A regulación dos dereitos e deberes do alumnado das escolas oficiales de idiomas ateranse á seguinte normativa:
- Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación (LOE). Disposición Final Primeira na que se modifica o artigo 6 da Lei Orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do Dereito á Educación (LODE).
- Real decreto 732/1995, de 5 de mayo, polo que se establecen os dereitos e deberes do alumnado e as normas de convivencia nos centros.
- Ver Plan de convivencia - 2022
Art. 1 Son dereitos do alumnado oficial :
- Recibir un ensino de acordo coa programación didáctica dos departamentos docentes.
- Ser avaliados de maneira obxectiva. Para iso, os distintos departamentos, deberán darlles publicidade aos criterios polos que o alumnado será avaliado, cualificado e promocionado. O profesorado deberá, con este fin, manter informado o alumnado acerca da evolución dá súa aprendizaxe.
- Participar nas actividades docentes escolares, extraescolares e complementarias do centro e recibir a información para iso a través das canles ordinarias, é dicir, na aula por parte do profesorado, taboleiros de anuncios e páxina web do centro.
- Poder participar, en calidade de voluntarios, na organización das actividades do centro.
- Utilizar todas as instalacións e servizos do centro segundo a finalidade propia de cada un deles, no horario establecido.
- Participar no goberno e administración do centro a través dos representantes legalmente elixidos.
- Elixir os seus representantes no Consello Escolar e os delegados de grupo.
- Poder reunirse para actividades escolares ou culturais non lucrativas nos espazos e horarios asignados pola xefatura de estudos, logo da petición por escrito, tendo en conta o normal desenvolvemento das actividades do centro. Deberá haber un responsable que garanta a correcta utilización das instalacións.
- Constituír asociacións con fins culturais e de defensa dos propios intereses, que poderán recibir axudas nos termos previstos na lexislación vixente. A xefatura de estudos facilitará os espazos adecuados para as súas reunions, sempre que non alteren os horarios e actividades lectivas do centro.
- Calquera outro recoñecido nas disposicións vixentes.
- Calquera falta de entendemento entre o profesorado e o alumnado resolverase na aula, actuando o delegado do grupo como intermediario, sobre a base do diálogo, a mutua colaboración e o sentido común. Se a falta de entedemento persistise, solicitarase a mediación da xefatura de estudos.
- As datas das probas da convocatoria ordinaria de xuño e da extraordinaria de setembro non poderán ser modificadas en ningún caso xa que se trata de probas globais unificadas para o alumnado oficial e libre.
- O alumno poderá informarse por teléfono sobre ausencias e incorporacións do profesorado.
Art. 2 Son deberes do alumnado oficial :
- Asistir ás clases e demais actividades lectivas nas que se matricularon.
- Facer bo uso das instalacións do centro, así como colaborar na súa limpeza e conservación.
- Respectar a boa orde académica, así como ao persoal docente e non docente adscrito ao centro.
- Durante os períodos lectivos, o alumnado non permanecerá nos corredores.
- Devolver todo o material obxecto do préstamo no estado de conservación no que o recibiron, e nos prazos establecidos. En caso contrario aplicaranse as correccións correspondentes.
- Presentar documentación acreditativa, sempre que lle sexa requirido polo persoal do centro, para os efectos de identificación e verificación de datos académicos e persoais.