Por fin unhas festas do outono sen máscaras, sen separacións, sen medidas COVID... De novo todos xuntos, gozando, animando e co tempo da nosa parte. Un día perfecto!
Empezamos coas carreiras do outono, por cursos, carreiras no que o que importa é participar, e participaron todos.
Despois un gran recreo e a continuación os xogos populares. No patio formáronse equipos con nenos e nenas de diferentes cursos: oleiros, cesteiros, zoqueiros, ourives, curtidores, ferreiros, telleiros... que foron rotando polos recunchos de xogos populares: catro esquinas, mariola, carreira de sacos, buxainas, marro, zancos, brilé, ra, ferradura, chave e corda. Ao mesmo tempo outro grupo facía as fogueiras e asaba as castañas, que como remate de xornada, degustamos xuntos.
Tódalas actividades tiveron como monitores ao alumnado de sexto curso. As fotos tamén foron tiradas por elas. Se as queredes ver, premede na imaxe.