época, e deseñou, realizou e gravou unha coreografía de Lindy Hop.

E para poñer o ramo, participaron nun obradoiro de baile Lindy Hop, impartido, un ano máis por Carlos Tomico, de Academia Alfaia. 

 

Analizando as plantas do eido do IESP de Ames

A pradeira natural que creamos no curso 2020-2021 como parte do proxecto Patio con(vida), do Proxecto Terra, continúa a evoluir. Aínda que non está tan colorida como o primeiro ano, os cambios que se producen ao longo do tempo son moi interesantes. No primeiro ano abundaron as plantas de flor, o segundo ano predominaron as gramíneas, o terceiro ano tiveron gran presencia o mentastre e o papiro, e neste cuarto ano predomina a silveira, ademais de que se observa claramente como un pequeno brote de salgueiro xa se está a converter nunha matogueira de certo porte. Nas fotos de abaixo podes ver a evolución desde a esquerda e no sentido das agullas do reloxo.

Como xa sabedes, desde o curso 2020-2021, estamos a facer un herbario das plantas que imos documentando na pradeira natural e outras zonas do noso eido.

Ademais do herbario tradicional, este curso os alumnos e alumnas de 1º ESO de Xeografía e Historia e 3º ESO do ámbito tecnolóxico-científico están a experimentar coa realización dun herbario dixital a través do escaneado directo das plantas. 

Esta actividade está inspirada no libro A tus plantas Alpujarra, de Anabel Sandoval, Julio Donat e Salvadora Moreno, publicado en 2007 pola Asociación de mujeres de Orgiva. Nesta obra documentan as plantas de Alpujarra a través do seu escaneado. 

Pareceunos unha idea preciosa e un xeito moi bo de documentar as plantas e asegurar o almacenamento do herbario a longo prazo sen que as plantas perderan a súa  cor, así que nos puxemos mans á obra. Enviamos o noso sincero agradecemento á profesora Nely, de Educación Plástica por darnos a coñecer este libro e esta idea.

 

 
Facer un herbario escaneado non é tan doado como parece. As plantas menos carnosas e máis planas son fáciles de escanear, mais aquelas máis voluminosas e carnosas presentar un reto grande pois crean sombras no escaneado. 
 
Para evitar as sombras experimentamos cun prensado tradicional anterior ao escaneado, mais enseguida perden a cor. Seguiremos experimentando e irémosvos ofrecendo os resultados das nosas pesquisas.
 
Polo de agora deixámosvos tres mostras de flores: o pampullo (Coleosthepus myconis), a herba dos pitos (Aquilegia vulgaris) e a linguaria (Serapias lingua). Que vos parecen? Calquera suxestión que teñades, será moi benvida!
 
 
 
E catro de follas de árbores: abeleira (Corylus avellana), sabugueiro (Sambucus nigra), castiñeiro (Castanea sativa) e carballo (Quercus robur).


Charla sobre patrimonio

O día 23 de abril, os alumnos e alumnas de 4º ESO A participaron nunha charla da arqueóloga Sonia García Rodríguez, do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), do CSIC, sobre patrimonio en Galicia e paisaxes patrimoniais

Esta charla desenvolveuse ao abeiro do programa Educación patrimonial, que forma parte do Plan Proxecta, desenvolvido pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Na charla Sonia García explicou a importancia das paisaxes patrimoniais na súa globalidade e analizou diferentes exemplos destas paisaxes, centrándose especialmente na paisaxe cultural da Ribeira Sacra, que investiga a arqueóloga desde hai anos.

Sonia transmitiu ao alumnado a súa paixón polo estudo do patrimonio e axudounos a valorar a importancia de observar a súa contorna como unha paisaxe global chea de significado en aspectos aparentemente cotiás e inconexos. Esperamos que volva o vindeiro curso contarnos máis!!

Dous lavancos visitan a nosa charca

O 4 de abril documentamos dous lavancos (Anas platyrhynchos) machos visitando a charca do noso eido. Paréce que lles gustou porque seguiron vindo durante varios días.
 
 
Eis un vídeo para que poidades velos mellor:
 

Observando en directo o proceso de cría das aves

O día 15 de marzo os alumnos e alumnas de FP Dual, 3º de ESO e 1º de ESO, das materias de Informática, Matemáticas e Xeografía e Historia respectivamente, instalaron unha caixa-niño con cámara wifi, alimentada por un panel solar, para poder facer o seguimento do proceso de cría das aves do eido do IESP de Ames. 

Deixámosvos un vídeo elaborado polo profesor Gonzalo Berdeal no que podedes observar diferentes visitas feitas por unha parella de ferreirriños abelleiros (Parus major) desde o día no que foi instalada a cámara ata o día 27 de marzo. Esperamos que vos guste!!

 
Agora queda agardar e ver se a parella de ferreiriños se decide a criar na casiña que puxemos, mais ata chegar aquí houbo un longo proceso de investigación e experimentación desenvolvido de xeito cooperativo polo alumnado involucrado no proxecto Patio con(vida) ao londo de varios anos. 
 
catalogación feita en cursos anteriores das aves do eido do instituto permitiunos saber cales son as especies que consideran o eido a súa casa e tamén diferenciar os lugares que máis lle gustan. 
 
A caixa-niño que instalamos é axeitada para aves de orde paseriforme e en concreto da familia dos páridos, polo que seleccionamos as zonas máis boscosas do eido, onde xa observaramos aves desta familia, como lugar potencial para a colocación da caixa-niño.
 
No curso 2020-2021 colocamos unha serie de caixas-niño coa Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO) e  esas caixas guiáronnos para atopar o lugar idóneo para situar a nova caixa. Descolgamos a caixa-niño situada no carballo máis antigo e grande da fraga do NW do eido e comprobamos que fora utilizada a primavera pasada, pois había un niño dentro e mesmo aínda quedaban restos de ovo. 
 
Escollemos ese lugar para colocar a nova caixa e retiramos a caixa antiga e as outras caixas-niño que había na zona, así como os comedoiros, pois os páridos son aves moi territoriais e non lles gusta ter outras aves da mesma especie ao seu arredor cando están a criar.
 
O niño estaba formado por musgo e unhas fibras semellantes a lá. Podedes observar os restos do ovo na esquina dereita. 
 
Á vez que fomos buscando o lugar ideal para colocar a caixa-niño, o grupo de FP Dual, guiado polo profesor Gonzalo Berdeal, valorou diferentes opcións de cámaras e tipos de conexión, e as vantaxes e desvantaxes de cada unha delas tendo en conta tanto as necesidades técnicas como as medioambientais.
 
Unha conexión por cable permitiría realizar unha emisión constante en tempo real, mais limitaría o lugar onde a cámara podía ser colocada e, deste modo, as posibilidades de que fose usada por algunha parella de páridos. A conexión por wifi parecía a máis axeitada, mais tiñamos o problema da alimentación. Finalmente a decisión tomada consistiu en usar unha conexión wifi e un panel solar para cargar a batería.
 
A caixa-niño debe estar orientada cara ao N (como é este caso) ou cara ao SL, ao abeiro dos ventos e chuvias dominantes.



 
Podedes ver á dereita do tronco a caixa-niño orientada cara ao Norte e nas pólas da esquerda o panel solar orientado cara ao Sur para aproveitar a maior cantidade de luz solar posible.



 
A colocación da caixa e, sobre todo, do panel solar tivo a súa complexidade, mais en equipo conseguimos instalala. O profesor de Informática, Gonzalo Berdeal, deu charlas ao alumnado de 1º ESO sobre as cuestións técnicas da instalación e mantemento da cámara.
 
 
Agora estamos agardando impacientes para ver se a parella de ferreiriños se deciden a facer aquí o seu niño. Polo de agora deixámosvos algúns datos de interese:
 
Esta ave reprodúcese entre abril e xuño. O macho adoita explorar as opcións e a femia elixe o lugar que lle parece máis axeitado. A partir de que se seleccione o lugar, a femia realiza o niño con musgo, pelos, lá, raíces e plumas. Cando o niño está listo a femia pon entre seis e oito ovos, que son incubados tanto polo macho como pola femia por volta de 17 días. Cando nacen os poliños, estes son alimentados e coidados polo macho e pola femia durante aproximadamente 20 días, e a partir dese momento as crías xa están listas para abandonar o niño. Que rápido, non si? A ver se conseguimos ver todo o proceso a través da cámara!!
 

Seguimos observando a progresión dos ferreiros abelleiros (Parus major) na caixa. Finalmente parece que lles gustou e decidiron facer alí o seu niño!

Os ferreiriños estiveron moi atarefados traballando arreo para construír o niño. Primeiro trouxeron musgo, despois colocaron plumas e finalmente engadiron algo parecido a lá ou algodón. Á vista dá a sensación de que moi mol e esponxoso! En novembro cando abramos a caixa poderemos ver que é o que usaron exactamente.

Uns días antes de rematar a construción do niño os ferreiros decidiron quedar a pasar a noite. Aínda non sabemos se queda sempre o mesmo ou se van facendo quendas. Mirade como se fai unha boliña antes de adormecer.

E por fin chegaron os ovos!! O mércores, 10 de abril, apareceron dous oviños, e desde entón os paxariños comezaron o período de incubación.

 



Ás veces podemos ver os ovos e outras parecen que non están, mais están sempre alí. O que acontece é que ás veces os ferreiros abelleiros agochan os ovos entre os musgo e as plumas do niño, para que estean sempre quentiños, mesmo cando eles teñen que saír do niño. Que listos, non si?.
 

Nestes dous vídeos podedes ver como tapa e destapa os oviños.

 

 
Finalmente, o luns, 15 de abril, chegaron ata sete oviños!! 
 



Deixámosvos tres vídeos: un no que podedes ver a un dos ferreiro saíndo do niño, outro no que se ve a un ferreiro entrando e un terceiro no que un ferreiro alimenta ao outro mentres este está incubando. Aínda non conseguimos ver un momento no que fagan un cambio de quenda na incubación. Se cadra non o fan dentro da caixa, mais seguiremos observando a ver o que pasa.
 

 

 

O período de incubación durará uns 17 días. Seguiremos informando!!

Estamos exultantes porque o día 26 de abril ás 15:30 naceu o primeiro dos ferreiriños abelleiros na caixa niño onde colocamos a cámara wifi!

Xa nos tardaba que comezaran a nacer e polas contas que botaramos xa ía sendo hora, así que cando a cámara captou o nacemento do primeiro ferreiriño puxémonos felices! 

A seguir do primeiro foron nacendo os outros... pero non creades que é doado saber cantos son. Son moi pequeniños e ao estaren todos xuntiños non se diferencian ben, mais finalmente conseguimos captar a imaxe que confirma que eclosionaron os sete oviños. Nesta fotografía podedes ver sete boquiñas a pedir comida.

 
Deixámosvos uns vídeos para que vexades que lindos son. O primeiro recolle o nacemento da ave máis madrugadora.
 

 
 
No vídeo a seguir podedes ver a todas as crías sendo coidadas pola ave adulta.
 

 
O vídeo a continuación documenta o proceso de alimentación. O pai e a nai fan quendas para alimentalos e para arroupalos, mais ás veces fanno xuntiños.
 
Cada día vense diferenzas na evolución do grupo de ferreiriños que naceron o 26 de abril. O día 1 de maio xa empezaban a ter penuxe e o día 3 de maio xa apreciamos o nacemento das plumas nas ás dos paxariños.
 
Polo de agora dormen, piden comida e comen, mais aos poucos vanse fortalecendo e nuns días xa andarán con ganas de saír. Seguiremos dándovos información actualizada!
 
 
Podedes ver a penuxe negra e o inicio das ás de cores.
 

 
Neste vídeo podes ver como os pitiños alternan entre estaren tranquilos descansando, bulir de actividade pedindo comida e volver descansar e durmir.
 
E tamén chegaron as primeiras tristezas, pois ao longo do proceso morreron tres das sete crías. A longa borrasca entre o 27 de abril e o 6 de maio trouxo frío e falta de alimento para as crías. Agardamos que os catro pitiños que quedan poidan saír adiante.
 
Os vídeos a seguir son tristes, neles documéntase a retirada o 4 de maio da segunda cría morta e a retirada o 8 de maio da terceira cría morta. 
 

 

 

Os ferreiriños seguen medrando e como parte dese crecemento, ademais de ir desenvolvendo as plumas e ir fortalecendo o seu corpo, tamén van desenvolvendo a vocalización. 

Nos oito vídeos a seguir podedes ver o progreso ao longo de oito días, do día 3 de maio no que non emitían ningún son, ata o día 10 no que xa producen un son forte e parecido ao reclamo dos adultos.  O son actúa como elemento cohesionador. A medida que van collendo forza, o chíos vanse acompasando nunha especie de diálogo na que os paxariños van falando por quendas. Esperamos que vos guste velos!!

 

 

 

 

 

 

 

 

E o 17 de maio, coincidindo coa celebración do Día das letras galegas, chegou o momento dos pitiños abandonaren o niño. Estamos moi felices de ver aos tres ferreiriños que sobreviviron dos sete iniciais saíren do niño e comezaren a voar e explorar o exterior; mais tamén temos un puntiño de saudade deles. Se cadra aínda volven durmir algunha noite, ou decidirán no futuro usar a caixa niño para as súas crías. Quen sabe! Sexa como for, desexámoslles que teñan unha moi boa viaxe e vida!

 
O primeiro intento de saída produciuse ás 7:45, mais non tivo éxito. O primeiro ferreiro saíu ás 7:58, o segundo fíxoo ás 8:04, e o derradeiro abandonou o niño ás 8:22. Aínda que non se ve en cada un destes vídeos, os adultos acompañaron as crías en todo o proceso, entrando cada vez que saía un para axudar aos que quedaban a saíren tamén. Os catro vídeos a seguir recollen estes catro momentos:
 

 

 

 

 
Agradecemos a axuda de todas as persoas que nos apoiaron e se ilusionaron con este proxecto seguindo connosco o proceso de cría no instituo e desde distintas partes de Galicia e do mundo.  Tamén agradecemos o asesoramento da SEO. Moitas grazas por compartirdes esta experiencia connosco!

Let's swing! 2024

Un curso máis, como parte do tema O período de entreguerras da materia de Xeografía e Historia, celebramos a música jazz e o baile Lindy Hop que naceu na comunidade de escravos afroamericanos en Estados Unidos.

O alumnado de 4º de ESO investigou sobre a vestimenta, os accesorios, os costumes, a música e o baile na época que vai entre os felices anos 20 e os anos 40 e realizaron as súas propias caracterizacións. Na imaxe podemos ver a Marta, Sabela, Sara e Zaida de 4º ESO A caracterizadas e desfrutando dunha divertida conversa nun speak easyPodedes ver a coreografía que creou o grupo nesta ligazón.

Se queredes ver máis traballos do alumnado podedes ir ao museo virtual KaleidoScapes.

 
 
O 14 de marzo puxemos o ramo á actividade cun obradoiro de Lindy Hop. Un ano máis o profesor de baile Carlos Tomico, da Academia Alfaia, transportou á rapazada ao período de entreguerras e ao espíritu da música e o baile da época.
 

Día mundial das árbores

O 21 de marzo celébrase o Día da árbore, e quixemos conmemorar este día e contribuír á mellora da nosa contorna plantando novas árbores autóctonas no noso eido. Esta actividade tivo lugar ao abeiro do proxecto Patio con(vida), dentro do Proxecto Terra, do Plan Proxecta

O alumnado de 1º ESO das materias de Tecnoloxía Xeografía e Historia plantaron tres faias (Fagus sylvatica) e catro abeleiras (Corylus avellana) na franxa W do eido do centro.

A zona de plantado foi seleccionada para poder crear unha sebe natural que sirva de refuxio da biodiversidade e que cree un pano verde de separación entre o eido e o aparcadoiro do centro. Na foto que segue podedes ver a área seleccionada para o plantado das árbores:

 
Estas fotografías recollen o proceso de plantado:

 

 

 
Finalmente, podedes ver o ben que prenderon as árbores. Mirade que vizosa está esta abeleira! Se cadra ata dá froitos xa este ano!
 

Danza contemporánea

Os alumnos e alumnas de 4º de ESO da materia de Xeografía e Historia participaron nun obradoiro de danza contemporánea. 

O obradoiro foi impartido por Loli Fojón, da Academia LoDanzas e encádrase no proxecto Educación patrimonial, do Plan Proxecta.

O alumnado relacionou esta manifestación artística e de patrimonio inmaterial co contexto histórico dos inicios do século XX.

 

Unha imaxe vale máis con 250 palabras 2024

Os alumnos e alumnas de 1º de ESO A, B e C, 4º de ESO A e B e 2º Bacharelato de Xeografía, e alumnos e alumnas do ano 9 (3º ESO) da Escola secundária Clara de Resende, participaron por na actividade Unha imaxe vale máis con 250 palabras

Esta actividade realízase ao abeiro dos proxectos Educación patrimonial do Plan ProxectaRedes de cooperación para a memoria democrática e os dereitos humanos, do PFPP do centro, e VII certame Imaxes do patrimonio, organizado pola Asociación Ponte...nas ondas! Tamén se encadra proxecto Polos creativos. Tamén participaron nesta actividade os alumnos e alumnas do club de lectura de memoria democrática.

O alumnado e as  súas familias, seleccionaron unha fotografía familiar e explicaron en 250 palabras o seu significado. Deste xeito o alumnado e as familias contribuiron ao coñecemento da historia familia no contexto da historia global e tamén ao coñecemento, difusión e conservación non só do patrimonio material representado polas fotografías, senón tamén do patrimonio inmaterial, e aínda máis fráxil, constituido pola historia que explica e dá un valor adicional ás fotografías. 

Como todos os anos as fotografías e as historias detrás delas son interesantísimas, con temáticas moi diferentes e de distintas partes do mundo. Moitas grazas e moitos parabéns ao alumnado e as familias por contibuir á conservación da historia e o patrimonio colectivo! Moitas grazas aos alumnos e alumnas da Escola secundária Clara de Resende por se uniren ao proxecto!

Podedes ver algunhas das fotografías recollidas polo alumnado. Se queredes coñecer máis historias podedes facelo no Museo Virtual KaleidoScapes.

 

 

Marcho para América porque aquí non teño futuro

Nesta fotografía, tirada en 1915, vemos o meu tío bisavó materno, Manuel Mata Mariño, nacido en Maguxe, Ortoño, en Ames, A Coruña.

O meu tío-bisavó emigrou para Montevideo, Uruguai, no ano 1855 cando só tiña  14 anos.

Eran anos de moita miseria e fame en Galicia e decidiu que o mellor que podía facer era ir para América, xa que aquí en Galicia era zapateiro e non gañaba cartos abondos para axudar os pais.

Esta fotografía foi a única que mandou e nunca regresou a Galicia. Envioulla aos meus bisavós para felicitarlles o Nadal do ano 1915.

Álvaro Otero Vázquez (1º ESO A)

 

 

O comezo

A foto foi tomada en Elche en setembro de 1967, nela os protagonistas son os meus avós Moncha e Arturo e o autor da fotografía foi un familiar do meu avó.

Os meus avós son de Santiago de Compostela, mais estaban en Elche de lúa de mel. Comezaron a súa viaxe en Madrid, foron ata Elche e Alicante e tiñan pensado rematala en Barcelona, mais o meu bisavó, que quedara viuvo había menos dun ano, chamou a miña avoa e pediulle que voltase, polo que non chegaron ir a Barcelona.

 Meus avós completaron a súa viaxe 41 anos máis tarde, cando tiñan 65 anos, xa que a miña nai e os meus tres tíos os agasallaron por sorpresa coa derradeira parada da súa lúa de mel.

Marcos Framil Vidal (1º ESO B)

 

 

Día de festa e romaría

Esta fotografía foi tomada o 21 de setembro de 1953, na parroquia de Trasufre, concello de Muxía, por Caamaño, un fotógrafo da época.

A data corresponde co día da celebración da Virxe do Espiño ("a Santiña de Trasufre"), na que os romeiros quedaban xantar despois da misa.

Os dous meniños da fotografía son o meu avó (Manuel Domínguez Graíño), que é o rapaz que está sentado no colo do meu bisavó (José Domínguez Louzán), e o meu tío avó  (Aurelio Domínguez Graíño), coa miña bisavoa (Luz Digna Graíño Mouzo). O resto son irmáns e tíos dos meus bisavós.

Na fotografía, pódese observar unha cesta de vimbio na que se adoitaba levar a comida. Na imaxe tamén se aprecian as elegantes roupas dos homes, mulleres e nenos, xa que o día da romaría era o día de sacar as roupas chamadas "de garda".

Esta virxe tiña sona de curar as  verrugas. Había que levalas e secalas cun pano na Fonte Santa que logo deixaban a secar na Silveira da Santa.

Aldara Domínguez Moares (1º ESO B)

 

Costureiras

A fotografía foi tirada pola casa fabricante das máquinas de coser  Wertheim, no taller de costura en Vilanova de Arousa, en 1955.

A protagonista desta foto é a miña avóa, Josefa, no primeiro día de clases de costura coa máquina de coser que lle agasallou a miña bisavoa. Josefa está acompañada, á súa dereita, pola súa mestra de costura e, á súa esquerda, pola vendedora da máquina de coser.

Os pais da miña avoa decidiron que tiña que aprender un oficio propio de mulleres desa época. Por aqueles anos as mulleres, chegada unha idade, casaban e adicábanse ao coidado da súa familia. Algunhas traballaban ademais en tarefas do campo, como empregadas do fogar en familias adiñeradas ou costureiras, entre outros oficios.

Miña avóa nunca puido traballar fóra da casa como costureira. Casou axiña e tivo oito fillos, mais as súas clases de costura servíronlle para axudar na súa casa e para o seu propio entretemento, xa que lle gustaba moito bordar.

Adrián González Miguéns (1º ESO C)

 
 
 

As meninas não são bonecas

Nesta fotografia, tirada em Lamego, em 1956, é possível observar um concurso de vestidos de bonecas.

Entre muitas crianças, encontram-se a minha avó (Maria Helena Duarte), a minha tia-avó (Maria Estrela Duarte) e a minha tia-bisavó (Maria de Lurdes Carminé).

Naquela altura, esperava-se que as mulheres se encarregassem dos trabalhos domésticos, como cozinhar, tratar dos filhos ou fazer as limpezas. Também era muito valorizada a capacidade de uma mulher costurar.

Por isso, várias famílias de Lamego organizaram um concurso para jovens meninas costurarem roupas para bonecas de forma a desenvolverem e mostrarem as suas capacidades de futuras "fadas do lar" (como eram chamadas as mulheres que ficavam em casa naquela altura).

Esta fotografia questiona-nos sobre o quanto a nossa sociedade evoluiu nos últimos cerca de setenta anos, sendo que naquela época as mulheres não tinham tanta liberdade para fazer as suas escolhas, sendo apenas valorizados certos aspetos e competências que estas possuíam.

As aptidões que eram esperadas uma mulher ter eram diversas, mas não muito abrangentes, pois giravam sempre à volta da ideia que a mulher tinha o dever e o propósito de ficar em casa, sem o direito de ir trabalhar ou fazer algo por que estivesse realmente interessada.

Catarina Marques Pinto (Ano 9, Escola secundária Clara de Resende)

 

 
 

Orgulho

Esta fotografia foi tirada em 1958, em Luanda, Angola.

O meu avô, José de Magalhães, acabara de ser promovido a sargento e, orgulhoso, convidou o seu filho, o meu pai, Artur de Magalhães ao regimento português em Luanda para lhe dar a notícia.

Mas o que o meu pai não sabia era que o meu avô tinha comprado um carro! Naquela época poucas pessoas tinham um carro e era um sonho para muitas famílias ter um.

Felizes com a promoção e o carro novo, a minha avó, Rosa de Magalhães, capturou este momento, agora imortalizado.

O meu pai, agora com 71 anos, ainda me fala deste momento com muito orgulho. Do outro lado da fotografia podemos ver uma dedicatória escrita pelo meu pai, quando ainda era miúdo.

María Isabel Monteiro de Magalhães (Ano 9, Escola secundária Clara de Resende)

 

 

 



Saudade

Na fotografia, tirada no dia 14 de Outubro de 1964, está o meu avô, Manuel Joaquim Morais, que estava ao serviço do exército português, na Guerra Colonial, em Angola.

A fotografia que apresento é um exemplo de um aerograma, um tipo de carta que se envia por correio aéreo. O meu avô enviou o aerograma para a sua família.

O aerograma tinha um espaço limitado para escrita, que fazia com que ele tivesse que ser bem objetivo ao escrever. Mas apesar das limitações, muitas fotos de amor e saudade foram enviadas através desse meio de comunicação tão especial, para a família, quase sempre em fotografia, com um pequeno texto na parte de trás da mesma.

Nesta fotografia, tirada por um companheiro do exército do meu avô, é retratado um dia normal em terras angolanas.Os soldados esperavam ansiosamente pela chegada e partida do correio do serviço postal militar, que era o responsável pelo transporte de aerogramas e notícias entre os combatentes e as suas famílias.

Os aerogramas eram uma espécie de refugio para tentar diminuir a distância daqueles que estavam na guerra nas províncias do então Ultramar Português (em particular Angola, Cabo Verde, Guiné-Bissau e Moçambique, entre 1961 e 1974) com a sua família e amigos.

 

Escolhi esta fotografia, para homenagear o meu avô e a sua coragem neste período difícil para todos que participaram nesta guerra.

Fabiana Sofía Moreira Morais (Ano 9, Escola secundária Clara de Resende)

 

 

 

Marchar e non volver

Esta foto é do ano 1936. Nela aparece a miña tía-bisavoa Carmen e as súas dúas mellores amigas, Delia e Lola, que eran veciñas nunha aldea do concello de Outes chamada Roo de Arriba, e Eugenio, curmán-irmán de Carmen e marido de Lola.

Eugenio, a quen chamaban Eugenio de Outón, por ter nacido alí, tivo que emigrar a Arxentina e a fotografía recolle a despedida no momento en que os homes tiñan que subir ao barco no porto de Muros.

Nunha cesta de vimbio levou chourizos e queixos feitos na casa e moito pan e boroa que facía el no seu forno para os seus fillos cada semana. Xunto a toda esa comida, tamén levaba unha maleta coa roupa xusta, unha muda de verán e outra de inverno, e nela levaba unha copia desta mesma foto para recordar ese momento.

Na Arxentina, Eugenio coñeceu outra muller e casou con ela, mais non tiveron fillos. Morreu quince anos despois de chegar a Arxentina e agora ten unha lápida nun cemiterio de Arxentina e outra no de San Xoán de Roo.

Alba Sendón Fernández (4º ESO A)

 

 

 

 

Como coñecín o voso avó

Nesta fotografía, feita en 1968, aparecen á esquerda miña avoa, no medio meu avó, ambos con 19 anos, e á dereita unha amiga común que traballaba coa miña avoa.

A fotografía foi feita en Trafalgar Square, en Londres, onde os meus avós se coñeceron pois, aínda que ambos son galegos, miña avoa é da Serra de Outes (A Coruña), mentres que o meu avó naceu en Salvaterra do Miño (Pontevedra).

Durante a súa estancia no Reino Unido, a miña avoa tivo tres traballos: no xeriátrico de Ellesmere e nun hospital, como parte do servizo de limpeza, e no hotel Kensington Palace, realizando labores domésticas.

Foi traballando no hotel cando coñeceu meu avó. Saudábanse polas fiestras, xa que el traballaba no edificio de en fronte. Pouco a pouco meu avó, segundo di a miña avoa, foi tratando de conquistala. Chamábanse polo teléfono do hotel ou, por un penique, falaban durante horas nas cabinas telefónicas. Mesmo cando tiñan que voltar para Galicia mandábanse cartas para manter o contacto.

Permaneceron en Londres ata o ano 1973. Nese ano casaron e regresaron a Galicia, concretamente a Ponteareas (Pontevedra). Alí tiveron grandes alegrías, como un premio da quiniela que lles permitiu abrir o bar "As de copas" e formar unha familia numerosa de seis fillos. O segundo, meu pai.

Irene Álvarez Rodríguez (2º bacharelato)

Patrimonio no faiado 2024

 Os alumnos e alumnas de 1º ESO e 4º ESO investigar sobre obxectos que teñen un valor sentimental para a súa familia e documentaron un valioso patrimonio histórico. Nalgúns casos os alumnos e alumnas aumentaron a súa comprensión  sobre obxectos que xa coñecían e noutros descubriron por primeira vez a orixe e o valor de elementos que ignoraban que existían ou que levan vendo a diario sen percatarse do moito que dicían sobre a historia da familia e como se integraban na historia global.

Esta actividade foi realizado ao abeiro do programa Educación patrimonial, do Plan Proxecta, e tamén do PFPP Redes de cooperación para a memoria democrática e os dereitos humanos. O traballo tamén se realizou no marco do programa Polos creativos.

Deixámosvos unha mostra do patrimonio recuperado e invitámosvos a visitar o Museo virtual KaleidoScapes para coñecer o resto da investigación. Moitos parabéns polo traballo!

 

 
Este letreiro era da barbería do meu avó. O establecimento abriu en 1917 en Noia, unha vila costeira galega.
 
Manuel Seijas non tivo unha infancia doada. Os seus pais morreron moi cedo e tivo que criarse cun cura. Aos 25 anos decidiu abrir o seu propio negocio, para poder gañar algúns cartos e manter a súa nova familia, porque ese ano casou. O cura co que se criara ofreceulle unha profesión así como contactos que axudaran a que o seu negocio tivese éxito. O meu avó estivo ao mando do negocio durante case 70 anos, despois dos que o seu fillo continuou co negocio familiar durante outros cinco anos.
 
Cando pechou a barbería, a neta de Manuel (a miña nai) herdou o sinal para manter a memoria histórica familiar e lembrar que para acadar os teus soños o traballo duro é máis importante que o diñeiro.
 
Xoan Seijas, 4º ESO A.
 
Esta maquina de escribir, foi mercada no ano 1910 polo meu tataravó, Jose María López Blanco, nunha das suas estancias en Cuba. 
 
A máquina foi feita en Estados Unidos e por tanto non ten a letra "Ñ". Viña na súa maleta orixinal de coiro, pero a día de hoxe non se conserva xa que estaba moi estragada. 
 
Álvaro López, 1º ESO A.
 
 
Este obxecto é unha cámara Kodak feita en Alemaña. Nunca coñecín o meu avó paterno pois faleceu cando eu nacín, mais o meu pai díxome que o meu avó adoitaba usar esta cámara e por iso el decidiu quedar con ela cando o meu avó faleceu.
 
Irene Otero, 4º ESO B
 
 
Este libro pertenceu ao meu bisavó Vicente. Segundo conta meu pai, o meu bisavó foi un importante médico que traballaba nas concas mineiras do Nalón, en Asturias, recoñecido en todo o territorio por ser un excelente médico e dos poucos que traballaban alí.
 
Estou segura de que este libro e moitos outros sobre medicina axudáronlle a alargar os seus coñecementos e converterse no prestixioso médico que foi naquela época.
 
É un libro que se conserva en moi boas condicións malia os seus case 100 anos. É da editorial Labor, S.A., especilizada en libros científicos e técnicos, fundada en 1915 e que desapareceu en 1996.
 
Ollando este libro descubrín que entre as súas páxinas hai manuscritos e anotacións do meu bisavó sobre os seus pacientes.
 
Sara Canseco, 4º ESO A
Distribuir contido