Ampliar as mensaxes verbais dos nenos


AMPLIAR AS MENSAXES VERBAIS DOS NENOS

RAQUEL PADRONES GARCÍA. MESTRA AL 

Como adoita pasar (os pesimistas-realistas dirían como raramente pasa) unha das maneiras máis eficaces de dar linguaxe a un neno é tamén unha das máis sinxelas de levar a cabo.Estoume a referir a adoptar o costume de ampliar o que o neno nos di.Ampliando ofrecémoslle un modelo correcto de expresión e axudamos ao neno a:

  • Comprender máis e mellor acerca daquilo que nos di, daquela experiencia que tivo.
  • Aprender a dicir palabras novas.

 Calquera palabra ou tema pode ser ampliado, o modo de facelo dependerá só do nivel de comprensión que teña o neno en cada momento do seu desenvolvemento.Imaxinemos unha nena de curta idade xogando no chan cun cochiño, a nai agáchase para participar no xogo da nena...A nena inicia unha conversación co seu mami,  e di: mami toche. Aí temos a mensaxe, a palabra: coche. ¿Que pode facer a nai con esa palabra?, ¿como a ampla?, hai varias formas:

  • Pode nomear: Si, é un coche
  • Pode describir:  ah, si, é un coche vermello moi bonito.
  • Pode explicar:  si, o coche, mamá vai ao traballo no coche.
  • Pode incorporar os sentimentos da nena: ah, si, un coche, ¿a ti gústache ir de paseo no coche?
  • Pode imaxinar. Un coche, si, imaxina que baixamos unha costa moi graaande...
  • Pode falar de mañá: si, o coche, mañá iremos no meu coche a visitar os avós.
  • De dentro de moitos mañás: si, un coche, cando sexas maior ao mellor ti conduces un coche
  • ... ou de onte: ah si, o coche, onte fomos no coche a recoller o teu irmán, ¿lémbraste?

As posibilidades son moitas, tantas como se nos vaian ocorrendo pero sempre están a incidir en ofrecer un modelo correcto, en mellorar a comprensión, en dicir palabras novas, ... en definitiva: estamos a dar linguaxe, ampliando as oportunidades de aprender do neno.