Lun | Mar | Mér | Xov | Ven | Sáb | Dom |
---|---|---|---|---|---|---|
1 | 2 | 3 | 4 | 5 | 6 | |
7 | 8 | 9 | 10 | 11 | 12 | 13 |
14 | 15 | 16 | 17 | 18 | 19 | 20 |
21 | 22 | 23 | 24 | 25 | 26 | 27 |
28 | 29 | 30 | 31 |
Oe ben o meu fillo?
RAQUEL PADRONES GARCÍA. MESTRA AL
A finalidade deste artigo é ofrecer aos pais dos máis pequenos unha sinxela guía para detectar no fogar posibles dificultades ou perdas de audición nos seus fillos. Chamar a vosa atención sobre un aspecto tan importante para o desenvolvemento do neno como é a audición obedece ao feito de que actualmente un 30% das xordeiras ou hipoacusias se están a diagnosticar tardiamente (a partir dos 3 anos de idade). Aínda que moitos hospitais e maternidades do noso país dispoñen xa dun Programa de Detección Precoz de Xordeira, e nalgunhas Comunidades Autónomas é obrigatorio que todos os recén nacidos pasen polo devandito programa, o certo é que por desgracia aínda non se están a aplicar de forma xeneralizada por parte dos servizos públicos de saúde.
Dada a situación faise especialmente importante a observación e seguimento por parte dos propios pais da audición nos primeiros anos de vida dos seus fillos.Se unha perda auditiva non se detecta precozmente tampouco será atendida precozmente o que dará lugar a importantes alteracións na adquisición da fala e da linguaxe, no desenvolvemento emocional e cognitivo así como na integración familiar, escolar, social e laboral. Solo unha detección precoz permitiranos realizar un oportuno labor preventivo, educativa e rehabilitadora para aproveitar ao máximo a idade crítica de aprendizaxe. Guía orientativa para observar a audición do voso fillo en cada tramo de idade
Do nacemento aos 3 meses
- O voso bebé axítase, abre os seus ollos ou pestanexa cando hai un ruído.
- Dá mostras de escoitarvos cando lle falades ou cantádeslle.
- Tranquilízao escoitar a vosa voz.
- Reacciona ao son dunha campaíña.
De 3 a 6 meses
- Reacciona aos ruídos familiares.
- Oriéntase cara á vosa voz coa mirada ou xirando o colo.
- Responde con emisións á voz humana.
- Emite sons guturais para chamar a atención.
De 6 a 9 meses
- O neno mira e atende cando se lle chama polo seu nome.
- O neno mira cara ao sitio onde se orixina un ruído ou se asusta se este é forte.
- Chama a vosa atención mediante vocalizacións.
- Emite sílabas (pa, ma, ta...)
- Xoga coas súas vocalizacións, repetíndoas e imitando as do adulto.
De 9 a 12 meses
- Parece responder mesmo ante sons moi débiles.
- Recoñece e localiza "papá" e "mamá" cando se lle nomean.
- Comprende palabras familiares.
- Entende a negación.
- Comprende ordes sinxelas sen apoio xestual como por exemplo dáme..., toma...
De 12 a 18 meses
- Di "papá" e "mamá" con contido semántico.Comeza a dicir as súas primeiras palabras.
- Recoñece e localiza os seus xoguetes cando se lle nomean.
- Responde de forma distinta a sons diferentes como o timbre, o teléfono, ...
- Nomea algúns obxectos familiares.
- Responde dalgún xeito cando se lle chama dende outro cuarto.
- Responde a preguntas sinxelas sen xestos.
- Xoga imitando xestos que acompañan cancións infantís (por exemplo "os 5 lobiños"....),
- Comprende ordes como: -"di adeus”
De 18 a 24 meses
- Empeza a usar palabras simples (en torno a dez).
- Conta cousas na "súa linguaxe".
- Pode sinalarse partes do corpo cando llo/llelo pedimos verbalmente.
- Pon atención nos contos.
- Comprende ordes sinxelas sen acompañalas de xestos indicativos.
- Coñece o seu nome.
- Fai frases de dúas palabras.
Aos dous anos
- Intenta falar convosco xuntando palabras en frases sinxelas.
- Responde a ordes e preguntas sinxelas mesmo cando está lonxe do que lle fala.
- Pode oírvos mesmo cando lle falades en voz moi baixa.
- Sinala nos debuxos o que lle pedides.
- Gústalle que lle leades contos.
De 3 a 6 anos
-
Sabe falar. Utiliza unha linguaxe axeitada á súa idade e todo o mundo lle entende.
- Sabe contar o que lle pasa (expresa verbalmente as súas necesidades, sentimentos e vivencias).
- É capaz de manter unha conversación sinxela.
- Fala con outros nenos.
- Pode repetir unha frase se lle pide.
- Pode explicar o que vai nun debuxo, ilustración, etc.
- Contesta a preguntas sinxelas sobre si mesmo, os seus familiares, a súa vida...
- Cando se lle pregunta algo non contesta sistematicamente cun "¿que "? ".
- Utiliza correctamente os pronomes persoais "Eu" e "Ti".
Outros aspectos que convén observar : ¿Berra o neno excesivamente ao falar?¿Sobe moi alto o volume do televisor?¿Ten problemas de relación ou integración na escola? ¿É Introvertido, distraído ou agresivo?Se tras a observación tedes dúbidas sobre a audición do voso fillo debedes acudir ao médico especialista (otorrinolaringólogo) para que realice a valoración oportuna.
Non esperedes. Recordade que un diagnóstico precoz é a mellor garantía dun desenvolvemento normal nun neno con perda de audición.