Skip to Content

                                       

Esta semana escoitamos no noso timbre...

    

Protocolo Protección de datos persoais da Xunta

Consideracións particulares sobre os proxenitores

non unidos legalmente por vínculo matrimonial ou análogo

No ámbito civil distínguense dúas situacións e facultades distintas nas relacións paternofiliais que poden resultar relevantes en relación coa xestión dos datos persoais:

  • A patria potestade debe entenderse como o conxunto de facultades e deberes que corresponden aos pais para o cumprimento da súa función de asistencia, educación e coidado dos seus fillos menores non emancipados. Exércese conxuntamente por ambos proxenitores ou por un só co consentimento expreso ou tácito do outro.
  • A garda e custodia configúrase como unha das prerrogativas e deberes da patria potestade, e abarca todas as cuestións e aspectos derivados do quefacer diario.

Cando os proxenitores non están unidos por vínculo matrimonial ou como parella de feito, poden existir diversas situacións nas que xurdan dúbidas sobre que datos se poden facilitar a cada un dos proxenitores. Para resolver as diferentes situacións que poden presentarse debemos partir das seguintes premisas:

  • A patria potestade corresponde a ambos proxenitores, con independencia da existencia ou inexistencia de vínculo matrimonial ou de calquera outro tipo, salvo decisión xudicial expresa. A inexistencia de vínculo entre os proxenitores non afecta a patria potestade respecto aos menores, con independencia de que a garda e custodia sexa compartida ou estea atribuída a un dos proxenitores. É dicir, salvo que exista unha sentenza ou resolución xudicial que diga o contrario, ambos proxenitores teñen a patria potestade, con independencia de que a garda e custodia sexa compartida ou corresponda unicamente a un deles.
  • Nos supostos de patria potestade compartida, con independencia de quen teña a custodia, ambos os dous proxenitores teñen dereito a recibir a mesma información sobre as circunstancias que concorran no proceso educativo do/a menor, dado que dentro dos deberes inherentes da patria potestade se atopa o da educación dos fillos e fillas menores, o que obriga aos centros a garantir a duplicidade da información relativa ao proceso educativo salvo que se achegue unha resolución xudicial que estableza a privación da patria potestade a algún dos proxenitores ou algún tipo de medida penal de prohibición de comunicación co/a menor ou coa súa familia. En caso de conflito entre os proxenitores sobre o acceso á información académica dos seus fillos e fillas, deberá exporse ante o xulgado competente en materia de familia.

 Para isto seguiranse as seguintes pautas:

  • O proxenitor que non ostente a garda e custodia deberá solicitar esta información por escrito ao centro, xuntando a esta solicitude, se o centro non conta con ela, copia fidedigna da resolución xudicial na que se recolla que ostenta a patria potestade acompañada dunha declaración responsable de que non se teñen producido variacións respecto á dita resolución xudicial.
  • Nos supostos en que o centro xa conte coa resolución xudicial, o proxenitor non custodio deberá remitir unicamente a solicitude acompañada da declaración responsable de que non se teñen producido variacións respecto da dita resolución xudicial, identificando correctamente a resolución xudicial co seu número e data.
  • Non se facilitará ningún tipo de información relativa aos menores ás persoas privadas xudicialmente da patria potestade sobre o alumno ou alumna.

A modo de exemplo enumérase a seguinte información que debe ser subministrada a ambos proxenitores (sempre que aquel que non ten a garda e custodia pero si a patria potestade teña manifestado a súa vontade de ser informado): –

  • Cualificacións escolares, finais e trimestrais.
  • Informe psicopedagóxico.
  • Convocatorias trimestrais, xerais e individuais a reunións de titoría.
  • Calendario escolar, programa de actividades complementarias e extraescolares.
  • Urxencias médicas de carácter grave (que requiran atención sanitaria) acaecidas ao alumno en horario escolar.
  • Ausencias, e o seu carácter de xustificadas ou non para o centro, na forma en que teña establecido o centro con carácter xeral.
  • Inscrición no servizo de comedor e/ou transporte.
  • Menú do comedor escolar.
  • Calendario de eleccións ao Consello Escolar.

Este dereito de información respecto aos fillos dos que se ostenta a patria potestade, refírese unicamente aos datos relativos aos menores, pero non a calquera dato do outro proxenitor que figure na documentación do centro, polo que, nos supostos nos que un proxenitor solicita copias dalgún documento que figura no centro, no que consten datos persoais do outro proxenitor, deberán eliminarse os ditos datos na copia que se entregue, para garantir o pleno respecto á protección de datos de carácter persoal do outro proxenitor. A tal fin:

  • Farase unha fotocopia na que se eliminarán os datos que se refiran ao outro proxenitor, como teléfono, enderezo, lugar de traballo etc. cun corrector que non permita a súa lectura.
  • Reproducirase de novo ese documento e entregarase a copia, co fin de que non se poida eliminar o corrector e ter acceso aos datos do outro proxenitor.
AdxuntoTamaño
NOVO PROTOCOLO DATOS.pdf2.21 MB


page | by Dr. Radut