Actividades complementarias e extraescolares
Testamento da nosa Meca 2018
08/02/2018
Este ano foi 2º A da ESO o grupo encargado de deixar toda estupenda á nosa Meca. Na foto aparecen Sara, Irene, Claudia e Kevin, pero houbo máis xente de 2º A colaborando dalgún xeito. Moitas grazas polo gran traballo!!
No Feal sempre foran Mecos ata agora, pero estando o noso actual calendario dedicado ás mulleres bravas galegas, pensamos que tamén necesitabamos unha Meca brava.
E xa podedes ler tamén o testamento que deixa a condenada coa inestimable axuda de Raquel Paz.
Mandados da nosa Meca 2018
03/02/2018
- O luns durmiñón, trae a bata e o pixama que pon!!! (vir con roupa de durmir).
- O martes trapalleiro, trae trapos e dalles xeito!!! (vir cunha mestura de prendas e accesorios que haxa pola casa).
- O mércores revello, trae todo aquilo que atopes no pendello!! (vir vestid@s de velliñ@s).
- O xoves trocadeiro, cambia o xénero: os nenos de nenas e as nenas de nenos!!
- O venres a Meca xa está preparada, disfrázate ao teu agrado!!! (vir co disfrace que teña cada un/ha na súa casa).
Nota: Lembramos que estes mandados son indicacións para o disfrace. Non hai que vir totalmente disfrazad@s, senón caracterizad@s. Por exemplo: no caso dos velliñ@s, pelo branco, boina ou pano na cabeza e bastón... xa serían dabondo.
Día da Paz 2018
30/01/2018
Achegamos algunhas fotos do Día da Paz celebrado hoxe polo noso alumnado de Infantil e Primaria. Ademais de cantar "Yo contigo, tú conmigo" (de Morat con Álvaro Soler), os nenos e nenas desfixeron un muro de palabras negativas para deixar ver as positivas. O que algúns botaron de menos este ano foron as pombas, pero así tampouco pasaron ese tempo atrapadas en caixas.
Xincana na ESO
21/12/2017
O noso profe de Educación Física Carlos Bacelo, organizou onte unha xincana por todo o centro de aproximadamente unha hora. A actividade estaba dirixida a 1º e 2º de ESO, aínda que o alumnado de 4º tamén axudou na organización (xunto con outros profes). Grazas a todos os participantes, e deixamos algunhas fotos no álbum "Xincana 2017" da nosa galería.
Marcha ciclista de 6º de Primaria para visitar Maciñeira, na beira do río Belelle
20/12/2017
Para rematar o trimestre, o alumnado de 6º de Primaria fixo hoxe unha bonita saída en bici a carón do río Belelle, chegando ata Maciñeira. Aínda que o percorrido desenvolveuse sen ningunha incidencia importante, a nosa alumna Sabela deunos un susto, xa que mollou un pouco os pes nun regato ao saírse da pista pola que circulabamos.
Agradecer dende o centro, a Sonia, Simón e Pedro, membros do equipo de Educación Vial do Concello, a súa participación, xa que sen eles non sería posible esta actividade.
Magosto 2017 de Secundaria
18/11/2017
Este ano, o Magosto de Secundaria tivo máis sorte co tempo que o de Infantil e Primaria. Foi unha mañá agradable e sen incidentes. Grazas a tod@s pola colaboración, e en especial ao departamento de Educación Física.
Magosto de Infantil e Primaria 2017
10/11/2017
Esta mañá tivemos mala sorte co tempo para o Magosto de Infantil e Primaria, e houbo que quedarse no patio cuberto. De todas maneiras, achegamos algunha das fotos feitas polas nosas alumnas de 4º de ESO B Antía Rodríguez Pita e Ariadna Ramos Pernas (moitas grazas!).
Quentando motores para as festas de outono
25/10/2017
Aquí tedes o primeiro sinal de que as festas de outono están cerca. Son as cabazas traballadas polo noso alumnado de 3º e 4º de Primaria durante un obradoiro organizado polo Concello de Narón.
Actividades extraescolares do Concello de Narón
28/09/2017
Achegamos o folleto informativo do Programa Municipal de Actividades Extraescolares (PROMEDEX) para este curso.
Ademais, aproveitamos para informar de que tamén está aberto o prazo de inscripción para a Escola Municipal de Música Moderna e Aulas de Ensaio.
Fotos e vídeos das actuacións do Festival Fin de Curso 2017
05/07/2017
Xa podedes ver as fotos que fixeron María Varela e Sonia Álvarez da nosa última festa no Pazo da Cultura, no álbum "FEstivAL Fin de Curso 2017" da nosa galería. Tamén podedes atopar en YouTube os vídeos gravados por Luis Dopico, na lista de reprodución "Fin de curso 2017", que este ano fará as delicias dos amantes da frauta.
O baile de 6º de Primaria ten silenciado por YouTube o fragmento con música de "The National", debido aos dereitos desta canción. Ademais, non é posible reproducilo en dispositivos móbiles, igual que "Choiva de estrelas" (de 5º de Primaria) e "Baile moderno" (da ANPA), polo mesmo motivo.
Moitas grazas a toda a xente que traballou dalgún xeito no festival.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- 11
- 12
- 13
- …
- seguinte ›
- última »
Enderezos electrónicos
- Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
- ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
- Coordinación da web: web.feal@gmail.com