Skip to Content

                                       

Esta semana escoitamos no noso timbre...

    

Rematamos o noso camiño

Rematamos “ O noso Camiño”.

Nas últimas semanas de clase creamos un taboleiro para o noso robot DOC con imaxes relacionadas co vocabulario do Camiño de Santiago, e fixemos un xogo que leva por título “Adiviña a onde ten que ir o robot”  o cal realizamos na biblioteca do colexio e consiste en que cada neno/a tiña que coller unha tarxeta na que está escrita unha pista sobre a onde ten que ir o robot, por exemplo: comeza pola B, pau que usaba o peregrino tradicional para facer o camiño de Santiago, buscamos a imaxe do bordón e vemos que indicacións lle temos que dar ao robot para que chegue alí. Esta actividade tamén nos serviu para avaliar o que foron aprendendo os nenos e nenas ó longo do proxecto, xa que as imaxes eran relacionados con contidos traballados durante todo o proxecto.

Para rematar o proxecto realizamos tres actividades. A primeira consiste na realización das mans da amizade, empregando plastilina para logo intercambialas entre os nenos/as das distintas clases igual que o fan os peregrinos que as intercambian entre si, polo que cada clase as fixo de distinta cor e logo as intercambiaron. A segunda actividade foi a entrega da COMPOSTELA a cada neno/a, na cal escribiron o seu nome (e apelidos, segundo a idade), cuñamos a credencial e a Compostela co selo do centro e por último experimentamos a través dun vídeo-xogo no ordenador a facer o camiño de Santiago con Tina Calixtinta o cal trata moitos aspectos xa traballados durante o curso,  xa que temos que facer con Tina Calixtina a mochila, poñemos por orde os bastóns para comezar o camiño, seguimos as frechas amarelas, falamos dos cruceiros e  a súa función, facemos distintos tramos do camiño e selamos a credencial no albergue entre outras.

 

Tamén cabe sinalar que durante todo o proxecto aprendemos sobre o camiño xogando con distintos xogos manipulativos a través dos cales contribuímos ó desenvolvemento da competencia matemática, competencia en comunicación lingüística, competencia para aprender a aprender e a de autonomía e iniciativa persoal e realizamos diversos contacontos nos que lemos libros como Santiago, Santiaguiño vai facer o camiño (Isabel Bugallo y Sarria), Marosa e Mariña camiñan a Compostela  (Iago López) ou A Ruta da Prata (Toño Núñez e Xoan Carlos García Porral) entre outros.

Finalmente cada clase creou o seu propio libro sobre o Camiño de Santiago, no que se resume todo o aprendido durante o proxecto; e, na galería de educación Infantil creamos  o  recuncho do Noso Camiño, no que hai dous murais así como contos, folletos, fotografías e diversos obxectos relacionados co Camiño de Santiago e que son o resultado da posta en práctica das actividades deste proxecto levadas a cabo durante todo o curso e contando tamén coa colaboración das familias.

 

Nos seguintes vídeos resumimos de forma breve o aprendido con este fermoso proxecto, e só nos que dicir BO CAMIÑO!.

 

 

 

 

 



page | by Dr. Radut