Atender para escoitar, escoitar para atender

IGNACIO LÓPEZ PRESEDO. MESTRE EF


O R. D. 1513/2006 polo que se desenvolve a LOE, Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación, non incorpora grandes cambios respecto da LOXSE (Lei de Ordenación Xeral do Sistema Educativo, de 1990).O que se destaca é que a lectura constitúe un a factor fundamental na nova lei.No caso da Educación Física os elementos básicos do currículo son similares aos vixentes, polo que o currículo básico da área non presenta practicamente cambios.Logo de ollar o novo Real Decreto, un chega a conclusión de que o problema da educación parece residir no número de horas dedicadas a cada unha das áreas do currículo, como se a causa do fracaso escolar se reducira a cuestións de horarios.Si a calidade da educación pasara por dedicar máis tempo a unhas áreas e reducir o número de horas doutras, a solución semellaría sinxela, pero o problema pode que non sexa ese. Un aspecto esencial radica na falta de atención do alumnado nas clases en xeral, que condiciona profundamente o proceso de ensinanza-aprendizaxe.Non sabemos en qué radica esa falta de atención dos nosos alumnos, se na falta de motivación, se na falta de interese, na falta de necesidades, na rateo de alumnos por clase, .... O que si está claro, é que o feito de impartir máis horas de lingua ou matemáticas para que os alumnos obteñan mellores resultados non vai a ser a solución dos males da educación.A un neno sen interese, que nas clases non atende, que non escoita, que máis da impartirlle máis horas dunha área, os resultados non van a mellorar coa cantidade, senón que o esencial radicaría en mellorar a calidade, e para iso resultaría fundamental contar coa atención do alumnado. Sería sinxelo se a solución radicase no aspecto cuantitativo, pero desgraciadamente non é así, e o aspecto cualitativo parece ter un papel preponderante neste caso, e para iso, é necesario conseguir que os nosos alumnos nos presten atención, nos escoiten, pois do contrario toda acción educativa carece de fundamento.A falta de atención, polo tanto, parece ser un dos problemas fundamentais cos que se atopa o profesorado na actualidade, en numerosas ocasións experimentámolo nós mesmos e noutras somos testemuñas de como compañeiros mestres manifestan o seu sentir pola ausencia de atención dos seus alumnos, e a conseguinte falta de resultados.Abordando o problema da educación dende esta vertente a solución non parece sinxela, pero o que si parece estar claro é que a mellora deste aspecto necesita da participación de todos os sectores da comunidade educativa, como somos os mestres, as familias e sobre todo os propios alumnos. 

HABILIDADE DE ESCOITAR 

Normalmente caemos no erro de considerar unicamente como habilidades comunicativas fundamentais as de ler e escribir, cando escoitar e falar tamén o son, de aí que o seu desenvolvemento constitúa unha tarefa de primeira orde no proceso educativo, que é a súa vez un proceso comunicativo.En especial, a habilidade de escoitar non se lle da moita importancia, a pesar de que constitúe unha parte significativa, de feito, a través da escoita transmítese a maioría da información relativa aos contidos e obxectivos do currículo.En ocasións confúndense os termos escoitar e oír, pois son considerados como si significaran o mesmo; sen embargo non son iguais. Según Cecilia Beuchal (profesora chilena): “Oír refírese á recepción física das ondas sonoras a través do oído. Escoitar, en cambio, inclúe ademais de oír, a capacidade de recibir e responder ao estímulo físico e de utilizar a información captada a través do canal auditivo. En tal senso a escoita podería definirse como o proceso polo cal a linguaxe falada se converte en significado na mente do receptor”.A habilidade de saber escoitar é un indicador de gran valor no comportamento dun bo comunicador. 

CARACTERÍSTICAS DUNHA BOA ESCOITA

Unha boa escoita ou un escoita atenta ha de caracterizarse por:- A capacidade de percibir sensorialmente o que transmite a outra persoa.- A capacidade de interpretar, de comprender a mensaxe captada.- A capacidade de avaliar, de decidir a importancia e validez no contexto do escoitado.- A capacidade de responder a mensaxe do interlocutor. No proceso de ensinanza-aprendizaxe altérase en ocasións o proceso comunicativo xa que os alumnos non perciben eficazmente a información ou non interpretan correctamente a mensaxe transmitida, o que fai que o contido non poida ser abordado con profundidade. É entón, cando a resposta non se produce e a comunicación se ve obstaculizada, polo que resulta indispensable traballar a habilidade de escoitar de forma efectiva cos nosos alumnos e fillos, pois do contrario o proceso educativo se verá notabelmente alterado.Tanto dende a escola como dende a casa debemos de incidir en que os nenos realicen unha escoita atencional e analítica, na que o oínte atenda para obter información e así poida participar activamente nas clases e nas demais situacións comunicativas da vida cotián, evitando a escoita marxinal, que é aquela que non constitúe unha actividade principal, xa que nela os sons están noutro plano e a información permanece allea ao individuo, sendo desgraciadamente esta unha das formas de escoitar máis utilizada por algúns dos nosos alumnos en momentos determinados da xornada escolar.Saber escoitar implica dirixir a atención cara as palabras do outro, tentando acadar unha percepción, extraendo o esencial da mensaxe oída e evitando os xuízos anticipados, sen comprender a información emitida polo interlocutor. Polo tanto escoitar ben non é un acto pasivo, senón activo, e no que ser bo oínte implica ademais amosarse respectuoso e paciente na actividade comunicativa. 

DEFECTOS MÁIS FRECUENTES

Os defectos máis frecuentes que se manifestan por parte do oínte, que impiden a comunicación activa soen ser:Non prestar atención ao que se di, este acostuma a ser o defecto máis característico naqueles alumnos que manifestan problemas na habilidade de escoitar. Estar pensando na resposta en lugar de escoitar atentamente. Preparar a resposta antes de que o interlocutor remate de falar.Fixarse en detalles en lugar de extraer as informacións principais.Responder prolongando o pensamento do falante, é dicir, repetindo máis do que xa expresou o interlocutor. 

RECOMENDACIÓNS

É deber de todos, familia, profesorado, nenos, contribuír a que se eliminen os defectos e que se practique unha escoita activa, para o cal resulta necesario e fundamental ensinar a escoitar, partindo do exemplo persoal como modelo comunicador eficiente. Así algunhas das recomendacións para mellorar a habilidade de escoitar poderían ser: 

  • Tentar que o acto comunicativo se produza nun ambiente tranquilo onde os elementos externos non desvíen a atención dos que deben escoitar. O ambiente de comunicación debe estar estruturado, organizado e interiorizado.
  • Acadar unha situación de silencio antes de emprender o acto comunicativo.
  • Traballar a conduta de escoitar e esperar o momento oportuno para falar.Incidir en que os que escoitan dirixan a mirada cara o interlocutor.
  • Propiciar o diálogo: familia-alumno-familia e profesorado-alumno-profesorado.Habituarse a escoitar cando falan e non interromper.
  • Solicitar a palabra e esperar a rolda para expresarse.
  • Amosar atención e interese cara o que se di. Non anticiparse ao que a persoa que fala está dicindo.
  • Realizar preguntas sobre o que se escoitou unha vez rematada a intervención do interlocutor, co obxectivo de comprobar que a escoita foi activa e que a mensaxe foi comprendida, que se captou a idea central.
  • Buscar técnicas de intervención  para centrar a atención en cada caso particular pois cada neno presenta unhas características propias.

Concienciarse que as estratexias utilizadas para que a escoita sexa eficaz nunca suporán unha perdida de tempo, xa que a larga producirán os seus efectos. O tempo utilizado para a comunicación nunca suporá un tempo perdido, o importante será chegar a acadar a atención dos alumnos.Escoitar para ser escoitados. No caso da área de Educación Física o feito de traballar a habilidade de escoitar resulta de gran importancia, xa que aquí, aos defectos típicos dunha mala escoita súmanse outros aspectos intrínsecos da propia área que fan máis difícil a comunicación no desenvolvemento das sesións, como son: o espazo, que é aberto, mais amplo que o da aula e que en ocasións é compartido con outro grupo clase de forma simultánea; os alumnos, que están en continuo movemento, non están sentados; o material, que pola súa tipoloxía pode resultar unha novidade e polo tanto un centro de desvío da atención, etc. 

CONCLUSIÓN

Para finalizar, dicir que, cando a habilidade de escoitar falla, o mecanismo de aprendizaxe motor dificultase xa dende o seu inicio, pois unha mala recepción da información por parte do individuo provocará unha toma de decisión incorrecta e a conseguinte deficiencia na execución.Escoitar ben afecta a tódalas áreas do currículo escolar, pero ademais de iso, favorece a comunicación do neno co seu entorno e o seu desenvolvemento integral como persoa, que en definitiva, ven a ser a gran finalidade da educación na etapa da Educación Primaria, polo que tentar mellorar esta habilidade debe ser labor de todos os membros da Comunidade Educativa.