Compostela Medieval
Enviado por ceippio12 o Mar, 2009-10-27 16:33
|
|
|
COMPOSTELA MEDIEVAL
A actividade desenvolverase do 26 de outubro ao 13 de novembro cunha duración de 2 horas e media.
COMPOSTELA MEDIEVAL, céntrase nesta etapa histórica na que Compostela acada a súa madurez, social, económica, institucional e cultural da man dun poderoso episcopado e dunha rebelde burguesía. Principia cunha visita guiada e participativa de dúas horas e media de duración pola Cidade histórica. Durante o percorrido descubrirán como era a cidade e como vivían os seus habitantes na Idade Media. Para esta descuberta Terceira Persoa, empresa encargada de levar a cabo a actividade, baséase nas numerosas pegadas históricas (a cerca da cidade, os espazos públicos, a toponimia.....) que podemos encontrar en Compostela.
No decurso desta visita guiada, os participantes asistirán a escenificacións de personaxes e situacións históricas e, para iso empregaranse documentos adaptados procedentes do Libro do Concello de Santiago (1416-1422) conservado no Arquivo Universitario como por exemplo o Documento do xuramento de dous alcaldes ou xuíces no mosteiro de San Paio de Antealtares; o Pregón coas medidas e prezos dos produtos dos mercados segundo as ordenanzas do concello; ou a Orde do concello de pechar as portas da muralla. Rematado este percorrido, os nenos e nenas participantes completarán un caderno de viaxe para asentar os coñecementos adquiridos, caderno que xunto co que se distribuirá tamén entre o profesorado servirá para seguir traballando o tema nas aulas.
COMPOSTELA MEDIEVAL é un programa aberto a todos os centros de ensino de Compostela que se vai desenvolver do 26 de outubro ao 13 de novembro. Os centros interesados, teñen que cubrir e enviar por fax ou correo electrónico a súa solicitude indicando as datas en que queren realizar a visita guiada e o número de participantes (máximo de 25 por grupo).
Nesta visita guiada os rapaces percorrerán, entre outros, os seguintes lugares:
- Porta do Camiño. É a principal porta de entrada á cidade de peregrinos e mercadorías. Coñeceremos as funcións da muralla e das portas.
- Rúa Entremuros. Veremos un lenzo conservado da muralla.
- Algalia de Abaixo (nome medieval: Algara de Fondo). Veremos unha tipoloxía de casa e trataremos o aspecto das rúas.
- Praza de Cervantes (Praza do Campo). Era a praza comercial máis importante na Idade Media. Nela, o concello expoñía os prezos e medidas oficiais dos produtos e mercadorías para evitar fraudes.
- Praza da Inmaculada (Praza do Paraíso). Era a porta da catedral por onde entraban os peregrinos. Neste espazo traballaban moitos profesionais relacionados co atención aos peregrinos: acibecheiros, concheiros, albergueiros, cambiadores.
- Praza do Obradoiro. Diante do pazo de Xelmírez falaremos sobre o señorío da cidade e o continuo enfrontamento entre este e os cidadáns e cidadás representados polo concello. Coñeceremos a importancia de Santiago como sé eclesiástica do Reino de Galicia. Descubriremos o aspecto da catedral románica e o desenvolvemento acadado polos oficios relacionados coa construción grazas á construción do templo románico e do resto de igrexas e elementos urbanísticos da cidade
- Praterías (praza dos Ourives). Nesta praza estaban as tendas dos ourives (os prateiros) e os postos do peixe (o de peixeira era un oficio de muller). Poderemos ver a portada románica de entrada á catedral.
- Praza da Quintana. Foi un cemiterio de clérigos e persoas importantes da cidade e a praza pública principal da cidade nos s. XIV e XV. No mosteiro de Antealtares celebrábase o nomeamento de alcaldes ou xuíces do concello que dependía do arcebispo.
- Rúa Nova. Veremos a igrexa medieval de Santa María Salomé e dous exemplos de casas medievais con soportais. Trataremos as funcións das casas: o espazo de traballo na parte baixa (tenda ou obradoiro) e a vivenda na planta superior
- Praza e porta de Mazarelos. Pola porta entraban os peregrinos da Vía da Prata e diferentes mercadorías como cereais de Castela e viño do Ulla e do Ribeiro. A praza era un importante espazo comercial onde se vendían eses produtos e mais as verduras. A porta de Mazarelos é a única porta da muralla que conservamos e a segunda en importancia en época medieval. A burguesía compostelá estaba dirixida por comerciantes.
- ALUMNADO DE 5ºA e 5ºB [16/11/09].
- ALUMNADO DE 5ºC E 6ºA [17/11/09].
- ALUMNADO DE 6ºB E 6ºC [17/11/09].
|
|
|