Ciencias Sociais |
O alumnado de 3º ESO deseñou e levou a cabo a montaxe da exposición cartográfica Non perdas o Norte, da que tivemos o pracer de desfrutar no noso centro nas últimas semanas. Organizados en parellas, o alumnado fixo un traballo de investigación relacionado coa localización xeográfica e representación cartográfica, todos estes contidos curriculares deste curso. Na exposición amosouse a evolución da cartografía, así como distintos tipos de mapas e planos de distintos lugares do mundo. Contemplouse tamén un apartado especial adicado ao concello de Lousame e ao Río Pesqueira, obxecto de traballo do Proxecto Ríos no que estamos inmersos. Ao longo de tres semanas puidemos desfrutar da exposición grazas ás excepcionais a visitas guiadas, para profesorado e alumnado, que desenvolveron Marta, Xulia, Brianna, Irene, Nerea e Raquel. (Podes ver máis fotografías en "ler máis")
|
|||
O alumnado de 2ºESO participou nunha saída educativa á cidade de Santiago de Compostela. Pola mañá coñecimos a Cidade da Cultura do arquitecto Peter Einsenman e visitamos a interesantísima exposición temporal "Da árbore á cadeira". Posteriormente visitamos os tellados da Catedral dende onde puidemos desfrutar dunhas vistas fermosísimas de Compostela. Tivemos tamén o privilexio de pasear polos patios do Hostal dos Reis Católicos e, acompañados pola chuvia, percorrimos o casco vello da cidade. Para pechar o día, visitamos a exposición "Arte e xeometría en papel" instalada no Pazo de Fonseca ata finais de maio. Non vola perdades! (Para ver máis fotografías da saída premer en "ler máis").
|
|||
O alumnado de 2ºESO impartiu unhas sesións sobre a Idade Media nos dous grupos de 5º de Primaria. Os expertos, organizados por grupos, explicaron as distintas etapas medievais dende o punto de vista histórico e artístico. O alumnado de 5ºA e 5ºB de primaria acolleu estas sesións con moito entusiasmo, amosando gran curiosidade pola Idade Media, facendo numerosas preguntas aos relatores. |
|||
O pasado mércores 5 de abril o alumnado de 1ºESO desfrutou dunha fabulosa e soleada xornada coñecendo distintos punto de interese da península do Barbanza. Comezamos a visita en Corrubedo, no CIELGA (Centro de Recepción de Visitantes e de Interpretación do Ecosistema do Litoral de Galicia). Despois dun vídeo informativo sobre o complexo dunar e as lagoas de Carregal e Vixán, percorrimos acompañados polo guía polas pasarelas para aprender moitas cousas do complexo dunar. A seguinte parada foi no magnífico dolmen de Axeitos, que nos serviu para repasar e afondar o que aprendimos na clase de Xeografía e Historia sobre o megalitismo. Por último, visitamos o Castro de Baroña e puidemos apreciar in situ as murallas, as vivendas e as distintas partes do castro que se atopa nun bo estado de conservación.
|
|||
Aproveitando as primeiros días de primaveira, o alumnado de 3º ESO fixo unha actividade no patio para aprender a orientarse co sol. Saímos ao exterior ao mediodía e puxémonos de costas ao sol cos brazos abertos. Orientándonos coa sombra marcamos cun xiz os distintos puntos cardinais no chan. Observamos como se movía o sol e a sombra a medida que pasaba o tempo. Comprobamos cun compás os puntos cardinais.
|
|||
A semana pasada tivemos na clase de Xeografía de 3º ESO e na titoría de 1ºA, unha visita moi especial: os antigos alumnos do noso centro Joel Romero e Alejandro Vigo. Estes rapaces e as súas familias emigraron a Alemania e Suíza respectivamente. Os alumnos e alumnas tiveron ocasión de preguntarlles todas aquelas cuestións que lles interesaba da súa experiencia vivindo noutros países europeos. Podes ver máis fotos e ler máis sobre este evento premendo en "ler máis".
|
|||
Esta semana o alumnado de 3º e 4º da ESO tivo a oportunidade de asistir á charla temática BIODIVERSIDADE E CONSERVACIÓN dentro do ciclo de charlas "A Ponte entre o Ensino Medio e a USC" que oferta a Universidade de Santiago aos centros educativos. Nesta ocasión acompañounos Dona Teresa Rodríguez, profesora da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo da USC. A profesora explicounos de maneira moi práctica o que é a biodiversidade e a importancia da súa conservación. Tivemos a ocasión de coñecer "pequenas grandes cousas" no noso día a día para preservar o medio ambiente a biodiversidade. |
|||
Durante o mes de febreiro tivemos a oportunidade de desfrutar no noso centro da exposición Imaxes con Fondo, selección dun concurso fotográfico organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A exposición busca promover a través da imaxe e a palabra a reflexión e o pensamento crítico ante graves problemas que afectan ao noso planeta e sociedade, apostando por unha actitude solidaria e respectuosa de todos nós. O alumnado de 2º e 3º ESO de Valores Éticos realizou un traballo a partires desta exposición. Cada alumno/a escolleu unha imaxe e temática para compartir co resto do grupo e así poder buscar entre todos solucións aos problemas que afectan á nosa sociedade. |
|||