O noso camiño
As nenas e nenos de 4º, 5º e 6º de Educación Infantil e de 1º de Educación Primaria participan durante este curso no programa Vexo, Veo, Xacobeo, incluído dentro do Plan Proxecta +, a través do cal buscamos espertar o seu interese polo Camiño de Santiago, signo da nosa identidade cultural. Con este proxecto aproximamos ós nenos/as ao coñecemento do Camiño de Santiago dende as súas distintas vertentes (cultural, social, natural, histórica…) e fomentamos valores moi ligados a este camiño como son a solidariedade, a axuda, a tolerancia, a igualdade e o respecto, a través de actividades cooperativas (como contacontos, cancións, dramatizacións, xogos manipulativos,…) dada a súa importancia nesta etapa educativa.
Comezamos o proxecto da man da nosa mascota, a tartaruga Tina Calixtina que nos acompaña ao longo do curso e nos axuda a descubrir distintos aspectos sobre o Camiño de Santiago, sobre a súa historia e orixe, a preparación da viaxe e o que necesitamos levar na mochila así como a vestimenta. Investigamos sobre as cunchas, as frechas amarelas e elaboramos unha credencial para logo conseguir un selo na saída que faremos ao albergue próximo ao colexio. Tamén investigamos sobre o tramo do camiño que pasa ao carón do noso centro coñecido como “ A VÍA DA PRATA”, identificando os monumentos, paisaxes naturais e albergues que podemos atopar nese traxecto, aproximádonse a eles a través das distintas linguaxes artísticas e plasmandoo nun mural que forma parte do noso recuncho do Camiño de Santiago, situado no corredor de Educación Infantil, no que ademais disto dispoñemos de distintos obxectos relacionados con este tema proporcionados por distintos membros da comunidade educativa (familias e profesorado) como contos, revistas, cunchas, credencial, bordón, cabaza, etc.