Skip to Content

PRIMEIRAS PROPOSTAS DE XOGO E TAREFAS PARA OS DÍAS DE CUARENTENA NAS CASAS.

Ola familias das clases de 6º de Infantil. Imos empezar a escribirvos no blogue porque nos resulta máis doado para poñervos propostas feitas por nós que a través do grupo de whatsapp que temos e que resulta moi cómodo para compartir ligazóns ou propostas da rede pero non para escribir as nosas persoais.

Para empezar, xa leriades en un montón de artigos pola rede, no blogue das compañeiras de infantil do cole, e nalgúns dos materiais que xa vos enviei, a importancia de manter certa rutina na casa. Penso que é moi positivo creala porque nos ancla dun xeito máis sinxelo ao tempo real, fai máis doado o aproveitamento do mesmo e nos fai os días menos longos ou repetitivos (curiosamente), ademais de que a todos/as (non só aos nenos e nenas, penso eu) nos da certa seguridade e maior sensación de organización. Sen embargo creo que debe ser unha rutina propia da vosa casa, non intentar imitar a rutina nin os horarios que temos na escola, aínda que haxa cousas que copiedes. Podedes facer algunha proposta pola mañá, outra pola tarde, por exemplo, e mesturalas coas tarefas da casa e o tempo de xogo libre. Tamén cremos que é importante saltarse estas rutinas os fines de semana ou mesmo algúns días especiais que decidades en familia para pasar o tempo facendo o que máis vos apetece sen máis.

Nós imos agora facervos varias propostas para incluir nesa rutina, que terá a orde que queirades e as tarefas que máis vos gusten das que vos propoñemos ou que vos sirvan de inspiración para algunha propia.

En primeiro lugar podemos aproveitar estes días para mellorar esas partes da autonomía dos nosos nenos e nenas que lles custán un chisquiños máis: que sexan eles/as os responsábeis da súa hixiene, escoller a súa roupa (pode ser entre tres ou catro opcións nada máis, segundo o neno/a), vestirse so, intentar abotonarse so/a, enganchar e subir as cremalleiras, aprender a atar os cordóns dos zapatos (podemos empezar a intentalo sen telos postos, para facelo máis doado, sempre que teñan certo interes na actividade, que é algo complicada), …

Despois da hixene, vestirnos e almorzar (na orde preferida da familia) propóñovos facer unha charlasobre o que ides facer cada un/ha ese día. Non ten porque ser unha “asemblea” como a do cole. Trátase de facer aportacións e reparto das posíbeis tarefas comúns e podedes tamén tomar decisións de cando facer as tarefas persoais de cada membro da familia (teletraballo ou outras tarefas das adultas e xogo/tarefas dos nenos e nenas), e dicir, decidir certo horario, pero facendo partícipes aos nenos/as na medida do posíbel.

Aquí podemos aproveitar para falar da especial situación que estamos vivindo, lembrando o importante que é explicarlles as cousas aos nenos e nenas de xeito realista pero adaptado aos seus coñecementos (non é necesario adaptar a linguaxe, se non o contido do que dicimos) para que o entendan. Tamén debemos escoitar con atención o que pensan eles e ellas, que opinan e que lles pode estar preocupando, sen quitarlle importanza aos seus medos e dúbidas, ao contrario, intentando aclarar as súas dúbidas e transmitirlles tranquilidade respectando os seus sentimentos.

Outra das cousas que podemos facer nesta charla e ir tachando os días no calendario, como facemos na escola. Se non temos un o facemos nun folio. Non é tanto por ver canto tempo nos falta para rematar esta situación, pois iso parece algo incerto aínda, senón por seguir mantendo esa referenza temporal que a diario traballábamos tamén na escola. Así, como vos dixen antes, podemos marcar os días especiais que decidamos ou as fines de semana (cando os maiores non teñen que traballar, por exemplo). Deste xeito distinguiremos algo mellor uns días de outros. Podemos repasar os días da semana, que día é hoxe, cal será mañá e cal foi onte. Que estación acabamos de comezar, canto falta para a Semana Santa, … Isto nos serve tamén para repasar o conteo que a algúns/has nos ven moi ben.

 

Outra tarefa de decisión na que podemos participar é na organización dos Menús semanais. Así podemos facer entre os membros da familia un menú saudábel que nos servirá tamén para motivarnos coa comida rica que escollemos para hoxe. Con este menú podemos facer a lista da compra semanal (así limitamos as baixadas ao supermercados das adultas e evitamos comprar de máis ou de menos). Esta lista podemos facela con eles/as, vendo que ingredientes teñen as distintas receitas, podemos aproveitar para que a escriban os nenos/as (moitos necesitarán que lles axudemos a escribir marcando coa nosa voz os distintos fonemas, lembrando que, neste momento, o máis importante é que fagan esa relación son-grafema, non tanto que o escriban perfectamente), ou, se non se animan podemos escribila nós en maiúsculas e eles poden intentar descubrir polo son das iniciais (que lles podemos sinalar, se lles costa, con outra cor) onde pon algunha das cousas das lista.


Responsábeis dalgunhas tarefas: Alguns exemplos de tarefas que poden realizar os nenos dentro da lista de tarefas comúns do fogar son:

  • Regar as plantas se lles fai falla (tocando a terra para ver se está húmida), sacarlle as follas secas e pulverizar auga nas follas. Mesmo poden limparlles as follas cun bastonciño hixiénico ou similar.

  • Poñer a mesa, poñer o mantel ou manteis, repartir a louza prato a prato con coidado, dobrar e poñer servilletas, cubertos segundo o que imos comer, …

  • Recoller a mesa despois de almorzar, xantar ou cear, tamén con moito tino.

  • Lavar os platos algunha vez (ou algúns elementos doados de lavar) ou axudar a metelos no lavalouzas, secalos e poñelos no seu lugar (os que sexan accesíbeis a eles/as e non pesen demasiado)

  • Limpar zonas sinxelas con trapos ou con pulverizador (como o que usamos na clase no recuncho de vida práctica, encántalles limpalo todo, nos so as fiestras...) moi rebaixado con auga (segundo sexa o limpador, senon, simplemente con auga, trátase de que fagan a tarefa e se divirtan máis de que o deixen todo perfecto).

  • Facer a súa cama, ou axudarvos a facela. Insisto en que o importante é facer a tarefa, non tanto facela para que quede perfecta.

  • Colaborar á hora de cociñar: lavando a leituga, os tomates, as patacas peladas,... cortar elementos brandos ou semibrandos coma aguacate (previamente cortado por nós pola metade e pelado), cabaciña (calabacín), queixo fresco,... separando os ramilletes de brócoli, pelando con pelador unha cenoura (con tino), dando forma coas mans a unhas albóndegas, batendo un ovo, facendo a forma das galletas ou rosquillas coas mans, botanto a masa das magdalenas nos moldes, pelando un allo ou unha cebola coa man...

Insisto en que o obxectivo, ademais de colaborar, debería ser que se divirtan participando e sendo responsábeis destas tarefas, non tanto que o fagan exactamente como queremos nós, as persoas adultas.

Tamén debemos decidir nós, negociando con eles/as, cales son as tarefas que deben facer ou aquelas que son opcionais.

 

Outra proposta que vos fago é crear distintos ambientes no voso fogar na medida do pósibel, de xeito que cada lugar o asociedes a unha ou unhas actividades concretas. Así tamén podedes ter a sensación de non botar o día no mesmo lugar da casa, é máis sinxelo concentrarnos ou ler nun recuncho preparado para estas tarefas máis tranquilas que díante da tele, que para algúns/has poder ser unha distracción mesmo apagada, por exemplo. Por último tamén pode ser máis cómodo para a organización (non ter que preparar e recoller constantemente os materiais). Esta é unha recomendación que mesmo se nos fai as adultas neste momento de confinamento, para variar minimamente o escenario das nosas actividades diarias. Así que vos convido a que copiedes un pouco a organización de recunchos da aula, pero usando toda a vosa casa e metendo nela os vosos recunchos para vós, adultas. Se non vos parece factible podedes montar nunha mesa adaptada á súa altura estes as actividades que vos gusten e, ao finalizar, recoller todo en recipientes (como caixas ou cestas) adicadas a cada tipo de actividade. Outra opción é facer un ou dous destes xogos en ambientes ao día... o que se adapte mellor aos vosos gustos e necesidades.

 

- Ambiente para o xogo simbólico: seguramente todos os vosos nenos e nenas teñen os seus xoguetes en distintos puntos da casa. Eu agora vos propoño crear algún punto extra, ou remoldelar algún existente para crear (se non tendes) unha cociniña, unha perruquería, un taller, un supermercado, … o que máis lles inspire, pero en lugar (ou ademais) de utilizar os xoguetes, utilizade elementos reais que teñades na casa e que lles deixedes a eles e ellas para este xogo. Podedes mesturar xoguetes con elementos reais. Na cociña, por exemplo, poden usar legumes, pasta ou fariña para xogar coas súas potiñas a facer comidas inventadas. Se queren facer unha tenda podedes usar produtos reais ou podemos recortalos de folletos do supermercado que teñamos pola casa, poden debuxar eles estes productos (que tamén lles poden servir para a cociniña, xogar a ter un restaurante, …) e tamén podemos facer moedas e billetes debuxados en papel, cartón ou mesmo modelando con plastilina. Aproveitamos, se lles apetece, para traballar a lectoescritura e ir escribindo os carteis co nome e prezo dos produtos... A perruquería pode ser no baño, poden lavar o pelo das bonecas con champú de verdade, peitealo … ou poden facer o propio con nós, as adultas, e pintarnos as unllas, maquilllarnos, poñernos lazos e facernos peiteados... o taller pode ser usando algúns dos elementos da caixa de ferramentas que vos parezan máis seguros: poden practicar cos desparafusadores e parafusos (destornilladores e tornillos) usando de base un cartón ou moito mellor algún xogo ou obxecto que teñamos pola casa e que podamos, xuntos, xogar a desmontar e montar.

- Ambiente para a creación de minimundos e xogo desestructurado: a última semana que fumos á escola iniciamos este novo recuncho na clase. Foi un éxito absoluto, e é relativamente doado crear unha zona para xogar a isto. O que necesitades son materias variados, preferíbelmente naturais, que non sean xoguetes, pero tamén podemos mesturalos con algúns xoguetes, aínda que os protagonistas son outros materias, os que non son habitualmente para xogar.

Non é facil ácceder a paos e cunchas neste momento, pero podedes buscar pola casa elementos que teñades de madeira, tela, cerámica, cortiza (corcho), metal... e que poden servilles aos vosos nenos e nenas (sen que vos dea moita pena se se estropean, claro): cuncas, ensaladeiras e bandexas de madeira, culleres, paliños chiñeses, espátulas de madeira ou óso, manteliños individuais, fulares de cores, figuras decorativas que non rompan facilmente, posavasos, follas dalgunha planta (que xa estean secas), macarrons, espaguetes, legumes, fariña, xeo,... son exemplos que se me ocorren, seguro que a vos se vos ocorren moitos máis. Esto mesturámolo con animais de xoguete, muñecos tipo playmovil ou similares. Colocamos os distintos materiais por tipos en caixiñas, cestas ou platos, deixámoslles certo espazo de construcción e vemos que sucede. Aquí vos deixo unha páxina que o explica moi ben, espero que vos sirva.

https://www.mamaextraterrestre.com/2017/11/14/mini-mundos/

FOTO DO NOVO RECUNCHO DA AULA

- Zona creativa: con material funxíbel que poidan usar libremente. De seguro xa tendes algunha zona así na casa: con folios, cartolinas, cartón, rotuladores, ceras e outras pinturas, tesoiras, pegamento, purpurina, pegatinas, celo (encántalles), témperas e/ou acuarelas, penceis,... Igual non tendes todos estes materiais, pero sí que podedes ter algúns. Tamén podedes ter algúns materiais para reutilizar, como caixas de galletas para decorar ou retallar e converter noutra cousa, rolos de papel hixiénico e de cociña, papel de regalo usado, tapóns de cortiza das botellas, cascos de cervexa, film transparente, … Nos próximos días poñerei no blogue algunha proposta concreta para facer, xa de xeito guiado, neste ambiente, sen esquencer nunca a importancia de deixarlles crear a eles, aínda que non debuxen unha cara exactamente como a nós nos parece que debe ser ou mesmo cando non coloreen cada cousa da súa cor, deixádeos experimentar e investigar cos materiais... (dentro dos límites de uso e limpeza do espazo que vós decidades, por suposto).

 

- Biblioteca: seguramente xa tendes un recanto da casa cos libros e contos dos vosos fillos e fillas, isto é so para lembrarvos a importanza de que estes contos estean ao seu alcance, nun lugar visíbel e cómodo que os convide a explorar estes libros pola súa conta pero tamén con vós. Xa sabedes a importanza e lerlles contos así que vou a poñervos en posteriores entradas algúns libros dixitais interesantes como proposta, xa que non podemos baixar ás bibliotecas ou librerías na busca de novidades.

 

- Ambiente de lóxica: En este caso vos propoño, para empezar un xogo de mesa que é doado que o teñades tod@s na casa: o cinquillo. Xa fixemos este xogo na clase con cartas infantiles, pero nos serve calquera baraxa. O importante sería que tivese todos os números, do 1 ao 12 (a sota, cabalo e rei podemos contarlles o que vale ou desbotalos). Se non temos as cartas podemos facelas en cartolina, papel ou cartón poñendo 4 series completas de figuras do 1 ao 12 (por exemplo poden ser flores, lunares, lúas e estrelas, o que máis lles guste a eles/as). Con este xogo traballamos o conteo directo e invertido. Lémbrovos as normas do xogo con este video.

Tamén vou facervos algunha proposta diaria de vida práctica (moi semellante ao que vos comentei antes das tarefas comúns da casa), de letras e de lóxica matemática, ademais de proñervos algunha actividade máis relacionada cos talleresque faciamos na clase: de medioambiente, de experimentos, de pintura e mesmo de cociña.

Espero que algunha destas propostas vos sexa de utilidade.

Unha aperta e ata pronto.

 

 

 

 

 



page | by Dr. Radut